crítica de CORAZÓN DE MANTEIGA, de Xavier Queipo, en Galaxia.

 A INACEPTÁBEL  DIFERENZA

Título: Corazón de manteiga

Autor: Xavier Queipo

Editorial: Galaxia

Corazón de manteiga é un título ben bonito, ben lírico e que define estupendamente o protagonista central da novela, Mauro.

                     Xavier Queipo é quizá o autor menos convencional da nosa narrativa actual. Encetar un  novo título de Queipo é aceptar unha aventura lectora que nos vai levar por tramas-temas pouco frecuentados e tamén desde formas moi persoais dentro das posibilidades que ofrece a narrativa…sen pretender un rupturismo forzado senón unicamente ser el mesmo cando escribe consegue textos que sempre teñen un aquel de novidade fronte aos demais xa publicados. Isto acontece porque Xavier Queipo escribe o que el quere escribir e como el o quere escribir, e isto non sempre se dá…as autorías de best-sellers (admitamos a expresión) adoitan escribir pensando no que o lector quere ler e como sorprendelo. Nesta orde de cousas, Xavier Queipo é unha regalía, porque se comporta como verdadeiramente agardamos que se comporte quen escribe, que sexa ela/el mesm@ e que conte o que ten dentro.

                     Nesta ocasión, Xavier Queipo opta por novelar a vida dun ser diferente, Mauro. E é un reto narrativo certamente salientábel, primeiro polo que ten de intimista (a novela trasládanos a o rico mundo interior de Mauro, mesmo incorporando textos escritos polo propio Mauro) e que levará a novela a se converter nunha especie de corrente de conciencia ou fluír de conciencia na cal a interacción con outras personaxes ocupa un segundo plano, constituíndo a novela un exercicio de introspección nos adentros dunha personaxe singular (logo veremos  a razón desa singularidade), nos adentros dun abismo tamén nada convencional (e aquí hai certo parecido co proceder poético, mais esta vez narado). E en segundo luagr porque Queipo narra a vida dun ser diferente aos demais (ten “ausencias”, levita, axiña se sente defraudado pola interacción con outras personaxes, ama a natureza por riba de todo e chega se volver algo semellante a un anacoreta…) sen ter que recorrer a personaxes LGTBI+, por sinal, por sinal xa que seres “diferentes” hai e houbo a moreas, desde o mesmo Cristo a Galileo, sen ir máis lonxe e sen querer entrar nas “personaxes diferentes” que a literatura proporciona, o que nos levaría a unha enumeración longuísima, longuísima aínda que só nos fixaramos nos casos máis particulares ou especiais. Comecen vostedes, se queren, polo mesmo Quixote, e acharán innúmeros casos, algúns dos cales, cando se le a novela, xorden na mente lectora, mais tampouco imos perder tempo en sinalalos. Abonde dicir que, e por sinal outra vez, a narrativa de Cunqueiro está chea de personaxes singulares, diferentes, desde o Merlín ou Simbad á triloxía final. A modo de sinal, só exemplo de seres singulares. Só por sinal, porque o  que Queipo tematiza desde o seu Mauro, é a aceptación social das persoas “diferentes” que viven e se comportan conforme os seus propios valores, sen facer mal a ninguén mais refugando integrarse no que se denomina “sociedade convencional”. E esa é unha grande particularidade da novela de Xavier Queipo, non fica na “espectacularidade” deses seres diferentes e únicos, iso non é máis que unha circunstancia, o que se examina é a aceptación social desa diferenza. Que ten que ver coa estreiteza de miras dunha sociedade baseada na razón e que non é quen de asimilar o que non se axusta aos seus criterios “lóxicos e convencionais”.

                     Se se pensa ben, e a novela convida a unha reflexión fonda sobre os seres “diferentes”, a aceptación ou refugamento do ser humano diferente comeza xa polo racismo ou pola intolerancia relixiosa, de xeito que a proposta narrativo-reflexiva de Xavier Queipo estará sempre de actualidade, por iso e porque constitúe unha crítica da razón que dirixiu e atenazou a Modernidade até hoxe.

                     Para alén da crítica á intolerancia social coas persoas “especiais” ou “diferentes”, a novela tamén presenta unha esculaca no interior desa personaxe tan singular que é Mauro, desde que este é adolescente, comeza a decatarse das súas “peculiaridades”, vaise contando a súa vida e segundo se vai afondando na personalidade de Mauro, este vai tomando distancia co resto da sociedade até pasar a vivir nun refuxio habilitado no parque de Bonaval, de onde é “desafiuzado” para internalo no Psiquiátrico de Conxo e sometido auténticas torturas con tal de facer que recupere o siso, porque consideraban as autoridades médicas que a súa era unha vida “anormal”.

                     A novela está contada cunha salientábel atención aos pormenores, sendo rica en descricións tanto naturais ou exteriores como interiores ou relativas á personalidade evolutiva de Mauro, esa personaxe central configurada co pulso narrativo de quen ten unha vizosa obra e experiencia nas angueiras de contar historias. Non é, nin pretende selo, unha lectura cómoda, mais tampouco aposta polo extremo contrario ou tráxico. Mauro é unha personaxe literaria, diso non hai dúbida. Como tampouco hai dúbida de que represente esas persoas “diferentes” (e as causas da diferenza son moi variadas) nun momento histórico no cal a intolerancia social é promulgada desde púlpitos políticos coa, máis ou menos indisimulada, colaboración (necesaria) de medios de comunicación que, se ben queren lavar a cara asindo o protocolo do “politicamente correcto”, despois non disimulan nada á hora de estigamatizar o que non moe no seu muíño. Nós, @s galeg@s, sabemos moito diso, porque historicamente se nos difamou e nin no século XXI somos tratad@s cun mínimo de decencia.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s