RECUPERAR LITERATURA: NÓS-DENTRO DE  Eduardo Estévez

Tïtulo: Nós-dentro

Autor: Eduardo Estévez

Editorial: Galaxia

Desde hoxe vou ir recupersando títulos cuxa lectura a atención á actualidade me fixo pospoñer, ou simplemente ficaron esquecidos debaixo do monte de novidades que chegaban á miña casa. Este, o do poemario de Eduardo Estévez, é un caso. Sempre me doe cando pasa isto, afánome en ler mais sempre hai títulos que me quedan fóra por estas razóns ou outras.

                     O poemario que hoxe escollín, curiosamente vén moi a conto despois de ler o poemario de Carlos Lema Álbum da cuarta dimensión. Vén moi a conto porque nos dous poemarios se tematiza a visión do exterior (aquí, a “casa” volve estar presente) desde unha introspección que demostra madureza poética e foxe do sentimentalismo vacuo. Poderíanse establecer máis conexións, porén non é o noso obxectivo escribir unha crónica comparativa.

                     O primeiro en que hai que fixarse é no título. Nese guión entre “nós” e “dentro”. Porque resulta moi revelador e útil. Ese guión, ese trazo, non supón confrontación ou oposición. Pola contra, supón unión, moitas veces este é un procedemento primario na composión de palabras novas. Aquí non se chega a tanto, mais é significativo porque nos indica cara unha introspección que  é obxectivo do poemario e da cal, adiantámolo, tamén forma parte o exterior, a realidade exterior que a voz poética “vive” ou “ve” ou “contempla”. E aínda hai outra cousa que non pode pasar por alto. “Nós”. Eduardo Estévez foxe do “eu” poético, tantas veces se ten acusado á poesía de proporcionar visións líricas individuais…Ademais de que resulta moito máis elegante usar o plural, deste xeito o autor consegue que a voz poética se inclúa nunha pluralidade que contradí visións individuais, ademais de ser unha estratexia que tamén inclúe a quen le, de xeito que se poida ver reflectido na discursividade reflexiva do poema. Discursividade reflexiva poética, porque o poemario achega un universo poético no que existe reflexión ademais dunha visión poética ou lírica que, como dixemos, está exenta de sentimentaslismo barato, non de sentimento. E hai que ter en conta que esa reflexión non só se produce na discursividade poética.Tamén desde ela, desde a visón poética, se proporcionan epifanías, os elementos necesario para que quen le reflexione. Algo fundamental. Non é poesía espectáculo. Aliás, disto falando, non cómpre esquecer que a voz poética se desdobra á veces, para desta maneira acadar unha visión perspectivesca dese a cal focalizar mellor o tema; ou xa non só o tema, senón a propia posición da voz poética á hora da introspección, introspección na que é fundamental o “mundo exterior” á propia voz poética. Porque non vivimos no ar, sempre estamos inseridos nun contexto material, natural ou humano. E ese contexto resulta fundamental  á hora de explicar-nos, explicar-nós.

                     O mundo exterior, o mundo de fóra é moitas veces o mundo do cotián doméstico, da casa, ao que tamén chegan ecos da propia rúa – o poemario comeza precisamente referíndose ao “camión do lixo”- que fan parte da nosa vida. E tamén é necesario constatar a presenza dun “ti” acompañante, non se establece necesariamente diálogo con ese “ti”; diálogo, non, aínda que @ “ti” sexa persoa á que se refiren os pensamentos da voz poética. Pois ben, desde o mundo “casa”, extensibel ao mundo do “íntimo” (realidade exterior que forma parte do íntimo, por exemplo: unha visita ao cinema), téntase explicar o mundo, un mundo que tampouco vai ser moi diferente ao que vive quen le, porque as experiencias vividas pola voz poética non son moi disímiles das de quen le. Ás veces, esa contemplación do contexto material leva á conclusión de que “as cousas pasan pouco” e mesmo á contemplación do pasado como “cousa allea” e inclusive a definición fo futuro “como lugar de paso”. Porque todo é “tan efémero” que esa mesma vertixe (palabra fundamental) afecta á fraxilidade da beleza. Precisamente a beleza ( en forma natural, plantas, por sinal; en forma material, a decoración da casa, por sinal; en forma artítica, a poesía, a pintura, as artes…por sinal) é un elemento do que non só non se prescinde senón que concorre no poemario en foma diversa, como xa vimos.

                     Evidentemente, ao xogar cunha realidade fuxidía (porque a realidade sempre é fuxidía) é posíbel que se produzan equívocos, mais tamén é posíbel que a visión poética atope “sutilezas” que sempre serán ben acollidas. A condición da “realidade fuxidía”, efémera, tamén remata ocasinando que a voz poética se sinta paralizada, cousa que fica claro cando as mesmas plantas toman decisións, cousa que non fai a voz poética. E desde esta parálise, que a voz poética se sinta como unha peza dun “puzzle” máis, non debe estrañar; e que esta quietude, a carón da vetixe propia do paso do tempo, leve á “tolemia” tampouco debe estrañar. En realidade, o mundo da estrañización, non é un obxectivo (dado o contexto en que se nos sitúa) mais si un logro poético porque consegue que quen lea vexa as cousas doutra maneira. E por iso resulta impagábel a literatura, e a poesía en particular, porque nos permiten ver a vida con  outros ollos.

                     Especialmente interesantes me pareceron as reflexións/conclusións metapoéticas. Nisto, non se pode esquecer que o poemario remata así:

pero somos simplemente nós

na serenidade de sabernos

a salvo en cada verso

                     Por fin un refuxio seguro que nos salve do “abismo” da vertixe do paso do tempo. Vertixe, por moito que a erosión temporal se manifeste paseniño nas cousas, ás veces producindo unha “tristeza preciosa” moi sintomática. E non quero rematar sen mencionar un dos nomes importantes na poética de Eduardo Estévez e ao cal se refire no poemario como “celso”. Trátase de Celso Fernández Sanmartín, cuxa visión do “mundo” ten influído moito na perspectiva de Eduardo Estévez.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Agora, como sempre para IAP, van dous dos poemas que máis me impactaron)

O pintor sabe

que na cor de cada obxecto

hai multitude de matices

en vez de trazar a fugura

son esas variacións

as que a integran no contorno

as palabras no poema

aparentan privadas desa vaguidade

porque a palabra nomea

define

os tons do poema

quizais estean no encontro casual

ou na sorpresa

……………………………………………

o testo coa hedra

está colgado agora

diante da ventá

e as pólas que penden

ás veces mudan de dirección

e procuran regresar ao alto

as pólas do ficus

medran en horizontal

cando eu esperaba que apuntasen

cara arriba

é o bonito das platas da sala

que toman decisións

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s