reflexións sobre a distopía na narrativa actual

Ao fío do artigo de Irene Pin publicado no nº 390 de Sermos Galiza, ocórrenseme unha serie de reflexións que considero importantes, non se trata de enmendar un texto xornalístico ben acaído para os días de confinamento que vivimos, enténdasenos ben, senón de reflexionar sobre a distopía na narrativa actual.

Resulta xusto o recoñecemento de Lois Diéguez (Galou Z-28) ou Nacho Taibo (Os inmortais). A de Lois Diéguez é unha novela de iniciación, na que se poden ollar impericias típicas deste tipo de traballos. Mais tamén é certo que discursos como este, ou como os de Nacho Taibo ( tamén inicáticos) daban á narrativa galega, que poucas veces incursionaba fóra do costumismo e diso era acusada, un ar de modernidade que é un valor moi a ter en conta. Polo que deben ser considerados máis alá da puntualidade temática e da pulcritude histórica. Entre outras cousas tamén porque significan a aparición dunha nova xeración narrativa, lonxe dos parámetros da tradición herdada e que apostan pola modernidade nos seus textos. E tamén, claro está, significan o inicio da vertebración xenérica da narrativa galega. Certamente, nesta vertebración hai que contar tamén con Xosé Fernández Ferreiro e A morte de Frank González, tamén discurso iniciático, literariamente e a noso xuízo, o de máis valor literario, porén non se trata dunha distopía senón dun western que, con Lois Diéguez e Nacho Taibo, loita por dar inicio en galego a unha literatura de quiosco que despois non se consolidaría e na que aínda habería que sumar os “Relatos dunha hora” (Nigra) que verían a luz case vinte anos despois mais coa mesma intención. Respecto ao western, é un xénero que non tivo fortuna e apenas hai que mencionar Por unha presa de machacantes (Isidro Novo, que asina como Isy New), tamén máis de vinte anos despois da novela de Fernández Ferreiro e desde unha perspectiva cómica.

Un inciso: se nos poñemos puristas, igual había que procurar distopías anteriores, por exemplo en Cunqueiro…

Hoxe por hoxe a distopía está tan presente na nosa narrativa, que considero importante distinguir aquelas que son ficción científica, as que constitúen política ficción e aqueloutras que  presentan sociedades alternativas e admiten, ou demandan, un adxectivo que as complemente. Esta distinción evitará meter no mesmo saco discursos que son moi diferentes e que tamén teñen diferente intención. Esta é unha práctica habitual, non coñezo tratadista que, dunha maneira ou doutra, non se vexa na necesidade de compartimentar o espazo distópico.

Por exemplo evitaría considerar como simple distopía Un cervo na torre (Darío X. Cabana), que en realidade é política ficción, unha política ficción na que tamén hai que lembrar o Retorno a Tagem Ata de Méndez Ferrín, non facelo sería imperdoábel. Que, por certo, tampouco é o único texto de Ferrín susceptíbel de ser considerado como distopía… A Obediencia de Antón Lopo, tamén estaría cerca destes parámetros, que son claramente “ecoloxistas” no caso de Borrazás e Costa Norte/ZFK, como foran as aventuras de Saíd e Sheila da serie iniciada por Ramón Caride en Perigo vexetal, como ben lembra Irene Pin, dentro da chamada LIX, aínda que sexa máis aventureira ca distópica. Un Ramón Caride que é sen dúbida un autor fundamental, xa non só polo dito, senón tamén polos inesquecíbeis Soños eléctricos, por exemplo (e bo exemplo de ficción científica para adultos)

Dentro da polítca ficción tamén hai que ter en conta a Patricia A. Janeiro con A perspectiva dende a porta, e tamén parece xurdir dunha distopía a máis recente Rueiro da cidade escura. Porén continuemos coa política ficción, onde non se debe esquecer a Xelamonite de Luís Paradelo, mesmo a Asasinato no Consello Nacional de Diego Ameixeiras ( aínda que admita converxencia xenérica doutro estilo) podería entrar aí, e A raíña das velutinas de Lionel Rexes, ou mesmo Os largos e longos campos de liño azul de Isaac Xubín tamén teñen o seu quiñón.

Non son catro títulos precisamente, nin tampoco discursos iniciáticos.

Para ser xustos, dentro da distopía que presenta sociedades alternativas, non se pode esquecer a Historia dun paraugas azul de Xosé Miranda, que tamén ten o seu de distopía malia frecuentemente ser catalogada desde a compoñente “marabillosa”; nin tampoco A compañía clandestina de contrapublicidade de Marilar Aleixandre. Ambas novelas teñen a suficiente entidade literaria como  para non caer no esquezo.

Outro inciso: dentro das distopías tampouco debe caer no esquezo o Longo voo de paxaro de Fermín Bouza Álvarez, unha distopía con toques surrealistas, con moito humor (ironía e tamén simbolismo) e que é unha desas lecturas agradecidas que pasou desapercibida inxustamente. Se a dan atopado (non sei se xa estará desctalogada), non a esquezan, sorprenderaos.

Dentro do mesmo inciso: outro título que tamén hai que ter en conta é O retorno dos homes mariños de Xurxo Souto. Aínda que a compoñente “marabillosa” (outra vez) da novela é moi forte tampouco pasaría nada por vela de certa maneira entre as distopías. Porén, a recente A gran travesía de Chiruca Macallás, por moito que parta da anterior, xa é cousa ben distinta.

E seguindo coas distopías que presentan sociedades alternativas, o nome de Manuel Darriba (Elefante, O bosque é negro e profundo) é un dos que repiten tentativa neste eido, o mesmo que Alberte Momán Noval (Vattene-O legado extraterrestre, Bosquexos para unha distopía, Barata minha barata), Abel Tomé ( A noite do corvo e A noite do lobo). Mesmo os Relatos para televión de Xabier Cordal serían susceptíbeis de entrar aquí, o mesmo que o Hotel para coleccionistas discretos de Diego Giráldez.

Outro autor que probou forte na distopía e Xesús Constela en 15724, onde tamén se pode achar crítica política que percorre toda a novela, mais non directa senón que xoga coa interpretación do lector, propoñéndolla. E Xosé Duncan, autor moi ligado aos temas de fantasía e terror, tan próximos a distopía porque tamén moitas veces son distopías aínda que xa conforman xénero de seu, en As lembranzas perdidas do lago Antelväri ( e non é o único título de Duncan editado en Urco susceptíbel de entrar aquí) . E Daniel Asorey con As mulleres da fin do mundo, tamén é outro autor a ter en conta.

Sen ánimo de exahustividade (por exemplo: non comentamos nada das distopías propias do xénero do terror ou misterio, que tamén son distopías e que veñen no noso auxilio á hora de non incluír todo no mesmo saco; nin incursionamos na LIX, onde se publicaron moitos títulos con diversa fortuna, e que daría para moitos artigos). E renunciando a falar de distopías por exemplo no teatro, onde sería inútil, porque a percepción de calquera peza teatral xa comeza precisamente por aí. O espectador sabe que o que vai ver é alternativo. Aínda que sexan obras dun realismo innegábel. Non sucede exactamente o mesmo cando se abre un libro, o pacto lector, neste caso, resulta decisivo; un pacto que no teatro non se establece da mesma maneira, a noso xuízo.

Entre as máis recentes cóntase DX de Eli Ríos, édita en Urco (unha editora que apostou moito por este tipo de historias), que tamén é unha distopía, coa súa compoñente política (non se esqueza) e socialmente crítica, mais que fai da anulación dos valores de xénero o seu punto máis interesante ao indagar desta maneira na compoñente puramente humana da personalidade. Sen deixar de selo, é algo  máis que unha bandeira literaria do colectivo LGTBI…

Tendo en conta que a Natura de Iolanza Zúñiga é unha distopía que integra nun mesmo discurso a faciana política, de xénero, co seu quiñón de ecoloxista tamén, e tecnolóxica. apocalíptica (por suposto) e aínda social e relixiosa… e sabendo que, por exemplo, aínda nos quedaría por falar das distopías humoríticas (de fondo contido satírico)… e despois de vermos as variedades distópicas que nas nosas letras hai..

Á crítica cómprenos reflexionar se seguimos considerando a distopía unha especie de xénero novelesco, opción máis habitual (dunha maneira ou doutra), ou temos que ir pensando en considerala unha práctica escritural de seu… xa que o orixinario “anti-utopía” estamos vendo que non ten porque cumprirse sempre…

Despois de ler o artigo de Eva Moreda (https://biosbardia.wordpress.com/2020/04/30/evidencias-e-lagoas-no-estudo-da-distopia-galega/)

incorporo unha lectura que me pasara por alto: Fuxir de poeira (Manuel Blanco Desar, Fervenza), coa crise demográfica como tema de fondo, distopía clásica, pois. Eva tamén menciona Be water, de Antía Yañez ( Cuarto de Inverno), se ben esta é unha novela LIX, LIX que xa indicamos que non incorporamos no noso cómputo.

2 opiniones sobre “reflexións sobre a distopía na narrativa actual

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s