crítica de GRANITO, de Álex Alonso, en Xerais

UNHA MALA HORADA

Título: Granito

Autor: Álex Alonso

Editorial: Xerais

Para comezar, situémonos. Granito, de Álex Alonso, gañou ex aequo con O paraíso dos inocentes (Antón Riveiro Coello, Galaxia, del escribimos a semana pasada) o último Premio Torrente Ballester. Resulta curioso como nas dúas edicións, de editoras distintas, se fai referencia a ese carácter ex aequo mais nunca se nomea nin o outro autor nin o outro título.

                     O primeiro que individualiza esta novela, non é ningún valor literario en concreto (despois volveremos sobre iso) senón os usos lingüísticos que nos diálogos se fan. Nos diálogos, non na narración, que na narración, tanto ten que sexa en terceira persoa (omnisciente cando quere) como en primeira persoa, a linguaxe utilizada correspóndese coa normativa oficial ou padrón do galego. Do resto, nos diálogos, úsase desde un galego popular (con gheada e seseo cando é pertinente, ademais de interferencias castelás tanto no vocabulario como na fraseooxía), tamén hai algo de castrapo e moito castelán, o castelán que se fala en Vigo, tamén con algunhas interferencias do galego, de aí o do castrapo. Está ben querer refectir a realidade lingüística (de hai case trinta anos, a trama transcorre a comezos dos anos 90), mais iso, en si, non desloca o texto de ser unha testemuña lingüística; só adquire valor literario cando eses usos lingüísticos serven para caracterizar as personaxes, por sinal e nin aínda así a literatura galega se escribe en castelán (ou estaremos en regresión?). Relativo a isto, hai que dicir que non sempre se consegue (alén de patentar a diglosia social), ás veces en Louredo e Vila (dúas personaxes centrais dunha novela moi coral) si  apreciamos que os seus diálogos os axudan a  caracterizar minimamente (sobre todo, xa adiantada a novela, e no inicio moito menos), mais, sobre todo, hai outras personaxes (Paloma, María, o mesmo empresario Daniel Vence…) nas que iso non sucede nunca e teñen que ser caracterizadas polo narrador principal. Repetimos, isto ten máis valor como documento lingüístico testemuñando a realidade lingüística dos comezos dos 90, que como texto literario…onde nin a presencia do castelán para marcamento da diglosia é precisamente novidade ningunha, como tampouco o son nin a gheada nin o seseo, por máis que tampouco sexan precisamente habituais nas nosas letras. Tamén hai que dicir que, neste ambiente, unha personaxe, Pablo, un adolescente, toma a decisión de abandonar o castelán e comezar a  utilizar o galego en calquera situación O mesmo que esta novela tamén testemuña as dificultades que a lingua galega atopaba/atopa (porque non mudou nada a cousa) á hora de furar e facerse notar na prensa escrita tradicionalmente castelanófila (Faro de Vigo) ou como a Xunta de Galicia marxinaba publicaións en galego unicamente (A Nosa Terra) en favor doutras que só o utilizaban/utilizan esporádicamente.

                     Ben, fóra diso, con moito máis valor lingüístico ca literario, é cando temos que comezar a falar da novela como produto plenamente literario. Na presentación editorial, e no propio texto, menciónase A sangue frío, de Truman Capote como un referente inxecusábel da novela de non ficción, xa que esta nace dunha moi fonda investigación a cerca duns asasinatos acaecidos en Kansas. Tamén se di que, fronte á non ficción, Álex Alonso aposta pola ficción, mais, iso si, tamén unha ficción fondamente documentada que, neste caso, se refire a outro crime múltiple ocorrido en Nigrán (e outro en Gandía) a comezos dos 90. Neste particular ten especial interese a confrontación de ideas sobre o que o xornalismo debe ser, se unha crónica que simplemente transmita os acontecementos tal e como pasaron… ou utras crónicas máis literarias e menos apegadas ao dato concreto que transmiten mellor o ambiente humano e a mentalidade criminal ao facer uso de recursos máis literarios que xornalísticos. Como tamén ten interese todo o relativo ao realismo sucio que daquela aínda estaba bastante de actualidade.

                     Con estes presupostos (o crime múltiple) e tendo como personaxes centrais (desta novela coral) a un ex-policía expulsado do corpo e que trapichea e malvive como pode case sempre abeirado a ambientes marxiais, e a un policía que se extralimita constantemente e que tampouco ten escrúpulos á hora de valerse do seu cargo (subinspector) para extorsionar ou traficar con droga…as bases estaban sentadas solidamente para asistirmos  a unha novela negra onde estiveran presentes a corrupción policial, os baixos fondos da delincuencia e mesmo o que atinxe ao xornalismo e ás altas esferas do poder económico. Sería unha novela negra ben completa. E hai veces en que esta se beirea, en que  a novela se sitúa moi cerca dela; porén non vai por aí o interese autorial, que ten máis que ver, que ten todo que ver coa novela realista. E, nisto, neste interese realista (que xa se podía albiscar desde os usos linguïticos) hai algunhas cousas que non rematan por convencernos. Como é o caso de que un alumno de 1º BUP teña como lectura o Tic-Tac de Suso de Toro; non sei se habería docentes que programaran esta lectura, mais en todo caso é  unha irresponsabilidade porque a esa idade dificilmente se pode comprender ben a obra de Suso de Toro, moito máis se temos en conta que moitísimos alumnos chegan a esa altura con case ningún libro lido enteiro en galego. Logo menciónanse outras lecturas máis pertinentes, porén hai aínda outra cousa que tampoco fica nada clara: cando reparten os cartos Louredo e Vila, a Louredo correpóndelle 11 millóns de pesetas e 9 a Vila…mais eses 9 onvértense en 8 un pouco despois sen que atoparamos explicación convincente. Ou unha fita de casette que se converte en CD… E tamén, cando se fala do Comandante Marcos…en realidade, que nós saibamos, sempre se intitulou “Subcomandante”…

                     Alén diso tamén hai usos lingüísticos do narrador principal que non son alá moi acaídos. Tal é o caso de ancas de ra, cando as ancas son sobre todo as equinas e as da da ra son zancas. Ou o uso de resío en lugar de orballo, que tampouco é moi acaído toda vez que “resío” ten outros significados diferentes. Digo isto a sabendas de que, como mínimo, o dicionario en liña da RAG permite ese uso de resío (e está vivo na fala), non así o de anca. Acontece outro tanto con quefacer, onde outros sinónimos (angueira, labor, ocupación, tarefa..) son menos sospeitosos de tradución do castelán e si bastante máis “enxebres”…

                     En canto ao valor literario da novela, hai que dicir que o narrador principal vai desempeñando seu labor narrativo con máis eficacia e meirande pericia na segunda parte parte de novela, unha novela de longo alento. Nesa segunda parte é de salientar xustamente iso, un comportamento narratatorial moito máis convencido, con mellor uso da fraseoloxía e moitísimo máis eficaz. E dicimos que é de salientar porque o interese que a trama crea en quen le, non é precisamente un punto forte da novela. Non hai dosificación da información coma nunha novela policial ou negra. Non pode habelo, porque a resolución da novela prodúcese cando aos dous protagonistas centrais (chamémoslles así) sucumben ao que popularmente se coñece como “unha mala horada” e perpretan o crime que porá fin á trama, ou case, porque a novela non remata aí

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s