sobre VILLARDEVÓS, de Silvio Santiago

VILLARDEVÓS, reedición dun clásico do século XX

Título: Villardevós

Autor: Silvio Santiago

Editorial: Galaxia

Comunmente escribo sobre novidades editoriais, a fin de contas é o que máis demandan os lectores e lectoras, e tamén o que en meirande medida (fóra libro de texto) enche os petos das casas editoras. Sigo as reedicións con curiosidade, é certo, mais tamén con cautela e certo desazo. Explícome, desde que se fixo común regularizar na otografía oficial os textos todos reeditados, teño moito máis apego polos orixinais porque me permiten ler na lingua orixinal e iso resulta impagábel (sobre todo nos días de hoxe). Sei que existe a crenza de que, se non é na ortografía actual, a xente non se achegará ás reedicións, e, moito menos xente nova, lectores e lectoras en idade escolar. Parece lóxico. Mais é falso, como despois se verá.

                     No caso concreto da reedición de Villardevós, celebro con gozo unha reedición que se fixo agardar case corenta anos, pois a novela de Silvio Santiago foi édita no 1961. E celébroo con gozo porque esa primeira novela de Silvio Santiago é un dos clásicos máis descoñecidos da narrativa galega. Pode parecer un contrasentido falar de “clásico” e “descoñecido” á vez. Porén non o é. O que sucede é que a novela de Silvio Santiago era fundamentalmente coñecida e estimada en círculos críticos ou con bo coñecimento da historia da nosa narrativa, non polo lectorado xeral -oxalá esta adición axude a reverter a situación. Lembro ter lido (bastante despois de ler a novela) que foi saudada a súa aparición con ledicia por máis dunha persoa (non só Otero Pedrayo, prologuista), mais non lembro quen e esta maldición do covid-19 impídeme acudir a esas fontes que non teño comigo. Lembro bastante ben que foi saudada coma un refacho “de aire fresco” (literalmente) esta novela de Silvio Santiago que viña desancorar a narrativa galega do folclorismo, do enxebrismo, do tradicionalismo, do costumismo. Ben, esta opinión sobre a narrativa galega do medio século, na miña opinión non é precisamente moi atinada, ten máis de pexorativa e descoñecedora que de certa. Lembremos que o mundo editorial daquela era moi cativo, e nomes como Cunqueiro ou Blanco Amor dificilmente entran aí e estaban de plena actualidade. Mesmo tería reparos, moitos, á hora de incluír a Fole no costumismo. Por poñer uns exemplos.

                     Mais o certo é que Silvio Santiago (1903-1974) achega ese aire freso, renova a narrativa ruralista, enxebre e tradicional, costumista, desde dentro dela mesma. Como fan os grandes. Matan un xénero para resucitalo no mesmo feito. Porque o contido de Villardevós non é outro que as lembranzas da nenez que Silvio ten das súas vivencias en Villardevós (Ourense) para que a súa filla tivera memoria dos tempos en que el fora rapaz. Si, pura temática enxebre, tradicional, rural, costumista. Porén, Silvio Santiago, escritor autodidacta, cóntao con tanta viveza ( e velaí un dos seus segredos narrativos nesta novela) que calquera ápice de “estatismo” ou “cadro costumista” (acusacións máis frecuentes deste tipo de narrativa) xa non é que desapareza, é que nin asoma. Certamente era, no momento da súa edición, un exercicio memorialista que non fuxía do folclórico no que ten de etnográfico, pois precisamente o etnográfico é un valor engadido nada desprezábel. E éo hoxe, que pasou maís dun século desde aquel Villardevós que Silvio retrata con tanta habelencia. Non quero adiantar contido, pero lembro que cando lin a novela entendín moi ben o que significaba ir buscar auga á fonte, esa ritualización dun feito que levaba séculos e séculos repetíndose. E emocionoume. Porque, antes ca outra cousa, Silvio Santiago sabe moi ben trasladar a emoción do narrado ao lector, a paixón que el sente compártea co lector ou lectora. Polo texto decorren paisaxes, xeográficas e humanas, emocionadas e emocionantes, nunca estáticas. Non son un cadro, un fresco, que adoita dicirse, senón vida a manifestarse no seu dinamismo. Dinamismo, outra palabra clave nesta novela que é posíbel ter como novela de aprendizaxe, aprendizaxe da vida e das mudanzas que se van sufrindo.

                     Xa dixen que Silvio Santiago foi escritor autodidacta, quizais precisamente por iso fuxiu tan ben do costumismo estéril nesta novela. Quizais tamén por iso tivo o éxito que tivo con O silencio redimido, outro título clásico que tamén precisa mellor cosideración da que ten. Só escribiu esas dúas novelas, e tanto nunha coma na outra desbotou efectismos decantándose por unha escrita sinxela na procura de verismo. Porque Silvio é escritor realista, nos dous títulos. E o realismo precisa verismo, moito verismo.

                     Porén, no comezo adiantei que a lingua orixinal só é un falso problema para lectores e lectoras de hoxe. Porque a lingua e orotografía adoptados non son os orixinais, mudouse todo á lingua escrita actual aínda que o propio Silvio se queixa na novela dos problemas que tivo coa lingua…eses “problemas” xa non son accesíbeis, por desgraza.

                     E adiantei o que adiantei polo que vou contar a seguir. Durante os meus anos de docencia da literatura galega e responsábel da dinamización lectora do meu centro, co tempo deseñei un itinerario lector no cal alumnos e alumnas puideran ler como foron variando as formas de ocio ou lecer entre a rapazada ( e preadolescencia) ao longo do século XX, deica  a década dos 80, para ser máis exactos; de xeito que podían ler como pasaban o tempo ou lecer, os seus avós e os seus pais, e mesmo preguntarlles a eles sobre o lido. Non era máis que unha maneira de “venderlles” unha serie de lecturas, sempre voluntarias, ofrecéndolles unha focalización lectora pola que estimaba que sentirían curiosidade. E funcionou. Funciomou moi ben. Non daban con todos os títulos nun curso académico, mais repartían as lecturas ao longo de dous, por exemplo. Outras veces, só lles interesaba un tempo concreto, mais con tal de que leran un xa ese chamaría por outros títulos. E así era.

                     Pois ben, o primeiro título dese itinerario era o Villardevós de Silvio Santiago, na edición primeira, a de 1961, coa lingua orixinal. E aínda que eu advertía sempre dos posíbeis problemas coa lingua, nunca tiven queixas ou protestas por esa cuestión, absolutamente nunca. Por iso digo que o problema da limgua, para min é un  problema falso.

                     Tamén debo saudar a reedición desta novela polo feito de poñer de actualidade o nome de Silvio Santiago, na miña opinión un nome clave na historia da narrativa do século XX. E necesitado de reconsideración meliorativa, tamén na miña opinión, no panorama da nosa historia narrativa.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s