crítica de A GUERRA ERA CONTRA NÓS, de Carlos da Aira, en Xerais.

LITERATURA COMPROMETIDA: LOITA E REBELDÍA

Título: A guerra era contra nós

Autor: Carlos da Aira

Editorial: Xerais

Partimos da crenza de que a literatura non debe ser nunca neutra forma de evasión verbal. Como mínimo ten que abrir portas no cuestionamento de quen le, ou pechalas. Ten que incomodar, tirar a quen le da monotonía mental que tanto lle presta a tanta xente. Presta, porque da reflexión desencadeada polo cuestionamento poden derivarse aspectos que nos fagan sentir molest@s coa inactividade á hora de non afrontar problemáticas socias que condicionan ( sabéndoo ou non) a nosa forma de vida. A literatura debe ser dun tempo e dunha terra, que dicía o outro, e unha voz social discordante co estado de cousas establecido. A literatura debe ser motriz.

                     Partimos desa crenza porque na nosa educación lectora foi moi importante a literatura comprometida, a literatura cívica, a literatura que aspiraba a mudar a realidade a mellor. Un Curros Enríquez, un Cabanillas, un Celso Emilio, unha Rosalía de Castro, un Ferrín…

                     E, aínda que somos conscientes de que a literatura dos tempos que vivimos parece camiñar polos vieiros da expresión de individualidades máis ou menos preocupadas socialmente (é unha maneira rápida de dicilo), se é que existe claramente esa preocupación, non deixa de agradarnos cando atopamos escritas coma esta de Carlos da Aira, que desde o mesmo título turra pola rebeldía, polo autocuestionamento, imprimíndonos a necesidade de loitar por un mundo mellor. Xa viviu mellores tempos a literatura comprometida; evidentemente era, cremos, máis doado escribir contra unha problemática que estaba aí, arrodeándonos, en forma de ditadura, de mortos nas cunetas, de espolio, de amodazamento, en defiitiva: de conflitividade social que nos atinxe. Non é que hoxe non haxa nada diso, mais o capitalismo do desastre logrou impermeabilizar a sociedade cunha pátina de “sociedade do ben-estar” na que parece que non podemos aspirar a algo mellor ca iso e que é unha bobada pretendelo. Iso, unido a unha falsa democracia, unido a unha falsa liberdade, e a tolerancia política da lingua falada e escrita (repárese ben en que dicimos TOLERANCIA)…e estamos como estamos. Podiamos explicitar máis esta crenza, podiamos, mais a nosa finalidade é escribir sobre o libro de Carlos da Aira.

                     E conste que, a todo o dito do compromiso social, cómpre engadir o valor literario. Porque estamos a falar de literatura e a literatura é algo máis ca un tema interesante.

                     Ben, imos co libro de Carlos da Aira, con ese título de primeiras incómodo, e que debe ser, despois da lectura unha chamada a rachar o nihilismo, o laissez faire en que vivimos intalados. Libro que foi gañador do VIII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, que edita Xerais en colección poética, mais que non só contén poesía. Das tres parte de que consta o libro ( “A guerra”, “Catro armas” e “Epílogo”) só a segunda aposta decididamente pola poesía como fórmula expresiva. Do resto, hai poesía claramente na primeira parte, no comezo, polo medio e/ou no remate dos textos. Dos textos híbridos. Porque non todo é poesía. Quizá alguén se atreva a falar de prosa poética; para nós resulta excesivo precisamente porque requerimos que esa parte poética resulte convencidamente máis presente. De xeito que preferimos falar de prosas interferidas de poesía, tecnicamente. O cal, evidentemente, non discute o seu valor literario.

                     O libro comeza facendo referencia á perda de valores sociais humanos, inscribíndose na humanidade como contexto, denunciando a soidade do heroe sen guerra (expresión que temos utilizado moitas veces e cremos xustificada aquí), cunha mención especial á epífora, mención especial porque nos advirte que non debemos pechar o libro (nunca se debe pechar un libro) sen volver ao título, xa dixemos. Lembrándonos despois esa, en baoa parte mentireira, dualidade entre o rural, a aldea, e a cidade; en boa parte mentireira porque vivir nun lugar ou noutro non exime de respnsalilidade á hora de loitar, son contexto diferentes que esixen unha mesma loita; apela a quen le ( e esa apelación será constante, fuxindo da expresión egocéntrica da voz poética) e lembra que o mundo pode mudar polo que se cría unha causa/cousa menor. Evidentemente no falta a denuncia da literatura vácua, inútil, mentireira, cómoda…á vez que se expresa unha desconfianza do pasado precisamente por iso, porque é pasado e a nosa loita debe ser presente, loita polo futuro. E, de futuro falando, os textos híbridos de Carlos da Aira tamén deixan a impresión de non-futuro que a música e o cinema (tamén) popularizaron; esa sensación de non-futuro e a constatación da perda de conciencia de clase (refuxiados na impermeabilización da clase media da sociedade do ben-estar), o cal redunda nunha perda de identidade e no esquecemento de que “mesías” pode ser calquera, de que calquera pode abrir a espita do cambio social. Imos vendo como evoluciona tematicamente o libro, e nesa evolución non falta, agora si, a posibilidade recoller forzas, doses de moral, pescudando no pasado, precisamente. Advertíndonos de que cómpre fuxir dos “falsos profetas”, dos acomplexados demiúrgos dun exército de salvación mentiteiro e ineficaz, claro, pois vivimos nunha sociedade amordazada pola cultura do (pracer e consumo) inmediato, e volve esa sensación de non-futuro. O cal non deixa de ser unha mentira, unha falsidade, unha engañifa que no último medio século avanzou  e se consolidou. Nisto, rematando xa a parte primeira, vólvese lembrar o valor do exemplo dos ancestros, por moi abstracto que sexa, fronte a concreto que é, por exemplo o viño, símbolo tanto do transtemporal como da droga, do opio, que non deixa pensar.E remata esta parte tematizando a muller (non agardabamos a súa falta) e falando da “felicidade” do ser alienad@, da alienación. Alienación concepto que, sen aparecer moi explícito no texto, aparece intermitentemente ao longo da lectura.

                     E preguntarase, quen isto estea lendo, cales son esa catro armas que se anuncian no título da segunda parte. Ben. Pois aí está o valor da amizade, valor e exemplo cando desde ela se loita contra a mentira (“institucionalizada”, engadimos). Velaí volve a necesidade de loitar contra a alienación, esa dor que non doe. E velaí volve o valor da lingua como arma ( dicimos volve porque así está sendo utilizada desde o comezo) para remata co simbolismo da figueira, da natureza, coa lembranza de que “os mortos  non saben perdoar”. Para rematar, no epílogo, en prosa, coa lembranza da alienación (e do exterminio ou autodevastación a que leva) tendo moi claro que é o amor ( si, o amor, e póñanlle vostedes todos os adxectivos que queiran) o único que nos pode salvar, ou o que máis virtualidade ten de o facer.

                     E é o momento de volver ao título. A guerra era contra nós. Claro, porque primeiramente temos que loitar contra o propio amordazamento.

                     Formalmente, as prosas son prosas moi curtas e o autor sabe manexarse ben neste formato porque sempre consegue interesa a quen le no que se di. E os poemas, tanto que formen parte do texto en prosa (no inicio, no medio e/ou no remate; e, nótse, en ningún caso esa imbricación é forzada), ou sexan independentes (na segunda parte) amósannos un autor que domina os aspectos técnicos da poesía, tales como a versificación, o ritmo ou o estrofado. É este un aspecto que adoita ser esquecido (o apartado técnico) cando se fala/escribe sobre poesía, como dando por feito que tod@ poeta os domina; e non sempre é así. Cómpre salientar tamén que Carlos da Aira xoga moi acertadamente coa dimensión temporal e tampouco debe esquecer o simbolismo (non é que sexa unha sucesión de símbolos, mais cando é preciso porque dá xogo…aí está)

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s