sobre a PANDEMIA. A covid-19 sacode o mundo, de Slavoj Zizek

Título: Pandemia. A covid-19 sacode o mundo

Autor: Slavoj Zizek

Traduce: Carlos Aymerich

Editorial: Galaxia

Non. Non vaiamos pensa que con volover ás terrazas, agardar quenda para entrar en comercios co aforo limitado ou usar máscaras decote iso nos vai devolver á “normalidade”. Nada vai ser coma antes, estamos fartos de que nos repitan este mantra desde os gobernantes, aos creadores de opinión pública e os mesmos mass media a todas horas. De feito fálase dunha “nova normalidade”, NOVA NORMALIDADE. Non sei quen inventou expresión tan desafortunada, como se a normalidade puidera ser nova!

                     Nun contexto coma este, de incerteza e dúbida, hai que engadir o temor, temor a que polo camiño da “nova normalidade” perdamos, totalmente ou en parte, o conseguido deica agora, polo menos en dereitos políticos e en convivencia cidadá. Pois iso, nun contexto como este atender as voces de pensamento máis autorizado é unha necesidade urxente E entre esas voces, a do esloveno Slavoj Zizek é unha das máis salientábeis. E agora chéganos da man de Carlos Aymerich, tamén en galego podemos acceder á última hora dun pensador do calibre de Zizek e sobre o tema que a todos nos preocupa máis. Digo tamén en galego e hai que dicir máis, porque a edición de Galaxia ultrapasa as 80 páxinas que, polo que teño entendido, ten a edición castelá. A edición galega consta de 20 páxinas máis, os “apéndices”, case seguro.

                     Ben, poden estar segur@s de que non vou facer ningún spoiler do contido. Nin sequera recorrerei ás citacións e tampouco aos subliñados. Son tantos os subliñados, e son tantas as citacións que deixarían excesivamente “mastigado” un libro que convén ler enteiro, e sen a presión intermedial de quen o divulgue…Alén diso, este artigo adoptaría unha dimensión descomunal e inadecuada.

                     Comezarei por dicir que, como resumo xeral, Slavoj Zizek arela un “novo comunismo” que dea sentido humanitario a toda esta loita e a súa posíbel solución ( ou posíbeis solucións, a saber). O mesmo autor recoñece as airadas críticas de que foi obxecto por propoñer ese “novo comunismo”. Non vai ser o caso que o fagamos nós, porque ese “novo comunismo”, como el di, é un “comunismo reiventado”; non hai lugar, pois, a botar as mans á cabeza pensando que se nos propón unha ideoloxía que  a maioría da xente e dos pensadores cren que xa demostrou o seu fracaso. Ao noso entender, trátase de escoller entre a barbarie individualista, mercantilista, capitalista, gobernada polo principio de rendemento económico e favorábel a uns poucos (ricos, poderosos) ou outra solución que teña en conta os dereitos humanos e democráticos, a solidariedade ou a ecoloxía…por exemplo. Máis vale darlle á cabeza un pouquiño e, desde a solidariedade humana rebelarnos contra todo o que nos faga perder dereitos humanos ou convivenciais. Nin que dicir temos que, como solución ao cronavid-19 xa se propuxo deixar morrer aos vellos e os contaxiados, con tal de manter o actual sistema económico capitalista. Tod@s o sabemos.

                     O título de que escribimos consta de 10 ensaios, nada longos, onde o esloveno debulla boa parte das preocupacións que máis nos inquedan .Empezando, se callar, por preguntarnos se relamente aprendemos algo das anteriores crises humanitarias, as anteriores pandemias, padecidas pola humanidade. Ae respecto recorre ao esquema da reacción en cinco fases, desde que coñecemos a noticia, que elaborou Elisabeth Kübler-Ross (Sobre a morte e o morrer). Estas son: a negación, a ira, a transacción, a depresión, e a aceptación. Non creo que cumpra exemplificalas, e se as menciono é porque resulta moi ilustrativo aplicar ese esquema ás reaccións dos diversos partidos políticos estatais. Hainos, sobre todo na dereita máis carca, que non deron superado a fase da ira… A ese dez ensaios hai que endair os dous apéndices que rematan o volume.

                     Desde a crítica ao populismo aos intereses ecoloxistas están presentes no texto, un texto no que se sinala como dous dous maiores perigos para Europa a Putin e Erdogan (o Putogan, como lles chama) e as súas critícábeis e rexeitábeis solucións. Porque no ánimo de Zizek está o concienciarnos da barbarie política que nos ameaza en nome da sobrevivencia dun sistema político-económico capitalista que foi o que nos trouxo deica aquí…e ameaza con recrudecer as condicións socioeconómicas en que vivimos.

                     Cómpre lembrar, por exemplo, como denuncia Zizek, que na China os gobernantes xa están a crear a conciencia na xente de que, cando saiamos desta, haberá que traballar sábados e domingos para recuperar a produción.

                     Paga a pena, e moito, (re)pensar nunha solución máis comunista e humanitaria fronte á barbarie capitalista. Paga a pena. Moito. Como dicía Martin Luther King e Zizek recolle: “Deica aquí chegamos en diferentes embarcacións, pero agora estamos no mesmo barco”.

                     Como dicimos, o libro de Zizek trata de crear conciencia fronte aos perigos certos do capitalismo do desastre. Precisamente por iso remata cunha breve alusión ou resumo deses perigos. Merquen o libro, xa non só polo contido, polo pensamento impagábel do autor…tamén porque os cartos obtidos pola súa venda (os famosos royalties) van destinados a Médicos sen Fronteiras, que boa falta lles fan.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s