crítica de CADENCIAS (Manuel Portas, Xerais)

DO AMOR E OUTRAS CONTINXENCIAS

Título: Cadencias

Autor: Manuel Portas

Editorial: Xerais

Se na literatura hai un tema universal ese é o amor, tamén se di que a muller e a morte o seguen. Pero aquí o que nos interesa é o amor, amor heterosexual que tamén pescuda nas interioridades do protagonista (el) e das protagonistas (Elisa e ela), porque esta nova novela, novela breve, de Manuel Portas, coma toda a súa obra de ficción, ten como obxectivo reflexionar sobre as relacións humanas en diferentes contextos. En realidade, sendo como somos animais relacionais, animais que sociabilizan decote, poucas cousas nos teñen máis importancia que precisamente os discursos onde se reflexiona sobre a socialización, sobre as relacións humanas…e moi concretamente sobre o amor. Hai quen di de que o amor responde a un fenómeno químico. E, se callar, é algo que en principio non se pode negar, pois fala a ciencia. Dicimos “se callar” porque en realidade a ciencia estuda un fenómeno, un acontecer, entre dúas persoas. Que saibamos, fican fóra outras continxencias que tamén inflúen no amor, que tamén inflúen no amor e non de xeito tanxencial ou marxinal senón que poden condicionar de maneira moi seria esa ecuación química. Vexase, por exemplo, esta novela.

                     Cando lin, nunha entrevista ne Nós Diario, que o autor sitúa a orixe desta novela beve na lectura de Poemas do si e non, enchinme de ledicia; non é doado no panorama actual da nosa narrativa achar referencias á literatura galega do século XX. E, como eu xa rematara a primeira lectura de Cadencias un día antes, vin nesta referencia, na referencia esta orixe, unha maneira de reivindicar a Cunqueiro, Cunqueiro (quen o diría!), un dos máximos expoñentes da literatura galega de todos os tempos…case corenta anos despois do seu pasamento necesita ser reivindicado! Que fráxil é a memoria! Máxime, que fráxil é a memoria nun sistema literario tan atacado e marxinado como o galego. Porque si, cando perdamos a memoria do que nos trouxo deica aquí, pouco quedará de nós. Necesítase avanzar, claro, pero non con pés de palla.

                     Mais volavamos ao rego, que tememos ir dar noutra leira. E digamos algo do contido tramático desta nova entrega de Manuel Portas. Cadencias preséntanos a un mozo emigrante en Barcelona, en principio para estudar, despois será outra cousa, que vive un intenso amor con Elisa, unha moza de máis idade ca el, que remata de maneira traumática. Por culpa das continxencias, por culpa dunha continxencia inherente á vida de Elisa que el, covardemente, non dá aturado máis e pasa a actura coa mentalidade do cazador, fronte á comprensiva que antes amosara. É entón cando na súa vida aparece ela, cunhas continxencias inherentes á súa persoa diferentes, mais tamen condicionantes, decisivamente condicionantes. E non desvelaremos máis nada sobre a trama. Non, aínda que cómpre engadir que a presentación da trama obedece a un rigoroso e ben estudado plano estrutural que apega a novela nas nosas mans, de xeito que a dosificación da información tan ben levada, sempre nos mantén interesados no discurso. Nese estudo narrativo das personalidades de Elisa, del e dela. E cómpre salientar tamén no apartado técnico, a habelencia coa que Portas nos mergulla nesas tres personalidades, facéndonolas presentes e inmediatas a partir de diferentes estratexias narrativas, que repousan no saber facer dun narrador tan competente como é Manuel Portas, dono dun estilo propio e perfectamente recoñecíbel para calquera lector ou lectora, no que a indagación na humanidade das personaxes se ve acompañada por unha plasmación discursiva que rapidamente identifica un narrador moi competente que, precisamente, sabe moi  ben plasmar as diferentes cadencias rítmicas da tarama e do discurso en que se materializa. Aquí, e no resto da súa obra narrativa.

                     Eis, pois, unha novela da emigración a Barcelona, tamén. Porque esta se ve reflectida aquí máis ca noutros títulos que de primeiras semella que a tratan. Alguén pode dicir que é unha novela de fracasos. No amor e na vida. E algo hai diso, mais tampouco é exactamente así. Hai fracaso no amor, si -e a este respecto non pdemos esquecer a exquisita sensualidade que se desprende das páxinas de Portas; hai amor e sexo, hainos, non poden faltar, pero é o tratamento da sensualidade o que máis contribúe a manter o interese lector, porque a sensualidade é un concepto máis rico en matices que o sexo. Hai fracaso no amor e hai fracaso vital nesa emigración a Barcelona, esforzada e traballadora. Mais con matices, as continxencias, xa se sabe.

                     E, se ben me aledou a orixe no poemario de Cunqueiro, aínda que esta é unha novela absolutamente realista (lonxe, polo tanto, do surrealismo cunquirián), tamén teño que dicir que hai outro título do século pasado que a novela de Portas me lembrou : Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. Quen lea a novela saberá a razón, nós non a imos adiantar.

                     Amor. Desamor por culpa de continxenicas non ben asimiladas. Renuncia ao amor por culpa doutras continxencias que quizá non deberan entorpecer tanto. Dúas personaxes moi diferentes: Elisa e ela. E unha personaxe moi complexa: el, o mozo. E un xénero, a novela curta, que é o máis axeitado para reflectir esas personalidades e o conflito amoroso que as une. Que tamén é un valor, o de ser consciente da extensión da trama, sen ter que botar man a recursos que fagan aparentar o discurso como algo máis grande, tan de moda ás veces.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s