crítica de DIARIO DUN ENTERRO, de Gonzalo Hermo, en Galaxia

VOLVER PARA ACOMPAÑAR A UN MORTO

Título: Diario dun enterro

Autor: Gonzalo Hermo

Editorial: Galaxia

Non hai moito escribiamos sobre Virtudes (emisterios), de Xesús Fraga, e poñiamos en relación o seu realismo autoficcional coa novela Carrusel, de Berta Davila, e con esta Diario dun enterro de Gonzalo Hermo (Premio Repsol 2019), concluíndo que estas coincidencias poden estar a amosarnos movementos que se están producindo dentro do realismo. Neste comezo do século XXI parece que a vella aspiración de reproducir a realidade (velaí a principal finalidade realista) da maneira máis fiel posíbel sofre un significativo desprazamento: para facelo, para chegar ao realismo, cómpre facelo desde a esfera da proximidade. E tamén é interesante ter en conta que este tipo de movemento no realismo se produce nun sistema literario que tirou partido até a extenuación da ficcionalización de lugares tramáticos para dar a coñecer tramas que ben poden inserirse dentro do realismo -dalgunha maneira subxace aí un certo “medo” ou “respecto” porque non colidan realismo e realidade social, na nosa opinión, tantas veces repetida por tantas veces denunciado isto. Igual que tamén é interesante non esquecer que isto se produce nun marco filosófico no que Carlos Lema aprofundou en A monstruosidade moderna, onde as posibilidades de representación do mundo son estudadas achegándonos ao materialismo especulativo. Este artigo de Roberto Abuín pode ser clarificador. Por certo, todas as novelas referidas están editadas en Galaxia, e Carlos Lema non deixa de ser unha das principais “almas mater” da Galaxia.

                     Dito isto, que ninguén pense que vai atopar algo diferente ao que promete o título. Trátase do diario dun enterro. Diario que escribe Xacobe, que regresa a Galiza para asistir ao enterramento do avó. Regresa porque el vive en Barcelona, nunha Barcelona de emigrantes que se fai moi recoñecíbel no texto de Gonzalo Hermo, onde, por suposto, as diferentes características sociais, as diferentes maneiras de entender a vida entre Barcelona e Galiza, non deixa de estar presente sen que tampouco a novela queira tirar do fío máis do que este poida dar nun discurso onde non son tema principal senón secundario e ocasional. En defintiva, é falar do estrañamento. Un estrañamento que acompaña a Xacobe tanto se está na Galiza coma se está en Barcelona.

                     A trama da novela vai desenvolvendo pouco a pouco, en capítulos breves, un diario no que Xacobe vai reflectindo o que acontece (por dentro e por fóra) desde a mesma saída de Barcelona até chegar a Eiradona (lugar, ficcionalización, onde acontece o enterramento e que pode ser asimilábel a calquera lugar do rural galego) e o re-encontro con familiares (e tamén amigos, pero menos) aos que, sexan máis próximos ou menos, non vía desde había tempo, e cos que inicia unha toma de contacto que moitas veces non pasa diso: da intención de retomar un contacto que vai ser moi breve porque se vai limitar ao tempo que dure o enterro. Nesta altura cómpre salientar duas cousas. A primeira compona toda a galería de personaxes fimininas que habitan na novela, que tenden a ser personaxes personaxes dramatizadas, personaxes dramáticas, personaxes cun mundo interior máis ou menos esnaquizado en función da sociedade patriarcal en que viven e que as condiciona. E, a segunda, a personaxe do pai. Ao meu ver, a mellor deseñada e configurada. Non se dan demasiados datos seus. Aparécese mesmo como un ser “neutral”; amosa afecto mais tampouco sen excederse. E, finalmente, vai e resulta unha personaxe que evoluciona (aínda que non sexa moito) ou así parece que sucede entre o inicio e o remate. Unha personaxe configurada desde a economía de recursos, que tanto se di, mais unha personaxe enigmática e evolutiva.

                     Tampouco cómpre esquecer que o diario de Xacobe, un poeta, lle serve ao autor, Gonzalo Hermo, para tratar de establecer a diferenza entre o discurso poético e o narrativo, que é precisamente como remata a novela.

                     A mágoa é que se trata dunha novela “breve”, de curta extensión (non pertence ao xénero da novela breve) e non dá demasiado tempo a que se manifesten as diferenzas entre esa personaxe central de Xacobe e a rica galería de personaxes coas que se atopa. Non hai moito tempo para as friccións dos reencontros, e iso sempre o botaremos de menos porque dá a impresión dun “querer e non poder”, da insinuación na que non houbo tempo para afondar.

                     Finalmente, Gozalo Hermo déixanos un discurso desde o cal reflexionar sobre as mudanzas que sufriu o ritual do enterramento ao longo do século XX. Onde, por exemplo, se pasa das chamadas “carpideiras” e do ámbito da casa do morto…á impersonalidade dos tanatorios, que coa súa frialdade embazan o tránsito ao outro mundo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s