aproximación a DENTE DE LEITE, de Arancha Nogueira, en Xerais

POEMAS PARA A NAI

Título: Dente de leite

Autora: Arancha Nogueira

Editorial: Xerais

Non sendo un tema dos máis coñecidos, o da nai si é un tema recorrente na poesía universal. Así, de bote pronto, e comezando polo noso Curros e sen esquecer a tradición popular, véñenme á cabeza poemas de Paul Celan, Beaudelaire, Pessoa, Torga, Mia Couto, Florbela Espanca, Drummond de Andrade, Octavio Paz, Lorca, Alfonsina Storni, Dulce María Loynaz, Neruda, Elisa Lucinda, Conceição Evaristo, ou Gabriela Mistral (quen non lle escribiu un poema, senón que é tema predilecto da autora). Así, por citar algúns autores e autoras históricos e sen esforzarme nada, pois este tema sempre foi para min dunha emotividade moi grande. Son consciente de que eses nomes só son unha mínima representación, xa non só d@s temporarimente máis achegados a agora senón que aínda é peor se o miramos desde o punto de vista diacrónico. Mais é que a nosa única intención é a de engadir o nome de Arancha Nogueira a unha tradición que, como diciamos, se non é das máis coñecidas si estivo presente sempre en autorías ben recoñecidas historicamente.

                     O tema poético da nai, a simple vista pode parecer socorrido e agardábel e mesmo non moi variado. Quen non lle quere a unha nai? Pois o erro é grande, moi grande. Do mesmo xeito que as nais son seres xeralmente sempre ben queridas, tamén hai que ter en conta que @s poetas que lles escriben non se van conformar cuns simples versos de agradecemento, de amor filial eterno ou de rendición perante a capacidade de amor e abnegada dedicación de que só as nais son capaces…Non, quen poeta versos que teñen como tema a nai quere os seus versos non compoñan un poema máis, senón que ese(s) poemas(s) sexan especiais pois non hai nada máis especial que o amor dunha nai, e deixará o mellor de si, da súa capacidade poética, na tentativa. Alén da confesada emotividade que me suscitan, esa é outra poderosa razón que me move e interesa pola súa lectura.

                     Ben, unha vez fixado o tema central do poemario de Arancha Nogueira, cómpre indicar que non se trata do mesmo poema repetido baixo diversas formas senón que, desde o mesmo inicio os poemas son tamén o lugar onde a voz poética procura na nai a confidencia amorosa, sensíbel, comprensiva ( e esgótansenos os cualificativos). Deste xeito, a poesía de Arancha Nogueira non só é unha viaxe introspectiva cara á figura da nai, tamén o é recuperando instantes da infancia, da nenez, eses intantes que agora volven á memoria cargados dunha afectuaosidade moi fonda aínda que só pareceran simples viaxes en coche á praia. Poderíase dicir agora que autora recupera a figura da nai protectora, agarimosa, irrepetíbel. E é certo, com tamén é certo que esa figura, esa imaxe, ese sentimento, non deixan de estar presentes en nós decote, axudándonos a vivir, a non naufragar, a loitar. Acompañándonos. Porque a compaña da nai é, sempre, segura.

                     Cómpre sinalar que, aínda estando preñado de nostalxia todo o poemario, a visión que a voz poética proxecta non é a dunha adulta que lembra. Ou si, non queda máis remedio porque o tempo pasou. Porén, o que queremos dicir é que Arancha Nogueira procura a aproximación á figura materna (e tamén paterna, o pai tamén está presente) desde os ollos dunha cativa. E, sendo esa visión da cativa primordial mesmo hai oco nas súas palabras para o sentir (analizar, entender, percibir) adulto, ou, cando menos, esa sensación dá ( o cal, espertar reflexións ou emocións, é moito máis complexo ca dicilas) mais nunca se perde a emotividade da crianza. Velaquí expresado algo que non resulta nada doado, que é infrecuente, e que hai que saudar como un dos logros desta poesía de Arancha Nogueira, unha poesía que foxe do efectismo, que se conduce polos camiños da sinxeleza formal…unha poesía esencialista, que non precisa máis nada para comunicarnos unha sentimentalidade que nos fai sentir máis próxim@s ao que en nós hai de humano. Pois toda humanidade ten orixe precisamente aí, na nai, nas nais.

                     Este poemario, no cal as fronteiras entre poema e poema están diluídas, tanto se pode falar dun continuum discursivo entre eles, ou mesmo dun único poema que ocupa todo o libro…Esta sentida e emocionada e emocionante homenaxe á nai…Ben pagaba a pena escribila aínda que só fora por contar co precioso limiar de Lupe Gómez…

                     E agora que nos aproximamos ao remate destas liñas acoden á nosa memoria versos de Eva Veiga, de Antía Otero ou de Xesús Rábade Paredes, aínda que só sexa por complementar ( con nomes de máis actualidade) un chisco máis a enumeración inicial da tradición na que se insire, con letras maiúsculas, Arancha Nogueira.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s