crítica, seguida de subliñados, de XENEALOXÍA DUN INTRUSO, de Isaac Xubín (Xerais)

A POESÍA DO INTRUSO

Tïtulo: Xenealoxía dun intruso

Autor: Isaac Xubín

Editorial: Galaxia

Non resulta nada doado elaborar definición que describa a obra dun autor ou a dunha autora; agás casos concretos que orientan a súa obra por determinados intereses, adoita ser labor condenada á esterilidade ou como mínimo á parcialidade. E se o autor do que falamos é Isaac Xubín, resulta case un suicidio tentar facelo. Podería dicirse que está a construír unha literatura pouco convencional, moi libre, que aínda vai conformando a imaxe dun autor poliédrico con obra en progreso. Mais iso non nos conforma, é case como dicir nada.

                     Ben, vaiamos ao que nos toca, o último poemario de Isaac, Xenealoxía dun intruso. E comecemos polo principo. Polo título. Porque é necesario comentar que habitualmente se entende por xenealoxía (relación de antepasados e/ou descendencia dunha persoa), non é exactamente o que imos atopar aquí. Esta é unha xenealoxía, si, porque no poemario o autor remata por esculcar as súas orixes; ou, mellor dito, non dá fuxido a explicar (se) a súa condición de “intruso” na vida, nas manifestacións da vida. Intruso, outra palabra do título que é necesario esclarecer. Moita xente sente a sensación de ser un “intruso” por ter que vivir en moitos (tampouco é imprescindíbel que sexan moitos) lugares alleos ao da súa necencia, á súa nación, á súa comunidade. Xa, dicimos que é bastante habitual esta sensación de sentirse “intruso” no lugar en que se vive e esa sensación mesmo se mantén logo do regreso á tribo orixinaria. Xa. Mais é que, na nosa opinión, o significado de “intruso”neste caso vaí máis alá, é moito máis amplo e tamén ten que ver coa literatura (neste caso poesía, mais resulta aplicábel tamén ás novelas, por exemplo) que escribe. Expliquémonos.

                     O que escribe Isaac Xubín é poesía, indubidabelemente. Mais non poesía lírica (strictu sensu), ou non unicamente aínda que non renuncie a deixar certos pousos líricos nos seus poemas. Dixen certos pousos, quizá habería que dicir pegadas líricas, que teñen explicación lóxica: o poeta escribe desde o “eu”, desde a introspección (tan ligada ao lirismo), sen que iso supoña que en certos casos non se vexa na obriga de contemplarse desde unha terceira persoa (por exemplo) ou mesmo tratar de alterar o eixo temporal pasado-presente-futuro. Porque todo sio sucede no poemario. E, dalgunha maneira, aí tamén hai certo intrusismo. Por habelo, mesmo se pode dicir que o hai cando na esculca interior, na reflexión interior, a voz poética se descobre a si mesma como intrusa en si mesma, de aí que aparezan termos como “palimpsesto”, “mercenarios”, “sombras”, “tradución” (son unha tradución contra min mesmo), “linguas alleas” ou “penetrable”, por exemplo… Ou que se vexa na obriga de acudir ao “nós” en lugar do “eu”…

                     (E esta explicación, desde o intrusimo, da súa poesía, tamén é aplicábel ás súas novelas, tame´n)

                     Á vez tamén se pode dicir que a poesía de Xenealoxía dun intruso recorre con bastante frecuencia a termos cultos, mais iso non é suficiente como para dicir que a súa é unha poesía cultista ou culturalista. Tamén hai aí certo intrusismo, tamén.

                     Formalmente, os poemas poucas veces sobardan a páxina, mais son poemas semanticamente moi densos. Porque tende a empregar versos longos (antes dicíase “de arte maior”), de maneira que os temas ou mensaxes sempre son complexos, nunca sinxelos. Nestas, tamén é moi frecuente o uso de versos sangrados, habitualmente consistentes nunha palabra (ou pouquiñas, dúas, por exemplo), unha ou dúas veces por poema (algunha vez, máis). Tamén se lles pode chamar versos “intrusos”, que teñen a función de reclamar atención por parte de quen le, desmecanizar a lectura, pedirlle que reflexione. E, cando non é así, a voz poética xoga co ritmo, precipitándoo ou remansándoo (sobre todo nos poemas finais), coa mesma finalidade. Mais a imaxe formal do poemario non estará completa se non mencionamos, e salientamos, o uso de imaxes-símbolos-metáforas (así, todo xunto, porque non teñen porque ser conceptos-figuras illadas) potentes e de gran calado significativo. Poñamos como exemplo “O acto de coser”, onde “coser”, alén do significado habitual, tamén significa “viaxar”, “escribir” ou “vivir”…

                     (Un inciso, porque acabamos de mentar un pema onde aparece “Antígona”, esta recorrencia ao mito clásico reproducirase ata en catro ocasións -mito clásico que tamén lembra a Sófocles, claro. Non sendo esta a única ocasión onde o “mundo clásico” aparece nos poemas de Xubín, velaí, a modo de exemplo, Apolo, Tebas, Cronos e mesmo o recordatorio do coro clásico (tamén como imaxe dun “eu” que, como vimos, se converete nun “nós”). Mais este clasicismo non fica só no mundo grego clásico; tamén están os Tarxix, Sión ou Babilonia, bíblicos, ou tamén, Galaad ( o monte, non o heroe).

                     E, aínda que en certa maneira é poesía que recorre á descrición, tampouco se lle pode chamar poesía descritivista sen máis. Porque o que é, é poesía analítica, poesía que nace da reflexión interior, íntima; mais esa introspección nunca (nin neste caso e case en ningún outro) está desvinculada do exterior.

                     Se, despois do dito, alguén pensa nalgún tipo de sincretismo na poesía de Xubín, tampouco andará moi errado. Porque aínda que non é unha poesía sincrética como habitualmente se entende, o certo é que si hai usos sincréticos ou poliédricos na linguaxe e nas figuras (como vimos) que utiliza Isaac Xubín. Iso, están aí, pero non permean a poesía o suficiente como para caracterizala ou definila desde eles.

                     Dito isto, non debe esquecer que os poemas están escritos desde unha conciencia politicosocial clara; non fagocita o discurso (non é panfletaria) mais aparece cando ten que aparecer, ás veces pode parecer un chisco pesimista (quizais a forza do noso amor / está condenada a ser inútil, por exemplo), mais son pedras no camiño para que non esquezamos que, de tropezar, debemos erguernos e continuar a loita na viaxe. Que ese é o intrusismo final, o do viaxeiro ( e a vida, imaxe clásica, é viaxe) impenitente que non deixa de ser intruso alí por onde pasa.

Para remate deixo esta selecta dos subliñados (esa tentación que nunca dou resistido) que fun facendo mentres lía o poemario, neles pódese distinguir ben boa parte do escrito na crítica. E, do resto, vese de primeira man a concepción da escita de Isaaci Xubín, da escrita e da vida:

Subliñados de XENEALOXÍA DUN INTRUSO

….eu escribo para min porque é así

como vivimos os mercenarios… (11)

………………………………………………………………..

Aprender a vestir as sombras é una tarefa

imprescindible para quen queira

manterse san neste bosque de fachadas de pedra (13)

……………………………………………………………….

Somos a reunión de dous campamentos

a madrugada antes da batalla,

teño a lanza florecida (15)

……………………………………………………………..

A FORZA engañadiza da estética,

convídame a falar en futuro (23)

…………………………………………………………….

…necesito seguir mordendo en linguas alleas

para perder a capacidade de falar correctamente

a que eu decidín que fose miña (25)

……………………………………………………………….

…non é que nos falte colleita,

simplemente non sabemos que facer con ela… (25)

………………………………………………………………

O discurso é un ourizo ferido

que pode transformar en nación e estado

o que antes era só paisaxe… (27)

…………………………………………………………….

…pero non teño terra de meu,

por iso insisto en ser completamente penetrable…(29)

……………………………………………………………..

Son una tradución de min mesmo (29)

………………………………………………………..

…ou converto toda esta paisaxe

en campo de batalla  ou mañá

non serei máis ca propaganda (31)

…………………………………………………………

…crer que os libros que escribo

non son outra cousa que recipientes ocos, caixas (33)

………………………………………………………..

…entre as páxinas dun libro

sobre a creación discursiva do territorio (35)

………………………………………………………….

…souben que tería que vivir no inverno,

En bosques de humedén e terra erma… (39)

…………………………………………………………

…tiña o coitelo preciso e lía libros sen piedade…. (41)

………………………………………………………… 

…o retorno só pode ser una vontade momentánea…(41)

…………………………………………………………

…por iso non nos decatamos

 de que nos roubaron o gando e as palabras… (41)

………………………………………………………..

…insisto en ser penetrable,

non se trata de nostalxia (45)

……………………………………………………….

…non hai procesos reversibles,

nada acontece así na natureza… (51)

ASDO.: Xosé M. Eyre

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s