crítica de SÓ UN HOME BO, de Raúl Dans, en Positivas.

 A NATUREZA HUMANA E A BONDADE

Título: Só un home bo

Autor: Raúl Dans

Editorial: Poistivas

Ter nas mans un  novo título teatral de Raúl Dans, é ter nas mans unha obra lirterara que vai prender na atención lectora desdea primeira liña até que cae o pano e remata a peza. Síntoo moito pol@s que non len teatro, porque a lectura de teatro é das máis agradecidas que hai, é, sen dúbida, a máis agradecida por iso de que tamén é a que ten maior capacidade para sorprender. Aliás, o nome de Raúl Dans non é calquera dentro da literatura galega, senón o dun dos dramaturgos máis importantes na historia da nosa dramaturxia. Non é pouco dicir, e , ademais, sería moi inxusto non recoñecelo. E para quen pense que a lectura de teatro é un sucedáneo da obra teatral, que para ser representada foi concibida, tamén hai que dicirlle que é verdade, para ser representada é escrita mais a lectura permite ter nas nosas mans un texto que podemos manipular e, en virtude disto, fixarnos en cousas que igual na representación (na que o seu decorrer non permite demoras, que tamén é unha das súas virtudes) non nos era tan doado recoñecer. Téñoo dito moitas veces e non vou deixar de dicilo. Engadindo, para máis, que, que o lector de teatro neófito ou quen só vai ao teatro de cando envez, son precisamente aqueles que mellor experimentarán as vantaxes de ler teatro.

                     Vénseme á cabeza neste instante expoñer unha comparativa entre a novela e o teatro á hora de crear ambientes dramáticos (por sinal, que pode ser calquera outro xénero). Mais non é o momento, que temos que escribir sobre a última de Raúl Dans, Só un home bo, II Premio Laudamuco, e que vén acompañar a redición de Unha corrente salvaxe (outro título seu imprescindíbel) por parte de Laiovento. Neste caso preséntanos unha trama con catro personaxes en escea: Manuel, e a súa filla Iris (tamén hai outra filla á que se alude), Vidal (48 anos, máis novo que Manuel) e Richi (un mozo de 30 anos). E estas catro personaxes sonlle suficientes para crear un clima dramático onde as personaxes deixan ver parte de quen son, da súa personalidade, que vai incrementando as doses de dramatismo deica ficar nun remate moi próximo á traxedia ou plenamente tráxico (e isto lémbrame moito a Unha corrente salvaxe), segundo a lectura que se sexa capaz de proxectar. En 65 páxinas, Raúl Dans proponnos un paseo reflexivo por temas (ou subtemas) de moita actualidade, tales como a natureza do mal (que será central na trama, só hai que mirar o título), a necesidade dunhas normas mínimas de convivencia, os valores failiares, o aborto, as seitas ou o tráfico de mulleres e unha revisión da mitoloxía clásica grega (no centro, Edipo rei, mais xa desde os os inicios se nos convida a pensar nos deuses, que é unha pista para chegar a onde se chega)…entre outros, porque hai máis e son centrais nesta obra de teatro, porén simplemente mentalos pode desvelar máis do devido sobre a trama, contentarémonos con dicir, por sinal, que a corrupción tamén está presente, e non só en ambientes que teñan que ver coa xustiza senón tamén nos valores familiares.

                     De todas esas propostas tematico-reflexivas, a corrupción e a revisión de Edipo rei resultan fundamentais na trama teatral que se nos convida a ler. En realidade, Edipo rei, ten unha importancia fundamental na trama, mais tamén se reflexiona sobre Platón e Aristóteles en palabras de Manuel, que é profesor de latín e grego.

                     En si, a trama vaise conducindo con mestría, con moita mestría, sobre os temas antes mentados, até se converter no que semella unha trama de corrupción, porén a dimensión exacta desa corrupción só se desvelará no remate, que nos devolve ao título e á natureza do mal no ser humano na procura dese home bo, a natureza do mal e tamén a que extremo pode chegar a maldade humana á hora de “aproveitarse” dos máis desvalidos entre @s human@s, e xa digo que non quero dar máis pistas para non develar máis do devido o remate da obra. Deste xeito Raúl Dans explora unha vez máis os recunchos máis negros do ser humano, eses que se agochan tras unha faciana de persoa normal, convencional, mesmo de persoa con (en principio) bos sentimentos. Con mestría, coa mestría de sempre, crea un ambiente dramático ao ir amosando parte da personalidade das personaxes, de maneira que se manteña o suspenso creado de inicio e se vaia ampliando a medida que lemos, deica rematar nunha traxedia desas que se agochan todos días na sociedade que vivimos, e que cando saen á luz nos sorprendemos de a que extremso pode chegar a maldade humana. Nisto, en tensionar o drama deica que remata en traxedia, Raúl Dans é un auténtico mestre e aquí vólveo demostrar.

                     E síntoo moito por quen non lea teatro, están perdendo un dos xéneros literarios máis amenos e que mellores reultados dá. Que tomen nota, e aquí teñen unha estupenda peza teatral desde a que comezar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s