a propósito de ENTRE DONAS, varias autoras, en Baía.

 10 NARADORAS. CELEBRACIÓN E LOITA.

Título: Entre donas

Autorías: Varias Autoras

Editorial: Baía

Primeiramente imos dar conta de quen son esas “varias autoras” que nos permiten saír do paso sen ter que enumerar unha a unha todas e cada unha delas. Neste caso, as autoras que reuniu Baía neste título son Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez. Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yañez, ademais de Ana Luísa Bouza Santiago, que é quen asina o epílogo. Estamos, polo tanto diante dun volume que nos presenta un bo número de narradoras, naradoras pertencentes a  promocións ou xeracións diferentes, e que supón unha inmellorábel ocasión para achegarnos á narrativa de muller no panorama da narrativa actual. Tamén se pode dicir que unha inmellorábel ocasión para achegarnos  á narrativa feminista galega actual. E debe. Mesmo falar de diferentes sensibilidades dentro do feminismo narrativo, mais eu non o vou facer. Non o vou facer porque considero este título un volume de celebración: celebración de que actualmente gozamos dunha estupenda narrativa de autoría feminina (as autoras aquí reunidas son as que son e ben puideran ser máis ou outras) e isto quere dicir que a literatura galega das últimas décadas normalizouse achanzando unha carencia que berraba aos ceos; non pretendo ao dicir isto sinalar que sexa unha situación óptima, só que esa situación mudou felizmente para mellor, hoxe a ninguén estraña atopar narradoras, e narradoras ben competentes.

                     A segunda cousa que me chamou a atención é que ningunha das autoras optara polo conto como xénero da narrativa breve. Non é que isto sexa en si moita novidade, xa as últimas décadas do século pasado amosaron o ascenso do relato na narrativa breve, en detrimento do conto. Certamente. Mais como considero o xénero do conto como unha das estratexias narrativas máis esixentes tecnicamente falando, e sempre me satisfaceron moito, non deixo de sentir certa mágoa. Pola contra, nesta mostra de narrativa breve de autoría feminina, un bo número, unha clara maioría de autoras optou polo relato fragmentario. Desde calquera opción xenérica dentro da narrativa breve se pode acadar a excelencia literaria, iso non ten discusión. Mais considero oportuno salientar este feito, particularmente considero moi inetresante esta consideración técnica porque permite dotar á narración de meirande variedade e xoga un papel moi importante no mantemento da tensión narrativa, do suspenso narrativo. Unhas veces o recurso fragmentario é moi visíbel, outras veces está máis integrado no discurso (como é o caso, por sinal, do relato de Marica Campo). En todo caso, é unha opción que adoita dar bos froitos.

                     Evidentemente, sendo tantas narradoras non vou poder escribir sobre cada relato en particular, o tempo no me permite ese luxo, mais hai algunhas particularidades que non quero deixar de comentar. Por exemplo a necesidade non só xa de falar de muller, senón de mulleres. Nótase ben por exemplo no  de Marica Campo, e isto responde á necesidade tamén de rachar estereotipos: a muller, en realidade son moitas mulleres, mesmo dentro da mesma persoa poden convivir disferentes tipos de muller segundo as circuntancias vaian esixindo ser así ou destoutra maneira. Parece obvio. Mais quéroo sinalar porque vén denunciar unha situación inxusta: á muller pedíuslle ( e esta palabra é un eufemismo) que fora de determinadas maneiras e (case) sempre sen consultar a súa opinión porque eran obxecto de dominación por parte dos homes. E isto, polo claro, aínda hai que dicilo en presente. E isto, tamén se aplica á opción sexual que a muller teña, evidentemente.

                     Desde o punto de vista puramente técnico hai outra circunstancia que tamén ten que ser salientada porque non é nada frecuente. Refírome ao relato de Emma Pedreira, onde en lugar de presentar unha narradora, son dúas narradoras as que nos van dar conta da trama nun ton desenfadado que tamén singulariza o relato. Con tanta narradora, e de tantas xeracións distintas, e con máis ou menos experiencia tanto narrativa como especialmente na narrativa curta, non todos os relatos teñen a mesma calidade literaria e ás veces nótase que ben quererían dispoñer de máis espazo. Porén, estamos de celebración, Entre donas, xa o dixen, é unha auténtica e oportunísima ocasión para celebrar a narrativa de muller. E non por ser celebración deixa de ser un título eminentemente reivindicativo e denuncador das dificultades que a muller atopa na nosa sociedade para realizarse como tal muller. Unha cousa non quita a outra senón todo o contrario. Tamén é oportuno celebrar a loita, oportuno e necesario. Como di no seu relato Marcia Campo, “non hai que confundir a realidade co desexo dos homes”, e, como di a epiloguita, Ana Luísa Bouza Santiago, “non hai que confundir a literatura coa ollada masculina” como infortunadamente sucedeu durante demasiados séculos. As olladas feminina e feminista non só fican ben patentes, ademais tamén o fan desde un punto de vista universalizante ao valerse de culturas como a irlandesa (Marilar Aleixandre) ou clásica (Marica Campo), por sinal, e este non  é pormenor tampouco a esquecer.

                     Fica por comentar o epílogo. Como teño dito, non son moi  amigo dos prólogos/limiares que pretenden balizar a lectura que se vai facer; a liberdade de quen le debe estar por riba de todo, debe poder ler con toda liberdade. E, neste contexto, epílogos como este son para recibir e poderar con xustiza e alegría, toda vez que axuda a reinterpretar ou redescubrir cousas que na lectura puideron pasar por alto, sempre desde o contraste entre a opinión de quen leu e a información que se achega. Enriquece a lectura.

                     E tampouco quero rematar sen mencionar o relato de Anxos Sumai, toda vez que enfronta un tema, ben pouco presente na nosa narrativa, como é o coidado dos nosos pais e nais cando chega un momento en que xa non se valen por si mesm@s. O relato non só se singulariza polo tema tratado, que é unha realidade dura que moit@s vivimos día a día, alén diso está contado cunha tenrura e sensibilidade que encollen o corazón.

                     Ben. Aquí teñen un volume para celebrar a escrita feminina (e feminista). E que nesa celebración non lles esqueza a denuncia das dificultades para ser muller, para realizarse como muller aínda hoxe en día.

ASDO.: Xosé M. Eyré

2 opiniones sobre “a propósito de ENTRE DONAS, varias autoras, en Baía.

    1. Será un pracer, como sempre, Marilar. Por certo, que o teu texto, como o de Marica, non lle acabo de atopar acomodo xeitoso nin no conto nin no relato, pero, claro, iso é algo que nun volume colectivo nonn tiña oportunidade de tratar polo miúdo..

      Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s