crítica de LUGAR DE INCENDIOS, de Paco Souto e Serxio Moreira, en Caldeirón.

BELEZA POÉTICA EXPONENCIALMENTE TRATADA

Título: Lugar de incendios

Autores: Paco Souto & Serxio Moreira

Editorial: Caldeirón

É frecuente escoitar falar/ler sobre a beleza das matemáticas. A beleza dos teoremas, por exemplo. Sempre baseada no feito da súa exactitude. E relación entre a poesía e as matemáticas sempre a houbo e non se pode negar, mais é sobre todo na poesía clásica, na poesía medida, na poesía que garda métrica, por iso de que o ritmo poético aí pode ser reducido a series numéricas. Porén, hoxe en día, non é esta a poesía máis escrita. E o ritmo, aínda que non desaparece, si deixa de ser a reptición de series numéricas e vólvese inapreixíbel, desbocado, incontíbel, abismal…Sinxelamente porque a poesía actual, a poesía dos nosos días (e con esa expresión indícanse varias décadas “democráticas”), a poesía de agora é así. E para boa mostra do que dicimos, mellor exemplo que os poemas de Paco Souto é difícil atopala. Porque si, imos falar de poesía e non de matemáticas, de poesías de Paco Souto, hai pouco (2017) tristemente desaparecido e unha das voces máis persoais e fondas da nosa poesía actual. Cabería tamén falar da súa actividade como divulgador ou difusor cultural desde diversas iniciativas, unha actividade moi importante (decisiva) no decorrer da poesía actual mais que excedería a nosa intención nestas liñas e merece un tratamento propio.

                     Cómpre dicir, iso si, que Paco Souto foi un autor multidisciplinar. Coñecidoe e recoñecido fundamentalmente como poeta, tamén foi ilustrador, por exemplo, ou dramaturgo. E este Lugar de incendios do que tratamos hoxe é un moi bo exemplo. Nel xúntanse un mangado de poemas de Paco Souto, ilustracións por el mesmo realizadas, e a música de Serxio Moreira que acompaña os recitados de Paco. De aí o título destas liñas. Porque á beleza da poesía de Paco Souto hai que sumar exponencialmente a beleza das súas ilustracións ( que non son catro trazos pintados senón que conceptualmente son moi ricas, xa non só pola combinación de colores e formas senón tamén pola presencia imprescindíbel da palabra como marco delas), e a este conxunto aínda hai que engadir a música de Serxio Moreira.

                     E si, este é un deses chamados libros obxecto. Un libro obxecto dunha beleza infrecuente, feito que o individualiza, e que fai del un deses títulos que o posuidor ou posuidora agarimará dentro do seu corazón para sempre, porque chega a el e o emociona desde diversas disciplinas. Sinxelamente, un non cansa nunca de admirar a beleza dos poemas de Paco Souto, ou repara agora na beleza das ilustracións, sen deixar nunca de sentirse conmovido pola voz de Paco Souto acompañada pola música engaiolante de Serxio Moreira.

                     Lugar de incendios é unha maneira de acceder á beleza poética desde a disciplina pictórica ou da musical. E tamén, de acceder a estas desde a poesía.

                     Non é esta a primeira colaboración de Paco Souto e Serxio Moreira, que baixo o selo Aínda víñano facendo desde 2001, proxecto ao que se sumarían (2013) nos derradeiros traballos da poeta Rosalía Fernández  Rial e o fotógrafo Peter Schneider. Concretamente, este Lugar de incendios é un proxecto de 2009, que nace como espectáculo de poesía en directo con acompañamento musical. E tamén foi concebido como proxecto editorial, mais nunca chegou a ver a luz. Deica 2019, cando se facían 10 anos do seu nacemento e Caldeirón o deu ao prelo.

                     Desde o punto de vista crítico non cabe máis que dar os parabéns á editorial por dar a luz un proxecto poético de tanta beleza, para o que escolleu un formato grande, no cal as ilustracións se ven favorecidas e mesmo hai lugar para a notación musical de cada poema. Á editorial, e á editora por un traballo coherente e sen fisuras que nos permite acceder á beleza dos poemas de Paco Souto de forma exponencial, multiplicándoa pola visión pictórica e tamén pola musical, pois o llibro vai acompañado dun CD onde se recolle a interpretación musical de Serxio Moreiras para os poemas de Paco.

                     Eis un dese libros que un non cansa de ter nas mans, de mirar, de escoitar, de ler e reler, intimamente, pois é aí onde se orixinan os incendios a que dá lugar a palabra poética de Paco Souto.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s