crítica de GALICIA CONTADA AOS NON GALEGUISTAS, de Manuel Veiga Taboada, en Xerais.

TAN CLARO COMO A AUGA QUE CORRE

Título: Galicia contada aos non galeguistas

Autor: Manuel Veiga Taboada

Editorial: Xerais

Se vostede mira a Historia desapaixonadamente, obxectivamente, sen orelleiras de dirección unívoca, o máis probábel é que vostede fique sendo nacionalista ou galeguista. O problema é que, para que iso non suceda, sempre existiron grupos de control que por nós decidiron e foron conformando unha determinada opinión de nós mesmos ao longo do tempo, desde altofalantes que van desde o púlpito católico (sempre abeirado ao poder centralizador e imperial), á difusión interesada de vexacións que rebaixan a nosa autoestima (véxase a campaña antigalega de escritores casteláns, tamén ao longo do tempo mais moi especialmente nos Séculos de Ouro -aquí tamén hai un fenómeno de envexa, nos temos unha esplendorosa Literatura Medieval e os casteláns só miran desde abaixo…, ou o uso da escola pública (e privada) desde que esta se implantou e superou un ensino que antes estaba na súa totalidade en mans relixiosas (nos primeiros niveis, pero tamén influía enormemente nos ambientes universitarios). Non imos afondar nisto, daría para varios libros. O que nos interesa salientar é que non tivemos acceso a unha opinión desintresada de nosoutras e nosoutros, que non nos condicionara e rebaixara as espectativas que de nós ou nosoutras podiamos chegar a ter.

                     Por iso Manuel Veiga escribiu este libro imprescindíbel, como intrumento de liberación de preconceptos, falsas verdades, mentiras declaradas ou distorsións que dan dos galegos e de Galiza unha idea que non se corresponde coa realidade, polo menos moitas veces. Como moitas veces temos dito/escrito/escoitado/lido que existe unha “Galiza ideal” (a que lles interesa aos poderes fácticos e centralizadores) que suplanta a “Galiza real” na que vivimos e que presenta unha problemática ben diferente da que nos transmiten os mass media (que controla ese poder centralizador). Ben, é moi apetitoso continuar disertación por este vieiros, porque a verdade é que o libro de Manuel Veiga nos lembrou moito aquel das 55 mentiras sobre a lingua galega que promovera ProLingua hai uns once anos. Teñen en común que son libros para liberarnos de prexuízos socialmente difundidos que tentan distorsionar a opinión que temos de nós memos. Unha distorsión intencionada, moi malintencionada e que, como ben explicará Manuel Veiga, ten como finalidade salvagardar uns intereses económicos que non son precisamente os nosos.

                     Vaia isto como adianto temático dun libro que nin é extenso nin exahustivo, mais si imprescindíbel. Con moita clareza e sen meterse en sarillos (bibliográficos, por exemplo) Martín Veiga responde a unha serie de cuestións que está no ar da sociedade que vivimos. Explíca con convicción e polo dereito, quen queira máis que o procure por si mesma/mesmo (que a fin de contas vén sendo a única posibilidade de liberarnos do xugo intereseiro e deformador). Por exemplo. É certo que os galegos somos de dereitas?; por que se di de nós que somos ambiguos, ou iso de que non se sabe se subimos ou baixamos escaleiras, ou por que temos a tendencia a responder con outrapregunta? Somos realmente un pobo “atrasado”? Que foi  do Reino de Galiza? Que papel se nos obrigou a ter nas guerras españolas? Que pasou na famosa entrevista entre Fraga e Beiras e por que o PP actual é tan desgaleguizador?

                     A estas preguntas e outras polo estilo responde Manuel Veiga neste libro. Que dixemos libro imprescindíbel porque nos libera. O mellor exemplo de como a literatura nos libera.

                     Como o título indica está concebido para explicar aos non galeguistas como somos realmente os galegos, para lles tirar as orelleiras que socialmente nos difaman, como dixemos moi intreseiramente por motivos económicos, sempre rematan niso, en motivos económicos. Mais o certo é que a temática do libro ha ser de moita utilidade para os propios galeguistas, que unhas veces @s reafirmarán nos seus principios e outras aclararán aspectos que lles son pouco coñecidos ou curiosos.

                     E, a verdade é que o libro se move nun terreo de certa indeterminación (xa desde o propio deseño editorial) que lle permita acceso a un grande número de xente lectora. Galeguistas, non galeguistas e tamén as mentes d@s máis novos/novas, que, na miña opinión tamén debe ser un lectorado moi a ter en conta. Si, debería ser libro de lectura obrigada no ensino. Porque se non temos libre acceso á opinión que nos formemos de nosoutros ou nosoutras mesm@s, nunca deixaremos de ser bonecos fielmente servidores de intereses alleos que nada teñen que ver cos nosos senón que moitas veces son intereses que van precisamente contra os nosos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s