crítica de CAIXA DAS BESTAS, de Begoña Paz

A CAIXA DAS BESTAS E A CAIXA DAS SORPRESAS

Título: A caixa das bestas

Autora: Begoña Paz

Editorial: Baile del Sol

Comecemos polo primeiro. Este novo poemario de Begoña Paz, é un desabafo vital, mais un desabafo poético formalmente moi a ter en conta. Queremos dicir con isto que non se procura outra temática diferente que o pouso da vida a través das sedimentacións que na voz poética van deixando os afectos. Dese xeito, o poemario estrutúrase en catro partes: “A caixa das arelas”, “O feirón do amor”, “Caixa de sombras” e “Caixa de bostelas”, habendo outras “caixas” intermediais sobre todo na terceira parte. Como ben imaxinará a lectora ou lector, o título (Caixa das bestas) non agocha reminiscencias reivindicativas da parte “animal” que @s human@s levamos dentro. Mais tamén é sinxelo deducir que esas sedimentacións teñen todo que ver co fenómeno do amor. Ah, o tema do amor. Tema eterno, de sempre, de hoxe e do futuro. Tema do que nunca se escribirá un texto definitivo, nunca. Ten esa virtualidade.

                     E tamén se pode dicir que é a historia poética dun fracaso sentimental. Quen encete o poemario xa se decatará no primeiro poema. Por certo, un poema tecnicamente moi ben elaborado, cunha plasmación versal que non deixa de ser moderna ou actual sendo á vez tan clásica. Mais disto, das calidades técnicas do poemario habemos volver falar máis adiante. Por agora contentarémonos con indicar que, despois dese primeiro poema-resumo-presentación, comeza realmente a “aventura afectiva”, desde o mesmo útero. Ao que seguen outros dous significativos poemas: “Antes del” (e non creo necesaria indicación temática) e “On the road” (onde si quero determe, pola posibilidade da concepción da vida coma “road movie”, evolución da clásica viaxe marítima, que cada día se vai asentando máis). Da segunda parte (“O feirón do amor”), quero salientar dúas cousas: a petición da voz poética de “paixón” coa que se comeza a parte, e a confusión entre “devezo” e “amor” que se dá xa no remate, un remate que se conclúe cun verso de Igor Lugris (“é tam duro viver”). Pola súa banda, a “Caixa das sombras”, terceira parte, é como un “memorial de agravios”, no cal a voz poética feminina vai declarando as eivas ou o parte de lesións (así se titula un poema) que a incomprensión do amante deixou nela. É importante esta incomprensión, porque revela primeiro unha actitude egoísta no que o único importante é o desexo do amante masculino; unha incomprensión que produce frustración, desengaño lóxico que volve remitirnos ao título (Caixa das bestas)  e deixa ben clara non só a queixa da muller senón tamén a denuncia. E remata o poemario coa “Caixa das bostelas”, unha  parte onde se analizan as sedimentacións anteriores, onde se queixa a voz poética que ninguén nos ensina  amar, onde se reafirma a voz poética nos propios valores da femineidade incomprendidos polo home. Rematando cun “Epílogo prosaico para mantes en fuga” onde amor e dolor parecen as dúas caras da mesma moeda. E abonde esta apurada panorámica do contido temático, agora imos coa parte técnica ou estilística.

                     Na miña lectura deste poemario de Begoña Paz foi o que máis me marabillou (que a poesía, se non marabilla é menos poesía). Aínda que se pode dicir que o poemario é formalmente variado, porque o é e esa é unha riqueza máis, na miña lectura salienta a concepción do poema como texto vertical, coma unha fervenza que cae e cae até remansar cando chegou ao fondo (as bsotelas), ou coma un puñal que se afunde e afunde na carne sorprendéndonos primeiro positivamente e chegando finalmente a ser unha ferida de dor incalculábel (coas súas bostelas). Caben máis imaxes deste estilo, mais non imos perder o rego por aí. Dito así, parece moito máis sinxelo do que é, mais hai que ter en conta que, para saír con ben deste desafío técnico, cómpre unha habelencia sobresaliente á hora de situar a palabra xusta no lugar xusto ( sen que sobre ningunha, sen que falte ningunha), de xeito que se compaxina a vertixe do ritmo propia da disposición vertical coa pausa precisa e necesaria en poemas onde a riqueza semática é elevada. Evidentemente, o que se consegue, é salientar precisamente a forza semántica da palabra. E quero pararme aquí un bocadiño máis, o xusto para dicir que iso non se consegue sempre na poesía. Nin moito menos. Cando falamos de poesía é habitual que demaos por feito que o autor ou autora posúe unha pericia técnica que, como digo, non sempre se demostra. E, nisto, o poemario de Begoña Paz resulta moi meritorio.

                     Dito isto é momento de indicar que os poemas van acompañados de “collages” autoría da mesma Begoña – e aquí gustaríame volver atrás e revisitar os posíbeis “collages” poéticos do texto, mais xa imos moi avanzados. Un non é un entendido nas artes plásticas, mais a min teño que dicir que me gustaron moito.

                     Dito isto é momento de dicir que a autora non atopou editora na Galiza, segundo ela me comunica pola carestía que supoñen eses collages. Isto atristúrame e faime pensar. Caixa das bestas, tamén é un libro obxecto, e como libro obxecto é dos que gusta ter e reler. Atristúrame que o sistema literario galego non teña capacidade para dar a luz textos así. Ben, tamén é certo que hai determinadas autorías ás que lles publican o que sexa, estou farto de ler primeiras versións de textos que deberían resultar bastante máis ricos literariamente. E tamén é certo que hai outras autorías ás que lles custa un mundo que lles publiquen algo. Hainas que, por diversas razóns, teñen sorte e ven o seu texto édito. E tamén as hai que se teñen que reinventar como autoeditores/as ou coeditores/as aínda que os seus textos resulten de calidade contrastábel. Isto pasa en todas as literaturas, certo, mais a literatura galega non é calquera literatura e se non ten capacidade para enfrontar edicións coma esta…debemos preocuparnos.

                     Porque iso é o que lle pasou a Begoña Paz, que tivo que autotraducirse ao castelán para poder ver o seu texto galego édito. Iso non figura no libro, non se indica que sexa autotradución, e pasa máis por un texto bilingüe. E tampouco me prougo nadiña que a contracapa sexa unha tradución, a versión castelá, que se temos en conta que o tipo de letra do título en castelán na portada é superior ao galego…

                     Mais, ben, por hoxe imos rematando, se ben non sen antes indicar que cómpre, é urxente, unha revisión do rol que na literatura galega actual xogan as autoras e autores. É dicir, por que escriben, e para que. Contrastar isto co que pasaba hai trinta ou corenta anos, e despois chegar a conclusións paréceme non só interesante senón urxente..

                     Na propia web da editora poden facerse con este título. E, senón, calquera libreiro ou libreira pode pedilo á casa editora, opción que eu lles recomendo ferventemente.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s