aproximación (apresurada) a ÁRBORES NO DESERTO, de Rosalía Fernández Rial, en Galaxia.

HOMENAXE Á LIÑA HISTÓRICA DO FEMINISMO OU COMO A LECTURA E A ESCRITA AXUDAN NA (DE/RE)CONSTRUCIÓN DA PERSONALIDADE DA MULLER.

Título: Árbores no deserto

Autora: Rosalía Fernández Rial

Editorial: Galaxia

De todos os títulos que levo argallado -varios milleiros, non sei cantos- este é, sen dúbida, o que a máis traballo reflexivo me obrigou; sen que por iso rematase satisfeito unha vez que o escribín. O cal indica que nos atopamos ante un poemario moi poliédrico (podería dicir complexo, mais esta palabra adoita sinonimizar a de difícil, e e non van por aí os tiros) que, tanto desde o punto de vista formal como desde o conceptual ofrece posibilidades lectoras e expresivas que teñen como nexo común o que quixemos adiantar no título: trátase dunha homenaxe a figuras senlleiras do feminismo (once, en total) ao longo da historia (precisamente o poemario está disposto desde a máis antiga á máis actual desas voces), que á súa vez resulta de grande utilidade a (de/re)construción da personalidade da muller e que, por riba, ofrece solucións expresivas variadas e ás veces pouco frecuentes. O que fala, en primeira instancia, dun poemario moi traballado, que é máis que unha exposición lírica do eu. En primeira instancia, dicimos, porque, unha vez que encetamos o poemario, axiña nos decatamos do verso pefectamente medido/concebido para que o ritmo (expositivo e lector) saliente e reforce determinados conceptos. Tamén hai algún xogo de palabras ocasional, mais o principal é o dito, nada non agardábel nunha poeta tan experimentada como é Rosalía Fernández Rial.

                     Esas once mulleres homenaxeadas son Soujourner Truth, Flora Tristán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emma Goldmann, Viginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano, Simone de Beauvoir, Kate Millet e Malala. Hai aí nomes máis que coñecidos (Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Virginia Woolf, Clara Campoamor, María Zambrano ou Simone de Beauvoir) e outros menos familiares ao gran público (Soujouner Truth, Flora Tristán, Emma Goldman, Kate Millet e Malala). Este feito, que se abran as portas a nomes vulgarmente menos coñecidos na historia do pensamento feminista (e, dentro dese feminismo, pensamento variado, polo que sabemos) parécenos especialmente salientábel. Como son moitos nomes, renunciaremos a ofrecer datos bio-bibliográficos de todas, porque aínda obviando as máis coñecidas seguen a ser un número excesivo para o propósito destas liñas; no seu agradamos que as ligazóns cumpran ese papel; e, dentro destas mulleres bravas, particularmente ilusióname o nome de Flora Tristán ( sen por iso desmercer as demais), muller de orixe peruana mais que viviu en Europa sen nunca renunciar ao seu ideario político e feminista, o cal a levou a unha existencia realmente complicada desde o punto de vista económico (por exemplo) mais que desenvolveu unha actividade decisiva na historia das reivindicacións sociais obreiras e femininas (sobre todo); actualmente está en revisión o seu achegamento ao feminismo no Perú, mais a súa actividade (tantas veces xorda e ingrata, mais sempre precisa)  desenvolveuna en Europa e ese estar entre dous continentes non favoreceu a difusión da súa mensaxe.

                     Fóra disto ( e han disimular esa miña inclinación persoal), a expresión poética de Rosalía Fernández Rial, que xa recoñecemos como variada, comeza con algo parecido a unha tentativa de glosa de determinadas mensaxes. Sempre nos pareceu a glosa un dos retos poéticos máis dificultosos posíbeis ( a proba é a pouca fortuna que historicamente tivo), e aquí hai algo diso. Non se trata de glosas entendidas ao xeito clásico, nin sequera esas glosas nacen sempre en mensaxes poéticas senón que se insiren tamén na prosa; mais aí está esa tentativa de explicar, a partir dun escrito alleo, tanto a mensaxe orixinal como o que supón esa mensaxe para a poeta glosadora, que tamén é unha tentativa (lograda, e ben lograda) de explicación do pensamento feminista. Porén, o poemario comeza así, mais ofrécense outras solucións expresivas tamén, como o encadramento ( e entón o poema comeza  e remata con palabras da activista homenaxeada), a performance (non hai que esquecer que é unha das actividades queridas da autora), a glosa continuada (cando, unha vez comezada a glosa, esta se vai incrementando até chegar a unha expresión moito máis longa e complexa), o  xogo espacial (a poeta é moi consciente de que o poema ocupa un lugar no espazo en branco, e con iso xoga) ou mesmo a tradución ( do discurso de Malala, mais non só: o xogo espacial a que antes nos referimos faise sobre traducións de Virginia Wolf -Iria Sobrino, Celia Recarey- de textos en prosa dentro dos cales -mediante o tachado- se fai salientar unha mensaxe  poética; unha estratexia de descuberta da poesía a partir de textos en prosa.

                     Tematicamente falando, o primeiro que queremos comentar é como desde as lecturas (e posterior escrita, non se explicita mais sobreentendémolo) a voz poética toma conciencia de si mesma, da súa mesmidade, da particularidade histórica que define como é e como pode chegar a ser a muller. Este proceso de de-construción e re-construción da intendidade feminina (calada e deturpada por imposición do machismo social histórico) a través da lectura e da escrita, xa o tiñamos  visto en poetas brasileiras (negras e feminsitas, Lubi Prates: por exemplo. A brasileira é a única sociedade que coñezo onde existen asociacións anti-feministas, e resulta especialmente racista e machista) mais comprobar como aquí (nunha sociedade en teoría maís tolerante) tamén é necesario resulta un toque de atención que non se pode pasar por alto…e tamén reafirma e cofirma o valor tanto da lectura como da escrita na conformación de personalidades críticas e libres, un valor que nunca perderon mais que con moita frecuencia cae no esquezo. No caso concreto que nos ocupa, este proceso dáse no mundo feminino e feminista. Porén, a lectura de Arbores no deserto (óllese xa o simbolismo desde o mesmo título) non se limita a ese universo. Todo o contrario, é de moi significativo para quen se interese polo mundo da loita feminista, da loita da muller por ser-ela-mesma, fóra de imposicións sociais, culturais e/ou políticas que impidan o seu natural desenvolvemento, o machismo ou androcentrismo por dicilo brevemente, si, mais tamén para calquera outro tipo de lectora ou lector, debido ao seu tamén moi salientábel valor estético (a loita, aquí a loita feminista, xa en si é unha estética, na nosa opinión.)

                     Aliás, quero tamén deixar ben claro que o poemario adopta unha disposición textual moi ben pensada e tremendamente efectiva: os primeiro poemas coidan especialmente a interpelación a quen le, son especialmente emotivos e por iso tamén chegan moito a quen le, de xeito que as posteriores reflexións (porque despois o poemario vólvese máis reflexivo) interesan tanto desde a esfera emotiva como desde a reflexiva, onde a necesidade de crear(se), de rebelarse, de reconstruírse permanece no poemario aínda que se pase dunha homenaxeada a outra, e conceptos como a danza (ás veces simbólicos), a urxencia de loitar contra o convencional, o auxilio dos símbolos artísticos nesta tarefa, a reescrita da historia (onde a muller foi silenciada, eliminada), o temporal, a auga, o vendaval, o volcán (máis símbolos de cara á emancipación), a intelixencia como arma na loita de sexos, o feito de que escritas (anteriores, porque son máis, pero non só, que tamén as hai actuais) funcionen como faro o guía, o sentimento de exilio que padece a muller (exilio de si mesma!) ou a convicción de que só as palabras da muller e da poeta poden cambiar o mundo (Malala)…conforman unha apresurada ollada a unha temática onde a muller, o que significa ser muller (historicamente e na actualidade), a necesidade de rebeldía, de insubmisión, que leve a unha de-contrución que dea lugar a unha re-construción ou nacemento da muller nova, da muller libre, conforman un eixo temático onde tamén se reflexiona sobrea propia escrita (“ Ningunha poeta sobrevive / a que cale o derradeiro verso”, 99, por exemplo, ou “arranca o poema, / levanto o temporal”, 47, ou “Se cadra, a linguaxe vive ao aoutro lado das cousas, erixindo unha realidade alternativa: diferente ao que a resignación pretende ver”, 29) e que resulta unha temática moito máis uniforme do que en principio se podería agardar.

                     Non só é un libro necesario (para  a sociedade, para a muller e para o home) consistente nunhas homenaxes merecidísimas a mulleres que fixeron da loita feminista o centro da súa vida, senón que formalmente tamén é un poemario vizoso, rico, á altura dunha poeta tan experimentada como Rosalía Fernández Rial.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s