A HISTORIA ROUBADA. Comentario arredor da desmemoria do reino medieval galego

Título: O reino medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria

Autores: Xosé Miguel Andrade Cernadas / Anselmo López Carreira

Editorial: Xerais

Por moito que un se mova preferentemente na súa actividade entre novidades ficcionais ou poéticas, non pode ser alleo ao que ocorre noutros eidos da comunicación escrita. Por sinal, o que relativo a publicacións que teñen como centro a Historia. Desde sempre, a humanidade amosou grande interse en conservar memoria da súa Historia, así fose botando man da forma escrita ou simplemente fortalecendo a memoria oral do seu devir neste mundo (como din que preferían os pobos de orixe celta -admitamos esta denominación dentro da súa extensión- asentados na Galiza). E isto resulta moito máis imperioso cando se trata da Historia dun pobo como o galego, aferrollado, difamado e totalmente supeditado ao que Castela-España (admitamos esta denominación tamén) deixara coñecer da súa Historia, á versión que os colonizadores quixeran dar de nós.

                     Permítanme unha anécdota. Son consciente da “nosa Historia roubada” desde os sete anos. Daquela, despois de saír da escola e merendar, eu tiña por costume ir á biblioteca que por entón estaba nun baixo do Cantón, alí enredaba sobre todo coas poucas (pero para min preciosas) publicacións en formato cómic que alí tiñan. Non lembro os títulos, miraba máis as ilustracións que o texto, esa é a verdade, tampouco tiña interese especial melas, simplemente pasaba o tempo con elas. Case sempre estabamos a bibliotecaria e mais eu, sós. Un día entrou un adulto mentres eu estab alí. Pareceume que sería vergoñento que me viran con cómics, eu quería que viran coma alguén grande, así que agarrei un dos libros que había nos andeis detrás de min e púxeno por riba do cómic. Era un libro de Historia. Falaba dos Irmandiños, falaba tamén dos “Condes tolos” (así lles chamaban no libro a Pardo de Cela, Soutomaior etc, iso si o lembro ben..) e maís cousas das que ningún libro de texto da materia Historia de España atopei que falaran. Así fun consciente da nosa Historia roubada, silenciada. Por máis que o tentei nunca fun capaz de lembrar o título daquel libro de Historia; é mais, creo que nin mirei o título. Cando o adulto marchou ( e tardou en facelo) eu pechei o libro e marchei escopeteado ver o “Tarzán” no televisor dun bar que había a carón da casa da miña familia.

                     Desde entón sempre me preguntei poque os libros de Historia sempre falaban dos “Comuneros de Castilla” pero nin unha palabra das dúas revoltas Irmandiñas, que eu entendía que tiñan moito máis peso social, polo menos para min.

                     Co paso do tempo fun enchendo ocos da nosa Historia roubada, silenciada; tendo cada vez máis claro que ese silencio, ese esquezo, obedecía a que non era de interese castelán-español. A Historia do meu pobo, se quería sabela, ía ter procurala pola miña conta. E así fixen. Vicetto, Murguía…para min foron lecturas esclarecedoras, un tesouro. Así mesmo lin con devezo calquera outro libro ou artigo xornalístico que sobre o tema chegaba ás miñas mans.

                     Os casteláns-españois, ou a “Escola Histórica Española” sempre divulgaron que a Idade Media era un tempo escuro, de pouco interese, cheo de conflitos, de fame e de morte. Mais curiosamente, iso pouco tiña que ver con Galiza, onde o que pasaba era precisamente o contrario. A que viña senón ese tanto interese de crear novos monasterios ou igrexas en territorio galaico?, por sinal. Porque nunca se detiñan en falar da Galiza-Gallaecia, terra de paz onde prosperaba o comercio, agricultura e pesca, así como as artes…e só comentaban os “esforzos reconquistadores” de terra musulmana. Esforzos? Ao longo de tantos séculos? Moi malos guerreiros debían ser…

                     Ben, repito, perdóenme este longo comento da miña inquedanza peroal. O feito é que a lectura de Arredor da conformación do reino de Galicia (711-910) (Xosé Antonio Löpez Teixeira, Toxoutos, 2003) resultoume non só confirmadora das miñas averiguacións, senón tamén moi reveladora.  E seguín coa lectura de O reino medieval de Galicia de Anselmo  López carreira pouquiño despois. Posteriormente fun comprobando como os historiadores non castelán-españois, non da “Escola Histórica Española”, daban noticias moi diferentes ao que a “tradición historicista española” transmitían  a través do ensino fundamentalmente.

                     Por iso, a lectura deste O reino medival de Galicia. Crónica dunha desmemoria para min ten un interese especial. Ocúpase de toda a Idade Media, non só de dous séculos. Desde a isntauración do reino suevo na Galiza-Gallaecia até a “doma e castración” perpetrada polos Reis Católicos no remate da Idade Media. Sendo un título eminentmente divulgativo e non chegando ás 200 páxinas, resulta comprensíbel que non afonde en deterinados aspectos que a quen le lle poidan resultar de interese. Como a cultura-literatura-artes no tempo da Suevia-Galiza-Gallaecia, que segue sendo un ermo onde hai moito que mirar até o século XI, no meu caso. Porén, cousas como esa é normal que sucedan nun título divulgativo e que  dá conta de tanto tempo. O esencial é que demostra como a Historia da Galiza-Suevia-Gallaecia vai en contra dos intereses da “Escola Histórica Española”, obsesionada con retrotraer a Historia de España aos mesmos comezos da Reconquista, en cuxos comezos nunca se fala da infuencia evidente da nobreza galega,  moi poderosa entón. En realidade, compróbeno lendo este libro, houbo “iluminados” que falaron dunha proto-España nos tempos dos íberos, por sinal…

                     A lectura de libros como este debera ser obrigada xa non no ensino, primordialmente entre @s docentes que despois poden transmitir estes coñecmentos nas aulas. Obrigada, porque ben sabemos o cómodo que é repetir as monsergas escoitadas durante a carreira, evidentemente en plena concordancia cos “mandatos” da “Escola Española de Historia” (con Menéndez Pidal á fronte). Confirma como nos foron, confirma como nos están a roubar a parte máis interesante da nosa Historia, precisamente a parte (ou boa parte) en que non dependiamos de forzas foráneas e mesmo condicionabamos a folla de ruta da Reconquista. Desde sempre tiven a convicción de que a “campaña de difamación da Galiza e dos galegos” (ben pagada, por certo) en que entraron Lope de Vega ou Calderón, tiña moito de ignorancia, e cando non era así tiña moito de envexa, porque a arte lírica floreceu na Galiza moito antes que en Castela-España. Por sinal, as súas “serranillas” non se entenden sen as pastorelas galegas. Ignorancia, mais tamén envexa. Ao que hai que sumar que a nobreza galega se tiña pola máis antiga da Península, e isto incomodaba moito a Castela-España, non podía permitilo, así de simple, de aí o descabezamento da nobreza galega e a súa “fagocitación” pola Castelá-Española.

                     Bah, cousas da Idade Media…e hoxe estamos no século XXI! Que nos importará! Seguro que hai moita xente que pensa así. Ben, pois que lembren como os madrileños viñeron á Galiza nesta pandemia covid-19, moitas veces cun aceno de superioridade e desprezo que nas redes socias se puido constatar. Porque “doma e castración” non rematou. A campaña difamadora contra Galiza e os galegos segue moi viva e non cómpre ser moi escrupulosos para vela. Segue e seguirá mentrres os galegos non recuperemos a autoestima suficiente como pobo para enfrontarnos a ela. E para iso, para recuperar a autoestima ou reafirmarnos nela, libros como este son necesarios, imprescindíbeis. Aquí, os dous autores constatan como foi e evolución histórica medieval da Gallaecia, do reino de Galiza (que era máis xeograficamente que as catro provincias actuais), e deixan ben claro como se nos furtou/furta unha moi importante parte da nosa historia…porque non  convén, non lle gusta nada, aos nacionalistas españois da “España indivisible” sinxelamente porque contradí as súas teses sobre a orixe de España.

                     Seguramente moit@s lectores ou lectoras acharán aquí datos moi reveladores (e non queremos adinatar contido) como por exemplo que nunca existiu unha provincia romana co nome de Hispania, por sinal. E tamén se poderán sorprender cos datos que achegan historiadores “estranxeiros” (contemporáneos ou actuais), que non coinciden precisamente co que os “españois” veñen divulgando coa finalidade de furtarnos a nosa Historia e difamarnos.

                     Bah, cousas da Historia… iso só atinxe a catro eruditos fascinados polo pasado, hai que ter os pés na terra, estamos no século XXI! Pois tampouco. O mesmo Menéndez Pidal que impuxo a versión españolista da Historia, ao que seguiron/seguen unha tropa de manipuladores, tamén é o pai da “Escola Lingüística Española”, que manifesta as mesmas manipulacións intereseiras con tal de salvagardar a primacía do nacionalismo español, para o cal a cultura é imprescindíbel. Xa o dicía Nebrija: a lingua sempre foi compñeira do Imperio. Non é hora nin momento para entrar de cheo nesas manipulacións que atinxen tanto á lingua como a literatura, porque nas dúas tiveron que terxiversar, agachar, mentir ou simplemente sobrevalorar “o castelán” ou o feito en castelán esquecendo moi a propósito o feito na Galiza, Euskadi ou Catalunya.

                     Bah, con iso de falar dun libro xa está este meténdonos o discurso político… Pois si. Non queda outra. A decisión de secuestrar, roubar a Historia do Reino Medieval Galego (Gallaecia-Suevia)  é unha decisión política, igual que a intención de pretender unha España (ou un proxecto de España) canto máis antigo mellor e custe o que custar…tamén é un proxecto político. As difamacións que recibimos @s galeg@s por parte dos castelán-españois-madrileños…tontos seremos se cremos que se deben á nosa idiosincrasia e non a intereseiras tentativas colonizadoras. Igual que as decisións políticas emandas do poder político madrileño-español. Igual que as dificultades que atopan a nosa lingua no seu desenvolvemento, ou música, ou a literatura…calquera arte ou manifestación de nós como entidade colectiva diferenciada, é dicir: como pobo, como nación.

                     Ben é certo que os autores deste libro divulgativo relizan o seu traballo de maneira moi científica, indiscutibelmente científica, sen dar carta de cedibilidade a tópicos, desideratums atraentes mais carentes de xustificación científica, ou premeditados proxectos (políticos) existentes en atmosferas intelectuais-políticas. Tanto é así, que o rigor do seu traballo é todo un espello no que debería mirarse a historiografía española-españolista que aínda estas alturas do século XXI segue vixente…e moi presente no discurso político actual. A demostración que fan da existencia do reino medieval galego resulta irrebatíbel. E a crónica da “desmemoria” dese reino, é moi aleccionadora, abre moito os ollos e entendedeiras a quen le. Analizan as causas dese “esquecemento” e son relativamente ben optimista de cara ao futuro, bastante máis ca min. Como xa dixemos, un libro de leitura obrigatoria que, en palabras de Isidro Dunbert, abre unha colección en Xerais sobre “a problemática galega” (a denominación é miña); algo moi necesario e que seguro terá moi boa acollida

                     E si, a lectura do libro, ten consecuencias no pensamento político e agardemos que na práctica tamén.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s