a propósito de ZONA A DEFENDER. A ESPERANZA INDÓCIL, de Manuel Rivas, en Xerais.

ESPERANZA DE REVOLUCIÓN, A REVOLUCIÓN DA ESPERANZA

Título: Zona a defender. A esperanza indócil.

Autor: Manuel Rivas

Editorial: Xerais

O mundo anda escaso de revolucións. O Gran Poder, desde a Revolución Industrial o Gran Poder Capitalista, sempre controlou os surtos revolucionarios, minimizando o seu impacto, converténdoos en algo oacsional e concreto que o tempo devora, mesmo facendo deles pouco menos que unha “noticia festiva”. Algúns aínda lembramos o Maio do 68 e as doses de esperanza que nos inoculou, na procura de que a sociedade podía ser máis xusta e igualitaria, un mundo mellor. Todos sabemos como rematou a cousa. Hoxe, despois da caída do Muro de Berlín, o capitalismo adoptou a súa cara máis feroz e destrutiva, e non parece, non hai indicios de que pare. Nin sequera nesta situación de pandemia mundial que é a covid-19. Todo o contrario, enrócase e faise máis salvaxe aínda.

                     Porque toda revolución ten que ser anticapitalista, non hai outra. O ser humano ten que reaccionar contra un sistema que o cousifica, que o robotiza, que o humilla, que o despreza facendo del man de obra barata (cada vez máis) e consumidor compulsivo á vez (cada vez máis, tamén). Neste contexto, a única revolución que o Gran Poder Capitalista aínda non deu domeado é a revolución feminista que, con máis convicción nuns países ca noutros (ou nuns continentes ca noutros) vai avanzando a paso firme, convencidamente. Manuel Rivas, adiantamos, tamén se manifesta a prol desta revolución, tamén moi convencidamente.

                     Porén, imos ir pouco a pouco, e permítanme sinalar que abrir un libro atopar palabras decoro, honra, honestidade, dignidade, decencia ou utopía, é xa unha razón para collermos este novo libro de Manuel Rivas e para lelo con suma atención, mesmo con degoro, coa cobiza, co devezo que prende en cós o olor a herba fresca (imaxe que tamén ua Manuel Rivas). Si, porque son palabras practicamente desaparecidas tanto no discurso político, como no xornalístico e mesmo me atrevería a dicir que non vivien o mellor momento no literario.

                     O volume preséntase estruturado en tres partes. A primeira é o manifesto  A esperanza indócil. Manifesto Mayday. Reparemos noutra palabra: esperanza. Estando as cousas como están, sendo cada vez máis reféns do capitalismo salvaxe (Manuel Rivas chámalle capitalismo impaciente), aínda hai lugar para a esperanza. Neste apartado, Manuel Rivas vai expoñendo os peares imprescindíbeis para unha revolución que remate co capitalismo. Permítanme que me deteña nos seus pormenores, non o farei nos dous seguintes capítulos e non porque sexan menos importantes senón porque o terceiro é unha colectánea de pensamentos breves, entre o aforismo, a poesía (e aquí nótolle certa sombra fértil de Dieste), o xornalismo comprometido e mesmo algo de filosofía; e o segundo apartado son uns textos en formato xornalístico (algúns deles xapublicados en El País Semanal) que tampouco son nada doados de reducir ou xeneralizar nun comentario breve; faremos o que poidamos, mais deste primeiro capítulo quero expoñerlles, punto por punto, o contido do manifesto porque o considero fundmamental:

                     Comeza refíndose á “angustia planetaria” como froito das inseguridades en que vivimos, as vulnerabilidades máis urxentes (a carreira armamentística, a pobreza infantil, a “civilización do lixo”-permítanme esta expresión-, o machismo, a extición do xornalismo comprometido-exemplificado na figura de Julian Assange- ou o espolio incesante e ríos e terra -ao mar xa se refira falando da “civilización do lixo). E despois comeza a explicar aqueles puntos que defende, comezando por unha internacional en código Mayday  ( é dicir, unha internacional en constante estado de revisión e creación que anuleos efectos do Gran Poder), lembranzo ao efecto o pensamento indíxena de Ailton Krenak, a voz dos indíxenas brasileiros. Logo, defendendo a posibilidade, critica resiganción, iso que nos anula a esperanza. Cre, a así o expresa, no ser humano, na humanidade que se rebela e pon fin ao intereseiro eloxio da servidume: as persoas competentes non compiten, só compiten as incompetentes; reclam aos espazos da biodiversidade como lugares a compartir. Logo defende unha república de iguais, a “corruptura” (así no orixinal) por unha sociedade de “común decencia” (así no orixinal), criticando a monarquía feudalista que vivimos e reclam ao benestar mental (salientado meu), imposóibel na avalancha diaria de dolor. Defende tamén unha sociedade solidaria, e aliás, que sexa unha sociedade imaxinativa nas súas protestas e reivindicacións, que active unha nova linguaxe  imaxinativa contra a política do dano. Defende o humor, o humor como arma contra o dogmatismo. Defende  un feminsimo que emancipe as mulleres e libere os homes do “histerismo masculino” (así no orixinal), pois, recollemos literalmente” o que máis desequilibra o pensamento reaccionario é o feminismo que vai á raíz”. Defende o libro, defende a cultura, como autocoñecemento, como recoñecemento da relaidade como arma fronte á insensatez. Defende a autoconstrución, a ocupación dos lugares públicos abandonados, as feiras de venda autónoma, as verbenas de barrio, as salas de  cine, os redutos tabernícolas,e os garitos subterráneos de música en vivo; é dicir, a cultura en calquera manifestación. Reclama descolonizar a imaxinación (salientado meu, paréceme un concepto importantísimo). Defende a relocalización, a universalidade  dos lugares (non en van o concepto “zona a defender”, nacido e propagado desde Francia camiña en sentido universal), lembrando a Miguel Torga, e cito literalmente “o universal é o local sen paredes”. Defende a des-extinción, devolver á vida as especies extinguidas. Defende unha nova loita pola liberdade, fronte aos que queren impoñer a liberdade de ser servos. Defende a insurxencia poética, a linguaxe ao norte do futuro que dicía Celan. Defende a total prohibición armamentística cunha única excpeción: a risa. Defende o acordo interxeracional, a transmisión do saber de xeración en xeración. Defende a arte da escoita e o xornalismo como activismo democrático. Defende a democracia dos afectos, os libros demasiado longos e as películas demasido lentas (é dicir, a creación sen fronteiras, sen ataduras). Defende a arte de caer, como forma de aprender a erguerse. Defende pensar o impensábel, non debe haber fronteiras para o pensamento. E defende foder co futuro (isto non o vou aclarar, propositadamente…)

                     Este é contido, polo miúdo do Manifesto Mayday, compromiso social, ecolóxico e humano.

                     A continuaión vén a “Psicoxeografía dos ventos”, que contén “vento perigoso”, “vento nas pólas” e “vento indócil”. Como dixen, algúns textos xa viron a luz no dominical de El País, e o resto seguen o formato do artigo xornalístico, tratando temas que afortalan o manifesto anterior, desde unha perspectiva comprometida, culta, indómita, que sempre sorprende polo punto de vista adopatado ou por revelacións infrecuentes no  xornalismo de hoxe. Por sinal, comeza cun texto onde se fala dunha vaca rebelde (dunhas vacas rebeldes) com síntoma resistencia animal ao capitismo impaciente e voraz. Logo ocuparase do lixo no mar, das cazarías (varias veces), das abellas, das árbores, que como se ve son temas que teñen como denominador común o medio natural. Logo vén outra parte que comeza refríndose ao horror, reivindicando a figura de Simone Veil. E continuará con outro texto que ten como albo a cidade mexicana de Juárez, para falar do Inferno, do inferno social e até onde pode chegar. Despois ocúpase dos eufemismos cínicos (e volverao facer) e esa creación de anormalidades que o capitalismo impaciente fai pasar por “nova normalidade”. Tamén se aocupará no nefoascismo ou fascismo de segunda man, tan apegado ao antisemitismo. En “vento nas pólas” escribe sobre as app, sobre a lectura e os móbiles, sobre o xornalismo da mentira, da maldade, das fake news, sobre as valoracións  nas novas plataformas de comunicaión, sobre o feminismo, sobre natureza e o saber popular que o capitalismo idiota ignora ( este texto nace do fenómeno da néboa na A-8). No apartado final desta parte trata temas como a fin do mundo (outra fin do mundo é posíbel), os negacionismos, a muller como inciadora da rebeldía (nada menos que  contra Deus), tamén nos enfronta á realidade que este ou é o século da barbarie ou da ecoloxía, para rematar reivindicando as palabras, as palabras e a risa como armas.

                     E remata o libro con textos hiperbreves, de moi poucas liñas, que son reflexións entre o proverbio, a poesía, a filosofía, a agudeza do pensamento indócil.

                     Ben. Para remate. Segundo as “Zoñas a defender” van deixando de ser locias e se internacionalizan, eu quero dicir que entre esas “zonas a defender” estamos nós, a xente toda, que podemos ser espectadores artífices colaboracionistas no inferno que o capitalismo voraz prepara para nós…ou podemos ser axentes liberadores. Precisamente para iso está escrito este libro, para que sexamos axentes liberadores.

                     E nisto, na máxima difusón que debe ter un libro tan importante como este, nisto han ter que ver moito @s axentes que se ocupan da dinamización lectora: docentes de lingua  e literatura, bibliotecar@s, clubs de lectura etc… Non todo van ser novelas e este é un libro perfectamente asequíbel xa na adolescencia. Asequíbel e moi importante para esa idade, porque son futuro e deben saber que outro futuro é posíbel e contra que loitar.

                     Lectura imprescindíbel. Tanto no ensino como para a cidadanía xeral.

ASDO.: Xosé M. Eyre

Unha opinión sobre “a propósito de ZONA A DEFENDER. A ESPERANZA INDÓCIL, de Manuel Rivas, en Xerais.

  1. Un anticapitalista real debería comezar polo exemplo persoal saíndose do mercado do sistema , en vez de producir obras que se comercializan nese mercado e que por tanto o alimentan. Se Rivas é anticapitalista que deixe de comerciar coa súa obra, que renuncie ao capital que lle reporta e que a colgue gratis na internet. En caso contrario, as súas palabras non son máis que un sermón dominical de boas intencións para entreter á parroquia.

    Gústame

Deixa unha resposta a Iván Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s