crítica de CAMIÑO NEGRO, de Ramón Area, en Positivas

NAS BEIRAS DO NEGRO

Título: Camiño negro

Autor: Ramón Area

Editorial: Positivas

Non é frecuente que unha novela beiree tantos xéneros sen instalarse definitvamente nun deles. Por iso esta Camiño negro de Ramón Area resulta unha novela singular, todo un desafío narrativo. Polo mesmo prezo e no mesmo discurso poderán vostedes atopar novela relixiosa (Santiago o Maior, Prisciliano e a Catedral de Santiago forman unha parte moi considerábel deste título), unha novela social (a Reconversión Naval tamén é integrante imprescindíbel), unha novela policial (hai un delito que aclarar, e gardas civís postos a facelo), unha novela negra (o mundo do marxinal e da delincuencia non coñece status social e vai tanto desde as esferas do luxo e dos negocios, até delincuentes de baixa catadura e mesmo se interna dentro do “corpo” da Garda Civil) e mesmo ten tamén algo de novela de formación (pois percorre un amplo abano de tempo e dá conta de como un grupo de catro amigos mozos pasa de seren axitadores sindicais a dedicarse a outros oficios -tamén máis ou menos en contacto coa trama de novela negra.

                     E, por suposto, trátasde dunha novela moi coral, con moitas personaxes e, aínda que as hai centrais como Lucía (a moza Garda Civil), Santiago o Maior ( e sos seus problemas de memoria, despois de tanto tempo alí sepultado) e Cazale (confidente da Garda Civil, ex-profesor de debuxo e falsificador de documentos), o certo é que son moitas máis as que poboan a paisaxe humana desta novela. E, se ben, as personaxes están ben configuradas e poderían ser un motivo atraente para unha posíbel lectura, tamén hai que ter en conta o lado negativo: hai tantas personaxes e beirénase tantos xéneros que non sempre se logra envolver a quen le nas diferentes atmosferas propias de cada xénero; aínda así, as conversas de Lucía con Santiago o Maior, merecen ser especialmente salientadas tanto pola profusa decumentación a cerca do priscilaismo, como polo contraste de carácteres entres ambas personaxes, e pola atomsfera (precisamente) reflexiva sobre a relixón; e outro tanto cabe dicir de Fernández, un garda ciivl en horas moi baixas, que é unha das personaxes máis logradas e perfectamente recoñecíbel nos seus diálogos.

                     Tamén se podería argumentar que, de decidirse por un xénero en concreto puidera ser que os outros ficaran máis destendidos do desexábel. E que, na realidade que vivimos todos os días, todas estas arestas forman parte do mesmo prisma vital, máis ou menos anódino e convencional, que vivimos.

                     Porén, que xa levamos un anaco escribindo, vai sendo hora de que deamos noticia da situación de saída da trama, para que vostedes se poidan ubicar mellor. O conflito central da trama é o roubo (“á antiga usanza”) duns documentos (moi antigos) do Arquivo Nacional. Non se precisa que documentos son en particular e encárgase o caso a Lucía, unha moza garada civil, para que, poñéndose en contacto con Cazale (o xubilado profesor de debuxo, cofidente e falsificador) dea cos cupábeis e retorne os documentos. E todo isto ten que ver co Camiño de Santiago, de aí o título. Ben, esa é situación de onde parte todo, e, aínda que se beirean moitos xéneros e a trama é complexa, débese recoñecer que a solución final da trama está moi ben argallada, resulta lóxica, tan lóxica como é a vida real e a restra de consecuencias que se desencadean nela porque sempre é mellor axudar aos poderosos, que son os que máis teñen que perder mentres que a xente a pé xa é outra cousa. E non diremos máis nada da trama, debe ser abondo para quen, a partir do contido, se decida por esta lectura ou non.

                     En canto á lingua, alén de algún castelanismo léxico, o peor é o uso reiterado do pronome persoal de obxecto indirecto (lle) en casos en que se debería usar o de obxecto directo (o,a). Polo demais, aquí teñen unha novela que toca abondos temas e xéneros como para resultar unha lectura suxestiva. Iso si, xa o dixemos de incio. Malia que o título (Camiño negro) parece indicar cara a un xénero concreto, a súa característica principal é breirear moitos, como arriba dixemos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s