a propósito de A RELIXIÓN DO MAR, de Xosé Iglesias.

VERSOS DE SALITRE

Título: A relixión do mar

Autor: Xosé Iglesias

Editorial: Caldeirón

A primeira edición de A relixión do mar, deuna á luz Xosé Iglesias aló polo 2016. De feito esta é a segunda edición, corrixida e aumentada, polo que supón unha dupla reflexión sobre a primeira: está corrixida (os poemas foron repensados e reescritos nunha versión nova, seguramente non todos mais si unha parte, o número é o de menos) e daquelas antigas raíces agromaron novos froitos (o cal indica cara á permanencia e constatación do mundo poético do mar) Esa permanencia e constantación é moi importante por canto nos indica unha liña temática sempre presente nas nosas letras, desde as mesmas Cantigas medievais ao inesquecíbel Paco Souto sempre houbo referencias ao mar nas nosas letras, especialmente nas poéticas. Establecer esa liña, poñendo nomes propios, non deixa de ser unha tentación, mais a nós sacaríanos do rego, e quen queira máis pormenor velaí as palabras preliminares de Felipe Senén, que algo máis profundizan.

                     O primeiro que a nós nos chama a atención é unha palabra do título: “relixión”, a relixión supón o acatamento dunha serie de directrices vitais que dan lugar a unha convivencia, cun mesmo e cos demais, particular e diferente. Estas directrices deben ser observadas sen excepcións e son directrices que emanan do mundo natural, dunha parte do mundo natural, o mar, tal e como o facían as relixións pagás. Este feito, a súa procedencia natural, a día de hoxe non foi deturpado de todo pola Igrexa Católica (e vaia se o tentou!), pois se ben é certo que moitas embarcacións teñen nome en advocacións relixiosas e hai festividades relixiosas que con especial relevancia no mundo mariñeiro, a cousa non vai máis alá. Non vai máis alá e mesmo falar de asuntos relixiosos, curas e demais, estando embarcados non é precisamente algo de bon agoiro. E di isto un que é de “secano”, un “terrícola” que diría Xurxo Souto.

                     En segundo lugar cómpre sinalar a amplitude deste mudo do mar que Xosé Iglesias recolle nesta A relixión do mar, seguramente estamos a falar do poemario máis extenso que deu a temática do mar. Unha temática que dá testemuño dunha vida diferente e moi particular, como é a dos embarcados en naos que saen á pesca, de altura ou de baixura, pois a relación interpersoal neses escasos metros cadrados sempre é diferente e nos dous casos está condicionada pola soidade dos mariñeiros no medio do mar, pola soidade dos mariñeiros que por todas partes ven auga de mar. Precisamente este é un tema, o da soidade, que non deixa de estar presente e non precisamente nun único poema. E tamén hai que dicir que ao seu carón hai que situar outro, moi  importante. A soidade do mariñeiro (tan ben cantada por Manuel Antonio, xa caemos na tentación!) é algo que non se pode discutir, un feito obrigado que se ve complementado por outro que, a noso xuízo, tamén é moi  trascendente: a liberdade, que xorde xa cara ao remate.

                     Evidentemente, o poemario parte dunha concepción relixiosa (que non deixa de ser unha imaxe simbólica) moi clara, de xeito que os primeiros poemas nos falan precisamente da “persignación”, do “credo”, da “fe” e dos “rituais” (onde xorden profesións mariñeiras -percebeiros, redeiras- ou caracteríticas da vida no mar -como por exemplo as emisións de radio con contido meteorolóxico) para despois ir explicando poeticamente como se constrúe un deus, e neste caso o deus é o mar. O mar, ese deus que dá a vida, e tamén ese deus que a quita, polo que tamén é un deus tráxico e afogados ou naufraxios, infortunadamente, non faltan nunca e aquí tampouco, malia a concepción do mar como “líquido amniótico” ou “embrión” de onde sae a vida.

                     Particularmente, o que máis nos impresionou do poemario é esa identificación entre o mariñeiro e o barco que se vai establendo ao longo do poemario, do poemario ou caderno de bitácora poético. Unha identificación, non exenta de “cicatrices” (que tamén se autoidentifican), nin de néboas ou calmadas, que se produce sempre ao borde do precipicio (pois no barco sempre estás abeirado ao precipicio). E particularmente gustáronnos os poemas onde se tematiza o solpor visto desde o barco. Ou que o autor non esqueza os oficios mariñeiros que se levan a cabo en terra ( xa falamos das redeiras, mais agora referímonos aos carpinteiros de ribeira). E é xustamente con poemas relativos ao mundo dos afectos do autor como remata un poemario (entre eses afectos tamén está Man de Camelle) que se fai un tanto repetitivo ao abusar da aliñación centrada, que xa non é ningunha  novidade e que inflúe na percepción do ritmo duns poemas que tenden ao monoestrofismo, nunca son demasiado longos e acada os mellores resultados preisamente nos máis breves.

                     Desde a lírica, velaquí unha epopea do mar, a auténtica e máis completa epopea do mar son estes versos de salitre.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s