a distopía: entre o peor lugar posíbel e a esperanza

Aí atrás escribín aquí un artigo sobre a distopía na narrativa galega actual (https://ferradura.blog/2020/03/30/reflexions-sobre-a-distopia-na-narrativa-actual/) . Eran unhas reflexión que viñan a conto despois da lectura dun artigo de Irene Pin no diario Nós. Pretendía aclarar certas cousas e tratar de establecer no posíbel un catálogo comentado da distopía na narrativa galega actual. Por exemplo, unha das miñas pretensións ou conviccións é que a política ficción debe ser estudada en por si e non dentro das distopías, que diluirían o seu significado perigosamente e teñen entidade de seu. Pero o que realmente explica o que a continuación escibirei é que Eva Moreda publicou con posterioridade outro artigo sobre o tema no Biosbardia (biosbardia.wordpress.com/2020/04/30/evidencias-e-lagoas-no-estudo-da-distopia-galega/)

E, claro, o seu artigo espertou en min a necesidade de poñer luz nun tema no que precisamente teño poucas certezas e moitas dúbidas ou lagoas, aínda que é moito do meu interese por tratarse dun tipo de escrita en auxe. Pode ser que o meu natural ecléctico me estea condicionando en demasía. E que me resultara máis útil botar man dunha teoría ( será por falta delas!) e aplicala con todas as súas consecuencias e matices. Porén non podo, non atopo unha que non me suscite máis dúbidas ou preguntas, e así é moi complicado.

Así que, o que van ler a continuación é unha foto apurada do que a o tema das distopías

Por exemplo e para comezar, a distinción entre utopía, anti-utopía, eutopía e distopía ( xa saben o clásico : o peor lugar posíbel) nin remato por vela clara nin creo que sexa tampouco moi operativa. E a isto aínda temos que engadir a non-utopía, outro concepto a engedellar máis o asunto. Non o vexo claro porque son incapaz de non ver eutopía dentro ( ou a partir ) da distopía, por exemplo. Non son o único, Gabriel Alejandro Saldías Rossel, na súa tese de doutoramento (da cal tiro parte do título destas liñas: No peor lugar posíbel, Universitat de Barcelona 2015), tamén concorda nisto. Por non falar de que outros autores tamén falan de distopía e utopía á vez. Porque, se é posíbel ver eutopía na distopía, máis doado é ver utopías dentro das distopías, aínda que sexa a partir de. Xa ven que non todo é culpa do eclecticismo, realmente a distinción entre utopía, eutopía e distopía resulta unha superficie esvaradía na que  é doado atoparse nun lugar pensaándose que se estaba moutro.

O que si teño moi claro é que hai que trascender a definifición de distopía que se desprende dos clásicos (Huxley, Wells, Bradbury), como ben viu Eva Moreda, segundo a cal a distopía entende do ben común (nace dunha crítica á realidade para lograr o ben común), ben, no caso de Bradbury isto hai que tomalo con matices polo menos. Porque xa non é tanto así. Se ben a Natura de Iolanda Zúñiga é unha distopía á clasica, se miramos nas distopías de Alberte Momán Noval (Terra Nullius, por exemplo) xa aparece a individualidade como epicentro desde o cal pivota a distopía. E outro tanto se pode dicir da de Xesús Constela, 15.724, por dar dous exemplos. E conste que as distopías ciberpunk, herdeiras do pulp negro, tampouco achgegan nada realmente significativo, só nos lembran que o distópico non está xa no futuro senón no presente; cousa que antes era misión do lector establecer e agora se fai desde o texto, máis nada, na miña opinión.

E tampouco teño dúbidas á hora de afirmar que, cando falamos/escribimos de distopías, estas son literatura escrita. Todo o que ten que ver co cinema, tv, ou audiovisual debe ser tratado nese eido, non no literario, posto que deveu un artigo de mercado nese eido e responde ás claves dese eido. Con dicir que existe polo menos unha canle de tv. (SyFy) que só programa cousas deste estilo, abondará, aínda máis cando esa canle tamén produce ficcións desa natureza. Evidentemente aí están os casos onde obras clásicas son levadas ao cinema, ás veces bastante respectuosamente, outras menos, pero en todo caso sempre existe un filtro entre a obra escrita e o filme, e as claves audiovisuais son imprescindíbeis.

(Vén isto a conto porque en moitas páxinas web, sobre todo de literaturas onde a distopía, en principio, non acadou aínda moito éxito, resulta unha fórmula repetititiva)

En canto á definición de distopía non será compicado colixir que eu entendo a distopía como a (re)presentación dunha sociedade alternativa. Esa é a razón de que algúns títulos entren na miña listaxe. E non só iso. O máis importante é que non creo útil a  esixencia de que a distopía sexa un futuro anticipado. Xa as ciberpunk o matizaron, pero eu creo que non hai que acurralar as historias dentro dunha esfera temporal. Volveremos sobre isto. Mais agora cómpre engadir algo fundamental: esa sociedade alternativa debe nacer dunha crítica ( explícita ou implícita) á sociedade actual

Imos por partes. A non distinción entre eutopía, utopía, non-utopía, e distopía lévame a pensar n´A república de Platón como orixe de todo. Que é unha eutopía non o nega ninguén, xa, pero se en toda distopía tamén se pode ver eutopía (aínda que sexa como referente), as cousas mudan. Do mesmo xeito que, por exemplo, na miña concepción tamén hai que contar coa Alicia no país das marabillas (L. Carroll) ou Rebelión na granxa (Orwell, anterior a 1984). Non ha de estrañar entón que eu incluíra a Compañía clandestina de contrapublicidade de Marilar Aleixandre; aquí a crítica social resulta evidente, que se propón unha sociedade diferente tamén e, o que me parece máis significativo: non existe distanciamento temporal ( xa ven).

Se non se restrinxe ao futuro ( máis ou menos presente) o texto distópico, isto equivale a que as viaxes no tempo tamén poidan entrar dentro das distopías. Falamos de futuro e de pasado nas distopías, como antes falaramos do ben común e da individualidade. Pois ben, entre os títulos por min propostos, Longo voo de paxaro, de Fermín Bouza, resulta un título un tanto problemático desde que todo acontece nun cuarto, presente, onde van aparecendo da nada diversas personaxes ademais do protagonista central. Non é problemático porque aconteza no presente, xa vimos o caso de Marilar Aleixandre. Éo porque non se presenta unha sociedade alternativa. Tal sociedade alternativa tena que pensar quen le a partir do texto (con toques surrealistas e satíricos). Porén esta epifanía non é nada que non se contemplara na distopía clásica, e a ironía, a sátira ou a hiperbole tamén son recursos empregados da distopía clásica. Aínda así, recoñezo que é o título máis problemático. Porén entendo que tamén é un título a ter en conta nun posíbel estudo da distopía.

Outra cousa. É frecuente atopar as distopías como un subxénero da ficción científica. Pois na miña opinión debe ser ao revés. Debe ser a distopía o xénero e debe ser a ficción científica o subxénro. Paréceme máis lóxico, pois xa non é o desprazamento temporal eixo imprescindíbel.

No meu anterior artigo remataba cuestionando se a distopía non debería ser contemplada pola crítica como un práctica escritural en si. Algo semellante vén dicir  Gabriel Alejandro Saldías Rossel na súa  tese de doutoramento ( p.135) cando fala dunha “vontade escritural esperta ás múltiples maneiras en que as distopías se actualizan no tempo”.

O que si quero conservar das distopías clásicas é a “problematización” ou “actualización” do binomio vontade-non vontade, pois resulta operativo (aínda que á veces con matices) na meirande parte dos títulos propostos.

Do mesmo xeito teimo en poñer en relación as distopías ( aparición ou auxe) coa crise do realismo. En realidade o realismo sempre estivo en crise, porque sempre dependeu (desde a súa aparición ou creación) das crises sociais propias de cada momento. A este respecto, e pola actualidade e porque vén moito a conto, recomendo repasar a lectura de A monstruosidade moderna, de Carlos Lema. Por iso da actualidade e que vén a conto, porque en realidade na faceta fiolosófica de Carlos Lema a crise da realidade non deixa de estar presente. A lóxica do poder e da opinión enfrontadas.

Falo de crise da realidade. E de crise da realidade falando non cómpre esquecer o realismo fantástico como síntoma literario desa crise. Xa no anterior artigo suxerín que quizá aí tamén haxa distopía. E a Historia dun paraugas azul, de Xosé Miranda, naturalmente que non pode ser esquecida a propósito disto.

Quizá. Porque o tema da distopía é tan amplo que non vou pretender solucionalo cun artigo que xa de por si leva moita carga semántica en pouco espazo.

Mais, para ir rematando, o que non podo deixar de dicir é que os estudos distópicos made in USA ou mesmo europeos non me interesan tanto como os estudos da distopía nas sociedades poscoloniais. Neste apartado o estudo de O último Voo do Flamingo (de Mia Couto, Mozambique) por parte de Fernanda de Castro, atráeme moito. Do mesmo xeito que o relativo a O Cão e os Caluandas, estudo da mesma Fernanda, novela de Pepetela (Angola), tamén me interesa. O caso de Pepetela non fica aí, tamén en Mayombe e Predadores é estudado por Marco Castilho como distopía. E Fernanda Vilar tamén estuda os usos de utopía e distopía en Mia Couto, J.M. Coetze e Sony Lebou Tansi, tres autorías de tres países distintos. E hai máis bibliografía sobre a distopía no poscolonialismo, por suposto. Quizá noutro artigo sexa materia exclusiva.

Evidentemente interésanme moito, sendo nós unha sociedade colonial,  o seu estudo no poscolonialismo.

E para rematar, agora si, a esperanza. Levo dito hai moito tempo, e mesmo escrito en microconto, que a esperanza é realmente o motor da literatura. Comezamos a ler coa esperanza de que aconteza algo, ou non aconteza. Mais sempre a esperanza. Unha esperanza que loxicamente tamén está de maneira moi especial nas distopías. Porque esa é outra característica imprescindíbel da distopía. O feito de que xeran esperanza en quen le.

O que se vén de ler é a foto das inquedanzas que provoca en min o tema das distopías, unha práctica escritural en progreso exponencial, que me apaixona, que me  obriga a descrer de postulados “clásicos” e a reformulala noutros conceptos.

O importante é que se vexan as distopías con outros ollos.

Resumo o máis groso:

-A distopía é un xénero narrativo (de momento só narrativo) onde é posíbel atopar subxéneros como a ficción científica ( de vello coñecida e identificada) e asemade outros que nos obrigan ( de momento) a poñer un cualificativo á palabra distopía ( de xénero, apocalíptica, tecnolóxica…mesmo política -non confundir esta coa política ficción, por favor)

-Para que poidamos falar de distopía é necesaria a existencia de crítica social, explícta ou implícita. E, por suposto, o texto debe suscitar epifanía. A distopía sempre obriga a pensar alén do texto.

-A distopía pasou de preocuparse polo ben común ( distopía clásica) e xa existen exemplos ( mesmo entre nós) onde ese ben común é remudado polo individual. Esta parece unha deriva irrefreábel. Hai que prestar atención por ver en como pode afectar isto no eido da distopía.

-O desprazamento temporal cara ao futuro tampouco é imprescindíbel, nin sequera cara ao futuro inminente. As viaxes no tempo entran en xogo. Despois do cataclismo (María Alonso Alonso, Urco) xa propón unha viaxe no tempo cara atrás. Na literatura universal (mesmo na galega, pero non nos imos deter agora, que moito é LIX e aí non entramos) hai máis exemplos, pero hai que ter coidado coa crítica social.

-Resulta interesante contar co binomio vontade-non vontade nas distopías. Non en todas as distopías está igualmente explícito, mais a deriva distópica parece levarnos aí. Polo momento, porque tampouco é un binomio totalmente estábel.

-Por suposto, diferenciar entre utopía, non-uotpía, anti-utopía, eutopía e distopía tampouco parece sosterse, toda vez que é posíbel atopar unha dentro das outras.

-E, finalmente, reafírmome na idea de que hai que ir pensando na distopía como práctica escritural en si, desde o momento en que esixe unha modalización especial ou diferente da da narrativa clásica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s