conversas con don Ricardo, no ano da pandemia COVID-19 en que a RAG lle asignou o Día das Letras Galegas, por fin!, e quere quitar o asunto de diante ao prezo que sexa…

Ben, don Ricardo, porque podemos imos consagrar un tempiño a dialogar, desde a liberdade que nos ampara ao sermos espíritos libres, non suxeitos á casuística ordinaria da carnalidade existencial ( e vaia unha lembranza para Vicente Risco, que tan ben literariamente o soubo expresar, malia perosalmente resultar un covarde e axeonllarse a Franco) que tanto ancora ao ser humano na súa finitude térricola.

Se non lle importa, eu creo que para nada, farémolo tomando como mediador acaído o libro de conversas con vostede que Carmen Blanco vén de de reeditar en Galaxia.

Título: Conversas con Ricardo Carballo Calero

Autora: Carmen Blanco

Editorial: Galaxia

Non, non lle ha importar, todo o contrario, sabido que a autora desas Conversas é unha antiga alumna súa ( en Fingoi, en Compostela ), moi aprezada por vostede e que seguramente é das persoas que mellor coñecemento teñen de voste, senón a mellor.

Pois direille, don Ricardo, que eu tiña moitas ganas de ler o libro de Carmen Blanco, porque son moi afeccionado aos libros de conversas, e particularmente porque despois de estar dúas veces con vostede nunca puidemos conversar a xeito pois nunca demos pasado dos saúdos protocolarios. Lembra? A primeira vez foi na súa casa, no seu piso de Compostela, eu acompañaba a alguén, non lembro a quen, nin se era unha ou dúas persoas , e tampouco lembro o que se falou. E a segunda vez con motivo de sermos convidados a un programa da TVG. Tamén eramos tres ou catro, non lembro ben, debeu ser no 86, ou por aí. Eu ía en calidade de membro do Consello de Redacción e co-fundador da revista Ólisbos, que acababa de ver a luz con moitísimo éxito na Facultade de Filoloxía (ben, e vaia desde aquí unha afectuosa lembranza para TÓRCULO, sen a súa colabroación non teriamos sido capaces de sacar adiante o proxecto, un proxecto que tivo/ten moito percorrido no tempo, malia a historia non nos lembrar a ningún/ningunha d@s fundadores/fundadoras, sei que pasa iso porque non os primeiros números que sacamos adiante vendiánse ao completo en poucos días, pero tampouco é xustificación ningunha, se hai que procurar, procúrase… e xa está. Eu teño os catro primeiros números, hei de facer algo ao respecto, por xustiza.) E vostede amosouse moi cordial comigo e co proxecto que eu ía representando. Pareceume vostede unha persoa afábel, comprensiva e moi contenta porque a mocidade/estudantado creara proxectos que supoñían un engrandecemento da CULTURA GALEGA…

Xa ve, púxeno en maiúsculas porque vostede o comprenderá moi ben, pois o seu interese vital primordial foi ese, contribuír para o engrandecemento da CULTURA GALEGA desde as posibilidades que a vida lle ofreceu ou deparou. Fica ben claro nas declaracións que vostede lle fixo a Carmen Blanco e se len no libro de conversas. Particular e modestamente, tamén é o meu interese vital primordial. Únenos iso, e máis cousas, como a vocación crítica da literatura, por exemplo, onde ninguén pode vivir fóra da sombra súa, agora, agora que hai escritores e escritoras que teñen como finalidade SER LID@S, non engrandecer a LITERATURA GALEGA. Só ser lid@s. Porque escriben literatura, non literatura galega. A proba é que editan tanto en galego como en castelán á vez. E xa empezan a ser bastantes. E, a min, particularmente, téñenme nunha disxuntiva. Non sei ata que punto, ao facerlles as críticas, non estou xogando para fóra, vostede ben me comprenderá. Ben que me compracería parolar longo disto con vostede, pois esa é outra cousa que temos a parcería, o gusto por falar de libros, de literatura…

Verá, cando me puxen a ler o libro de Carmen Blanco eu tiña moitas ganas de saber o que voste ía dicir de Scorpio, fundamentalmente, porque foi unha novela que me gustou moito cando a lin, e tiña verdadeiras ganas de saber o que vostede puidera contar sobre a novela súa. Si, xa sei, iso non era posíbel, as conversas que Carmen Blanco rexistrou con vostede datan dos anos 83 e 84, e a novela é posterior. Imposíbel, polo tanto.

O libro de Carmen recolle declaracións súas sobre aspectos biográficos seus, sobre política, sobre a súa formación e preocupación intelectual, sobre crítica literaria, sobre lingüística, sobre narrativa e sobre teatro. Evidentemente, quen lea o libro, dependendo da persoa de que se trate, vai ter uns intereses ou outros á hora de focalizar os motivos que @ moven a súa lectura, e non quero eu adiantar nada do contido das súas declaracións ( a isto, agora chámanlle facer spoiler) pois non vaia ser que as miñas palabras leven a engano toda vez que obedecen aos motivos que a min me son propios.

Hei de dicir, iso si, e vai isto no recoñecemento do traballo de Carmen Blanco, que quen se poña na lectura das súas declaracións atopará a linguaxe característcia dunha persoa coma vostede, moi culta, respectuosa e tamén moi próxima a quen viva os intereses da CULTURA GALEGA. Unha linguaxe, que, dende a primeira palabra até a derradeira do libro, representa moi ben a maneira de falar súa, calmada e fonda, moi analítica, bastante diferente da rapidez sintética que caracteriza os días de agora.

Sei que este tipo de libros son lidos moitas veces coa adaxe de atopar feitos que se poidan catalogar baixo o epígrafe das curiosidades ou anécdotas. Pois, a meu xuízo, pouco van atopar diso. O que si fica moi claro no libro é a relación de vostede, don Ricardo, coa xente das Irmandades, do Seminario de Estudos Galegos e con NÓS, antes do GOLPE DE ESTADO FRANQUISTA, e co grupo GALAXIA despois.

Pero, verá, don Ricardo, non vou afondar no anterior, porque quero tematizar outra cousa. O ECLECTICISMO. Que tamén nos une. Sorprendeume cando lin que vostede se reclamaba ecléctico. Non porque non o agardara, senón porque nos días de hoxe hai pouca xente que fale diso. Creo, teño a impresión, de que iso se debe a que a xente dá por feito que non hai unha única fonte mestra da que beber, e que cadaquén é libre e libremente pode escoller unha ou outra fonte dependendo dos intereses do momento. Non sei que lle parecerá, mais na miña opinión o eclecticismo representa unha filosofía máis fonda cá alternancia de fontes porque precisamente supón a existencia de todas esas fontes á vez, que é distinto de tirar dun fío comenente cando a un se lle antolla…

Porén non podo deixar de comentarlle, don Ricardo, que comecei a subliñar no libro cando vostede comezou a falar de lingüística. E non porque defenda vostede unhas ideas coas que non comungan na RAG ( por algo tardaron tanto tempo en dedicarlle o Día das Letras ), como podería pensar moita xente. Non, vaia por diante que eu concordo plenamente co seu modo de proceder, e coas ideas que vostede manifesta á hora de situarse perante a vida defendendo as mellores opcións para a lingua e literatura, para a cultura, galegas. E quizá escriba algún artigo sobre iso, porque me parece unha actitude exemplar.

Temos que ir rematando, o tempo é contado mesmo neste confinamento, mais non quero facelo sen recoñecer que, para min, as súas declaracións comezaron a ser hipnóticas cando deu en falar de poesía, don Ricardo, porque eu sempre mantiven que vostede é un poeta moi interesante, para min, e por riba doutras cousas, xa polo deito de concebir o feito poético, polo xeito de concebir o poema coma unha unidade narrativa…Iso, é moi seu. E dálle aos seus poemas unha imaxe moi particular e definitoria. Porén, e ha de perdoarme se non lle prace o que vou dicir, é vostede mellor poeta nos inicios que no final…Tomando como centro os dous poemarios con título temporario, eu, particularmente encontro unha voz poética máis libre nos poemarios da primeira metade que na metade do final, onde está máis condicionada polo eclecticismo, pola vontade de non interferencia da paixón, por exemplo…

E verá, don Ricardo, sabe o que máis me ten intrigado? Pois que non dou adiviñado a razón desde a cal vostede tarta de DON a determinadas persoas, dona Emilia (Pardo Bazán, por exemplo) ou don José Antonio (Primo de Rivera), mentres aos escritores galegos ou estranxeiros lles retira comunmente o tratamento. Si, xa, eu trátoo a vostede de don desde o respecto e admiración, pero non creo que esa sexa a explicación para a discriminación que vostede pratica… A que non?

(E perdoe, que non o deixei falar nada…)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s