Os exilios de Xabier Cordal

Título: Resistencia da auga

Autor: Xabier Cordal

Editorial: Chan da Pólvora

O que vou escribir a continuación son reflexións que nacen en min despois de ler o último  poemario de Xabier Cordal. Aviso isto porque non é unha crítica ao uso dun poemario, nin sequera un artigo “a propósito de”, ou “sobre” que algunhas veces fago. Non, é unha reflexión máis fonda, ou, mellor dito, máis ampla cá simple referencia ao libro de Xabier. Certamente, das seis partes en que se presenta o libro, a segunda titúlase precisamente así: “ Exilio”. Iso lévame a pensar xa non na escrita como refuxio, que tantas veces se ten dito, senón como exilio, cousa fundamental; pasamos do “acubillo” da poesía, a un sentimento de morar intelectualmente fóra da comunidade propia. Por agora manteremos esa denominación: comunidade propia. E iso fala de soidade, entendemos; de soidade e tamén de incomprensión ou mala recepción das mensaxes que como poeta (e poeta consciente política, social e lingüisticamente, moi importante) emite/emitiu. E ten que ver, naturalmente, coa “soidade do heroe sen guerra” de que tratamos en artigos anteriores. Resulta obvio que a expresión lírica se vén tendo como expresión da sentimentalidade ou pensamento individual, na maioría dos casos. Mais iso non é aplicábel a Xabier Cordal desde que participara no colectivo Ronseltz co lembrado Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados. Existe unha clara vontade de intervención social que nace satiricamente do descontento ou refugamento dunha realidade que non consideran aceptábel, unha forma de rebeldía. Por iso este “exilio” nos parece grave, grave denuncia, se se quixer, lírica, non en van o poemario iníciase de xeito lúdico, non tan satírico (sen deixar se selo), reflexivo e demostrador da situación d@ poeta diante do público lector/receptor.

                     Ese é o primeiro “exilio” que nos vén á cabeza. Porén hai máis. Por sinal, o exilio lingüístico. A actual situación de desvalimento da lingua galega, combatida por quen a tiña que defender, relegada a un segundo plano fronte ao castelán “imperator” e vendo como o inglés lle come espazos…Non nos cabe dúbida de que de que ese é  outro “exilio”, un exilio dentro da propia comunidade, dentro do propio país. Non nos cabe dúbida diso e si debemos deternos na gravidade da denuncia de Xabier Cordal. Experimentar este sentimento dentro do propio país é dunha gravidade e dureza abraiantes, que nos deberían mover á reflexión e, por suposto, á rebelión. Non sente o poeta ser voceiro dunha sociedade que camiña ás cegas, preocupada unicamente polos bens consumistas da inmediatez. Vivir é sinxelo cos ollos pechados, que dicían os Beatles. Non o sente o poeta, non se sente parte desa sociedade. Porén, con isto, ese mesmo poeta retoma a función de voceiro da sociedade pois somos moit@s @s que nos sentimos así. A poesía, outra volta, avisando. Cómpre moi ben seleccionar a quen se lle fai caso, e a poesía non mente.

                     En todo caso, o poeta non escibe no ar. Mais como se o fixera, para o caso sente como as súas mensaxes se esborrallan cunha mínima ventada ou simplemente na soidade do ceo inmenso.

                     Da necesidade de acubillo que to@s sentimos, esgállase tamén, por sinal (outra volta), o regreso á infancia, xa non como “paraíso perdido” (ese tópico) senón como retorno a unha idade máis sincera, onde os afectos son fundamentais (e seguirano sendo) e a inocencia e alegría (case sempre) presidían os días. E que conste que, por moi tópico que se queira considerar, non deixa de ser certo. Mais, xa adultos, desa sentimentalidade tamén nos debemos sentir exiliados, non é posíbel revivila máis que como lembranza e as lembranzas precisamente está aí para facernos conscientes do que xa non temos.

                     Mais os afectos mudan co tempo, son outros, son diferentes, e tamén deles se pode sentir excluída a voz poética, excluída, exiliada. “escribes para ser amado / é o principio do exilio” (25)

                     Si. Vivir é sinxelo cos ollos pechados. Unha imposibilidade para cert@s poetas a quen lles resulta imposíbel non reparar no acontecer social ao seu redor, ou no acontecer político, porque iso non só forma parte da súa sentimentalidade senón tamén da elaboración reflexiva. Exilio, outra volta exilio, esa soidade. E, neste contexto cómpre retornar ao título “resistencia da auga”. Alguén pode considerala unha resitencia pasiva, pois a auga amóldade, adopta a forma de calquera recipiente sen deixar de ser ela mesma, a mesma auga. Unha maneira de resistir. Mais a pinga de auga, a humilde pinga de auga, coa súa insistencia é quen de furar superficies ben duras, de furalas ou de transformalas, oxidalas, refacelas destríndoas. Por iso, se alguén considerar desmotivador ou pesimista o poemario, que volva oa seu mesmo título, ao iniício .

                     Que é un poemario de cicatrices, de feridas ? Si. En cada poema. E cada poema, como cada cicatriz, formalmente, mesmo conceptualmente, adopta diversas formas, o que lle confire ao poemario unha riqueza formal moi a ter en conta e moi en consonancia co título, con esa auga que tamén adopta a forma que se precisar.

                     Mais, para reamatar, negámonos a considerar que o exilio é a derrota. Non son sinónimos. En certos casos o exilio é permanente, así o manda a caducidade da vida, mais aínda desde o exilio a mensaxe pode ser inmortal. Pode. É, sinxelamente porque a poesía é inmortal, e máis a boa poesía, a poesía consciente, a poesía que non é “espectáculo”,  para usar unha expresión do porpio Xabier Cordal, ese poeta irrepetíbel.

ASDO.: Xosé M. Eyré 

(Ben, unha vez escrito este textom parécem moi acaído rematar con este poema de Helena Zelic, de quen trataremos máis demoradamente o vindeiro domingo:

 

OUÇO COM ATENÇÃO QUANDO POETAS FALAM

algo importante pode

estar prestes a sair

da boca de poetas

ouço com atenção

mesmo quando poetas chegam

quase lá mesmo quando fingem

entregar o ouro

bruto

ouço

algo importante está na ponta

da língua que poetas estendem

para a gente agarrar ou lamber

com atenção

quando algo importante está no centro

da terra e da gente que é vivo

i ching magma espírito matéria

poetas traduzem pela meta/

de propósito

algo importante será revelado

pela câmera analógica de poetas

quando a luz avançando o sinal vermelho

poetas são carteiros

do único envelope

extraviado aquele

quando todas as versões

são possíveis

quando

poetas lavarem a roupa

suja do mundo encontrarão

no bolso da calça um bilhete

ilegível e por isso vão lê-lo

em voz alta

poetas falam

por isso sempre que posso

ouço com atenção

poetas falam

ouço com atenção até quando

sua voz é a minha

tomada de empréstimo

seguindo o dedo

que segue a linha

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                   

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s