crítica de PRANA APANA, de Patricia Rivas Gallego, en Galaxia.

A PROPÓSITO DE  PRANA APANA

Tñitulo: Prana Apana

Autora: Patricia Rivas Gallego

Editorial: Galaxia

Libros de poesía ilustrados hai ben deles. Libros de poesía ilustrados con fotografías, tampouco faltan. Mais este, que é un libro de poesía ilustrado con fotografías, consegue ser absolutamente singular. E singularízao o feito de que autora, nas palabras de presentación reclame como referencia as Cousas de Casttlao. Por varios motivos. Primeiro porque non é habitual que as autorías máis novas reivindiquen/lembren autoras e autores do século XX, e moito menos se se trata dun autor da primeira metade do século, aínda que ese autor sexa un xigante como Castelao. E tamén, tamén, porque esa reivindicación/lembranza dun título tan senlleiro como Cousas, lle serve á autora parta explicar como está concebido e como se debe ler/interpretar o poemario Prana Apana. Se cando comentamos Distancias (Tamara Andrés & Marcos Viso, Galaxia) salientabamos que se trataba dunha hibridación entre ilustración e poesía, porque ambos formaban parte do outro, e iso é absolutamente infrecuente, no caso de Prana Apana sucede algo semellante, moi parecido aínda que diferente. Moi parecido ou moi semellante porque hai que interpretar/ler os poemas en función das fotografías ou ao revés: as fotografías en función dos poemas. Igualiño, igualiño que nas Cousas  de Castelao, aínda que no caso do rianxeiro sexan prosas, narrativa. Por suposto, nós non lles imos indicar cando hai que ler/interpretar o poema en función da fotografía ou revés. Debe ser quen lea quen o faga, e non sentirse frustrad@ se en principio non o consegue sempre; todo consiste en perseverar.

                     Alén diso, hai outra cousa que contribúe grandemente á singularización do libro de Patricia Rivas, e é o feito de que estea estruturado a partir da práctica do ioga. Xa que na práctica do ioga unha das procuras fundamentais é acadar equilibrio entre o Prana (enerxía vital) e o Apana (enrexía de expulsión) mediante as técnicas de control respiratorio  (pranaiamas), proceso respiratorio no cal tamén se producen momentos de apnea cando os pulmóns fican baleiros de ar. Isto sérvelle á autora para estruturar o poemario en varias partes: “Respiración” (un poema, a modo de presentación), “Inhalación”, “Exhalación” e “Apnea” (outro poema). Sérvelle a autora para iso e sérvenos a nós para indicarlles que aquí, neste poemario, non imos atopar poesía exaltada, poesía onde a carga lírica estoupe en clímax que puideran facer pensar en fogos de artificio espectaculares, impactantes. Para nada, todo o contrario.

                     Sendo poesía lírica (é dicir, unha tentativa de explicarse a voz poeética, de explicar introspectivamente os recunchos do seu interior e á vez explicar, ou tratar de explicar, en parte como funciona o mundo) e habendo nela un evidente ou lóxico pouso reflexivo este só serve para que a expresión poética se manteña nun clima de serenidade dentro do cal o lirismo se manifesta e acadará puntos álxidos dependendo da sensibilidade de quen estea lendo.

                     E sendo este o primeiro poemario que lle coñecemos (aínda que saibamos que, concretamente, a fotopoesía xa a traballou anteriormente, a fotopoesía ou a improvisación poética) cómpre dicir que Patricia Rivas se amosa como unha poeta experiente e consciente da dimensión poeética do que escribe, logrando un poemario moi homoxéneo en canto á calidade ou perfección dos textos líricos, textos líricos ou poemas que nunca son longos, e que na súa dimensión xusta nunca fan pensar nunha poeta primeiriza senón nunha poeta con moito oficio xa, grande sensibilidade e dominadora da técnica poética, o cal demostra presentando un poemario no cal precisamente a técnica poética non é monótona senón variada, malia estar sempre impreganda por esa serenidade de ánimo (desde a cal o eu poético contempla) que a alonxa tanto da exaltación como da depresión ou pesimismo vital, e na que quizá haxa algo de pragmatismo porque o que non se pode falar é de resignación. En todo caso, esta actitude reflectida e que ten o seu de reflexiva, é un bon lugar desde o cal pedirnos que releamos e reinterpretemos as coordenadas do texto e do poemario e fotografía á vez. Curiosamente, porque sería en parte agradábel, o que non é é un poemario que peque de descritivo, sería unha tontería porque para iso xa están

as fotografías, que son marabillosamente preciosas.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s