a propósito de NINGUÉN MORREU DE LER POESÍA, de Aldaolado, en Xerais

ALDAOLADO/LADO ALDAO

Título: Ninguén morreu de ler poesía

Autoras: Aldaolado (María Lado & Lucía Aldao)

Editorial: Xerais

Se Aladolado ( María Lado e Lucía Aldao) non existiran…habería que inventalas!

A maioría da xente, sobre todo quen non le poesía, adoita considerar @s poetas como seres ensimesmados, que escriben cousas moi trascendentes para as autorías mais que esa xente non remata por acharlle a substancia que fai eses textos tan trascendentes. Ao meu ver, esa é a opinión maioritaria entre a xente; e se a iso engadimos que se trate de poesía actual, de hoxe e non a clásica, o nivel de despego ou de escepticismo aínda se incrementa. Porén, nada máis lonxe da realidade. Escribir poesía é, primeiro de nada, un reto que a quen o afronta con éxito lle produce unha íntima satisfacción dificilmente comparábel a outral, porque axuda a coñecerse a si mesm@s (as súas limitacións e versatilidades) e dese xeito tamén a quen atopamos no camiño da nosa vida. Ah, mais hoxe é moi doado, non hai que rimar nin contar sílabas! Certo, a poesía liberouse de moitas ataduras, porén iso non a fai máis doada; ao revés: o sentido do ritmo, a dimensión espacial, a forma de salientar os conceptos etc. agora teñen unha aplicación nada doada e (digamos) nova, escribir mala poesía é moi doado, escribir boa poesía é ben complicado e canto máis complicado é o reto maior será a satisfacción se se logra.

                     Até agora falamos de escribir poesía, e poderiamos escribir moito máis, moitísimo, sobre as bondades de ler e escribir poesía. Porén hai unha tarefa moito máis complicada ca escribir poesía: divulgala, achegala á xente, facer que a xente disfrute en espectáculos poéticos. Os artigos dominicais que escribo sobre poesía de muller no Brasil permitíronme coñecer a estratexia dos lambe-lambe: textos poéticos escritos sobre superficies rídas que despois de colocan en lugares estratéxicos por onde pase moita xente, fotográfanse e sóbense ao Instagram e eses textos é posíbel recolocalos noutros lugares polo estilo. Unha estratexia para achegar a poesía á xente. E tamén están o@s Poetas ambulantes, poetas que soben en trassporte público e alí recitan os seus poemas. Isto, achegar a poesía á xente sempre foi o máis complicado de todo. Lonxe quedan xa as tentaivas do Batallón Liteario da Costa da Morte (moi importante porque aí comezou María Lado), por exemplo, ou a anterior demistificación dos Ronseltz. Hoxe fanse festivais, sobre todo, mais non é unha estratexia excesivamente “democrática” porque o público é moi maioritariamente lector (e/ou autor) de poesía.

                     Por iso, se non existiran as Aldaolado habería que inventalas, porque elas fan da poesía un espectáculo asequíbel a calquera público. A música, o desenfado dos textos, o humor ou a mesma expresión corporal ademais dun recitado terribelmente solvente e efectivo…fan dos seus espectáculos poéticos unha experiencia que o público agradece moitísimo porque lle permite estar en contacto coa poesía, emocionarse e botar unhas risas. Pois ben, agora temos a Aldeolado en papel neste Ninguén moreu de ler poesía. Aí entre as dúas cóntannos como foi que xurdiu Aldeolado, obséquinanos con poemas (ás veces inéditos) nun diálogo poético moi estimábel; téñase en conta que as dúas son poetas éditas con anterioridade a este título; sen ben María Lado publicou antes, Lucía Aldao leva desde o 1998 vencellada ao mundo da poesía. Versionean, moi libremente unha canción folk estadounidense (“ Where did you sleep last night?”) ao que segue un texto de María Lado para despois aparecer o primeiro poema conxunto das dúas , “80-90”, ao que seguirá “Se foses un amor” e a canción e poema “O faro”. Mais non remata aí o libro, aínda hai máis, e imprescindíbel. Segue “Atractivas e talentosas” e “Cousas que fago cando ninguén me ve + cousas que fago por amor” para rematar, agora si, cunha proposta dadaísta para que quen le participe tamén da creación poética. A única mágoa é que o libro non o acompañe un DVD con algún dos espectáculos seus. Iso xa sería poñerlle o ramo;  porén, no Youtube pódense ver moitos dos seus espectácilos, por riba con algúns dos textos que figuran nesta antoloxía-presentación en papel. . Polo demais, a esta poesía desenfadada, humorística (mais sempre con contido reflexivo), só se lle pode apoñer que ás veces o desenfado lévaas a recorrer ao castelán como medida de achegamento ao público, innecesariamente na miña opinión.

                     Non, ninguén morreu (nunca) de ler poesía.

                     E a vida, coas Aldaolado é máis divertida e poética

                     Que viva a poesía e que vivan (cerca) Aldaolado!

                     Non saberemos a sorte que temos co Lucía Aldao e María Lado, coas Aldaolado, até que as botemos en falta. Así que, quen non coñeza sos seus espectáculos, que espabilen e len este libro, que desmitifica poesía como “cousa seria” para presentárnola como “cousa divertida.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s