crítica de O PARAÍSO DOS INOCENTES. de Antón Riveiro Coello, en Galaxia.

 NA PROCURA DO CORAZÓN EN CIRCUNSTANCIAS EXTREMAS

Título: O paraíso dos inocentes

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

Existe o paraíso para os inocentes? Cal é? Onde está?

Pois si, a resposta é afirmativa. Mais non lles vou dicir eu cal é nin onde está. Para iso terán que ler esta nova novela, Pemio Torrente Ballester 2019, de Antón Riveiro Coello, un dos autores máis fiábeis na relación calidade estética-calidade da trama da nosa literatura, e tamén, por iso, un dos que conta cun público lector máis grande e fiel. Así que, coma sempre, non se sentirán defraudad@s, todo o contrario.E disfrutarán lendo a novela, por moito que o tema é dunha dureza que encolle os corazóns e nos retorce as entendedeiras até límites que dependerán da sensibilidade e capacidade de reacción humana/humanitaria de quen lea, mais que en todo caso nunca será pequena.

                     Porque a trama da novela é dura, coma unha pedrada nos miolos e na freba sensíbel. Sitúanos en tres escenarios: dous barrios de Alepo (cidade Siria que moito ten saído nos noticieiros) pertencentes a dúas faccións enfrontadas, unha onde viven rebeldes ao réxime instaurado, e outra onde viven o partidarios do réxime, despois aínda hai unha terceira localización que ten Bruxelas como centro (e o tristemente coñecido barrio de Moleebek en particular) onde trerá lugar o atetantado de Zaventern, mais que se vai espallando até chegar á propia Galiza. Por circunstancias que non lles vou desvelar, Amira e Isam, que viven neses dous barrios, veranse na obriga de fuxir de Siria cara a Europa. Unha Europa onde Alicia acha indicios que fan temer pola vida do seu mozo. Ben, sirvan estas indicacións como presentación dunha trama que nos fará viaxar dende a crúa realidade dunha guerra que se amosa nos cascallos a que está reducida Alepo, e no corazón esnaquizado dos que sobreviven a esta barbarie e que, dunha maneira ou doutra (cadaquén á súa maneira) procuran razóns para crer na vida, para crer que na vida aínda poden atopar un chisco de acougo, unha mínima felicidade para quen viu como lle morrían veciños, amigos, pais, nais, fillos, irmáns…

                     Cómpre aquí deterse un chisco. Despois do dito a ninguén sorprenderá se dicimos que Antón Riveiro Coello nesta novela realiza unha procura do sentimento de humanidade ou humanitario en circunstancias extemas, como a guerra. Ben, poden variar eses escenarios, porque son diferentes en cada novela; e poden variar as personaxes, que tamén son diferentes e con diferente configuración, e tamén poden variar as tramas dun discurso a outro e, de feito, fano, evidentemente. Porén o que resulta claro é que en cada novela de Antón Riveiro Coello existe, como denomindor común, unha procura do humanismo a través desas diferentes personaxes, tramas, escenarios ou discursos. E, nesta nova novela, esa procura resulta absolutamente diáfana, tanto nas personaxes da zona rebelde coma nas da zona partidaria do réxime e mesmo nunha Europa que ve con máis indiferencia que repuganacia as imaxes da destruída Alepo no televisor. Unha Europa que só se estremecerá cos atentados, primeiro en Francia e despois en Bruxelas (Zaventern), e nin así, na nosa opinión, pasa dunha emocionada repulsa que para nada interfire no día a día da xente.

                     Con este panorama temático, se lles digo que van disfrutar, e moito da lectura, poderán pensar que é contraditorio. Como se vai disfrutar da barbarie? Pois si, nomeadamente na primeira metade da novela, e para @s que nos fixamos nos pormenores técnicos da escrita direilles que Antón Riveiro Coello dá un máster no que é unha das cousas máis difíciles da narrativa; o uso do adxectivo. Grandes nomes da literatura universal teñen advertido contra o uso do adxectivo, para non os cansar cunha longa listaxe direilles simplemente que Borges é un deles. Pois ben, o uso que Antón Riveiro Coello fai do adxectivo abraia pola súa pertinencia e por unha meticulosa escolla (raiana ás veces no uso poético) de cada caso en particular. Revela isto, quizá, unha maneira, unha estratexia do porpio autor á hora de se enfrontar á narración dun escenario, físico e humano, onde a destrución esburacou a vida e os corazóns das persoas tanto como os mísiles, bombas ou disparos escascallaron a cidade. Poñerse a escribir sobre esta realidade non é precisamente pracenteiro. Porque quen escribe non é nunca alleo ao que escribe. Escribir unha novela supón unha convivencia íntima coas personaxes e trama que se está escribindo. Por iso, en quen primeiro percute o mundo que se describe, o que ás personaxes lles acontece, é xustamente en quen escribe, no escritor, neste caso. Porén, esta loita contra o desgarro interior que provoca o que se está escribindo, obsequia a quen le cun discurso tecnicamente moi logrado onde o uso do adxectivo nos prepara para tensionar o noso mundo afectivo, tensionar o  noso mundo afectivo porque, se a situación de partida é dura, moi dura, tan dura como só pode ser unha guerra, esta aínda se fará máis esgazadora segundo vaiamos vivindo coas personaxes os  avatares que lles depara a fuxida de Siria cara a Europa. Aí é mesmo onde o humanismo, o sentimento humanitari das paersonaxes se pon máis a proba, sendo quizá o único recurso para agarrarse á vida.

(Un alto. Lembro a cantidade de tempo, anos, que me levou a lectura de A morte de Virxilio de Herman Broch. Está terribelmente ben escrito, mais a súa lectura púñame tan triste que non me quedaba outra que adiar a lectura. Riveiro Coello ocupouse de que iso aquí non aconteza, e forma, a estética narrativa, con ese uso do artigo tan esmerado, teñen a culpa. Iso provoca que se goce cunha lectura con trama tan dura como é esta)

                     Volvemos.O fondo realismo desta novela non só denuncia a barbarie da guerra. Unha barbarie sobre a que non se proxecta un narrador neutral. Non, non se pode ser nunca neutral ante a barbarie, sempre hai quen é o primeiro culpábel, o principal culpábel. E claro que se toma partido. Mais non é esa a finalidade da denuncia, senón, como xa dixemos, procurar as frebas máis humanas que sobreviven en xentes que teñen a súa vida rota pola guerra. Cómpre engadir tamén que neste fondo realismo denunciador non quedan atrás as mafias que se lucran da necesidade de fuxir duns seres atrapados na barabarie da guerra. Si, mesmo nesas circunstancias onde a solidariedade cos infortunados debería primar sobre claquera outra cousas, inclusive nesas atroces circunstancias hai quen aproveita para encher o peto. Enriquecerse coa desgraza allea! Si, a tal extremo de deshumanidade se pode chegar, e de feito, se chega…

                     Paralelamente a estas denuncias dos horreres da guerra e das mafias que se lucran coa desgraza allea, vaise desenvolvendo outra subtrama que ten máis que ver coa novela de misterio (chamémoslle así) e que nos achegará esa solidariedade tan necesaria que proporciona un remate que sorprende a quen le, sorprende, obriga a pensar e desvela onde está e cal é o paraíso dos inocentes. E, para completar, esa procura do humanismo, sinalaremos que esta non se esgota coas personaxes que foxen da guerra, senón que se complementa nas personaxes “europeas.”

                     Quen unha boa novela para ler de inmediato ou obsequiar nas vindeiras festas? O paraíso dos inocentes

ASDO: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s