a NATURA de Iolanda Zúñiga (Galaxia) e o concepto de humanidade

DESACOUGANTE DISTOPÍA QUE OBRIGA A REFLEXIONAR

Título: Natura

Autora: Iolanda Zúñiga

Editorial: Galaxia

Se alguén nos chega a relatar desde a ficción este tempo de confinamento polo coronavirus, igual non nos custaría moito interpretar ese discurso como distopía. Ninguén sabe como será o futuro, mais xa nos están advertindo que o que consideramos humanidade igual o temos que ir repensando para que non nos pille incautos. Perda de dereitos civís, merma nas condicións laborais etc… Así que me parece moi axeitado comentar hoxe esta novela de Iolanda Zúñiga, autora que con cada novo título sempre sorprende, o cal quere dicir que se manexa ben en diferentes rexistros malia non dar co segredo para escribir best-sellers e poder vivir un pouco mellor, segundo confesou. Un bo exemplo é esta Natura, distopía apocalíptica que saíu publicada no 2018, ano en que tamén viu a luz a desenfadada Noites de safari.

                     Antes definina como distopía apocalíptica e, non renunciando a esa definición, teño que engadir que tal definición necesita ser complementada, porque se non se fai a imaxe que queda da novela é moi parca, curta, inxusta. Por exemplo, hai que dicir que é unha novela de mulleres, onde o protagonismo é feminino, hai que dicilo aínda que isto no corpus de Iolanda Zúñiga tampoco é que sexa moita novidade. A propia autora xustifica isto aludindo a que a súa novela é unha homenaxe a A estrada de Cormac McCarthy, e como na novela (Pulitzer 2006) do estadounidense os protagonistas son pai e fillo, ela, xogando aos opostos complementarios quixo que as protagonistas foran nai e filla. Contrarios que non deixan de ser paralelismos, se na de Cormac había moito frío, en Natura é calor; o que antes era unha estrada aquí é camiño, o que na de Cormac era Norteamérica aquí é Europa (moi ao norte) etc. Porén, para alén desa homenaxe volvamos ao protagonismo feminino. Porque na nosa opinión hai máis razóns para iso. Hainas, desde o momento en que é unha distopía que nos sitúa no futuro, e o futuro é das mulleres (como xa o está sendo o presente). Así que, como mínimo esta é unha razón de peso que non debe ser preterida ou esquecida.

                     Como distopía apocalíptica preséntanos un tempo futuro no cal por culpa do quecemento climático a xente, a humanidade, vese na obriga de fuxir cara ao norte procurando unha temperatura máis doada de aturar. Mais nesa fuxida na procura de salvación van perder o que de humanidade lles quedaba ás personaxes. Esta perda de humanidade, que tamén é a perda dos sentimentos, da memoria, da vontade… en defintiva, a perda daquilo que nos permite chamarnos humanos, é o eixo da trama. Por iso a novela é fondamente desacougante, por iso a novela obriga a unha fonda reflexión a cerca do que nos queda de humanidade. Fondamente desacougante e nada compracente.

                     Esa fuxida leva as protagonistas a un lugar chamado Natura, que é unha obra colosal de enxeñaría que a min me lembrou moito a Metróplis (1927) de Fritz Lang. De Fritz Lang, que a dirixiu, mais tamén de Thea von Harbou, a súa dona e con quen escribiu o guión, baseándose nunha novela da propia Thea. Ese concepto da Máquina como enxeño científico definitivo, como devoradora de traballadores, ou os elevadores (tan parecidos nas dúas historias) son concomitancias que me fixeron ter presente sempre o filme malia ser distopías tan diferentes, iso e a deshumanización, que tamén está presente nos dous traballos, no filme e na novela.

                     De feito ocórreseme que xuntando o filme de Friz Lang e a novela Margaret Atwood O conto da criada achégasenos unha imaxe da humanidade, da perda da humanidade nun futuro distópico, e do rol da muller que xa se asemella mellor á novela de Iolanda Zúñiga. Porque en Natura (título que xa fai referencia á capacidade reprodutora da muller) tamén as mulleres son seleccionadas para seren auténticas máquinas reprodutoras, non teñen outra fianlidade vital. Porque en Natura, o refuxio onde pretenden salvarse do abafante cambio climático, o que atopan é unha sociedade clasista, estamental, dominada polos homes e dirixida por un Padre (tamén hai un no filme de Lang,e tamén é unha personaxe negativa) que evidentemente nos leva a falar da mesma Biblia, ou da relixión católica. Pois Natura tamén ten o seu de crítica á relixión católica e existen paralelismos entre a novela de Iolanda Zúñiga e mais ela. O  Padre é como un Deus, os capítlos son 10 (como os mandamentos), a linguaxe da novela tende á solemnidade sobria e os títulos dos capítulos remiten a eses 10 mandamentos…

                     Crítica á relixión católica e tamén á sociedade sectaria e totalitaria. Que a sociedade de Natura é unha secta con todas as da lei. Crítica á sociedade sectaria e tamén ao capitalismo que nos levou a ese futuro apocalíptico e que, para preservarse, non dubida en caer no sectarismo máis salvaxe, salvaxemente patriarcal, salvaxemente inhumano, salvaxemente excluínte…cando as mulleres non son fértiles xa non son útiles e son desbotadas ás Zonas de Exclusión onde habitan as Bestas, é dicir, os rexeitados para entrar en Natura, para formar parte da Misión (palabra terriblemente relixiosa…e terriblemente militar), e curiosamente esas Bestas son os únicos que manteñen as lembranzas ou a sexulaidade (non son castrados nin lles borrran a memoria). Non deixa de ser curioso: as Bestas son as personaxes máis humanas. Temos aquí unha reivindicación da compoñente “animal” que forma parte do ser humano, unha reivindicación que tamén debe facernos pensar.

                     Formalmente é unha novela de narradora. Hai moi poucos diálogos debido ás peculiaridades das personaxes (sen vontade, sen memoria, cousificadas), só os imprescindíbeis, mesurados e ben traídos na lóxica das personaxes; unha opción que consideramos moi acertada. Iolanda Zúñiga móvese moi ben na tradición das mellores distopías, creando unha trama que é á vez apocalíptica, de xénero, que ten o seu de ecolóxica (polo menos de partida), tecnolóxica, política, social e mesmo relixiosa…

                     E, de paso, á crítica cómprenos reflexionar se seguimos considerando a distopía unha especie de xénero novelesco, opción máis habitual (dunha maneira ou doutra), ou temos que ir pensando en considerala unha práctica escritural de seu…

                     Porque esta desacougante distopía se non move en nós a necesidade de repensarnos como sociedade e como indivíduos…é que xa perdemos parte da humanidade que nos quedaba.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s