a propósito de GRAMO STENDHAL, de María Lado, Apiario.

POESÍA DE PROXIMIDADE

Título: Gramo Stendhal

Autora: María Lado

Editorial: Apiario

A poesía, que noutros tempos señoreaba as letras galegas, pasou a ser un xénero minoritario, e a xente que le poesía pasou a ser considerada como entes raros e sesudos, capaces de gozar de textos tan crípticos como os da poesía actual, textos difíciles de decodificar e por iso esa consideración, que tamén se estende ás/aos poetas. Esta creo que é unha visión xeral bastante acaída. E bastante falsa. Moi falsa. Porque a xente, inclusive en idade escolar, si pode chegar a esa decodificación; e se hai que axudar en casos que o teñan difícil, pois para iso estamos. E logo, se na autoría está María Lado con poemarios como este Gramo Stendhal…a afirmación inicial vólvese absolutamente risíbel. Non hai moito, nestas páxinas da Ferradura II, falabamos da presentación en papel da sociedade Aldaolado, verdadeiras especialistas en transmitir poesía de xeito descontraído, con chiscadelas de ironía e ben humor. Agora, unha das integrantes dese dúo, María Lado (a outra é Lucía Aldao, como todos sabemos), entréganos un título en solitario. Visto o visto, a sede de poesía non nos dá paradura deica que abramos libro.

                     Porén, o primeiro que encontramos é o título, Gramo Stendhal, que parece indicar un poemario máis ben abeirado ao cultismo. E non é así. Stendhal, o esritor francés, é fundamentalmente valorizado pola agudeza na caracterización psicolóxica das personaxes que utilizou. E, neste sentido, ese “gramo” debe indicarnos a predisposición á hora de encarar a introspección propia da poesía lírica, tanto da voz poética coma do “ti”, in paesentia ou in absentia, ao que se dirixe dita voz poética. A predisposición ou o resultado da devandita introspección.Non deixando de preguntarnos se en realidade é posíbel afondar máis que ese “gramo”, pois vivimos tempos nos que  parece que a capacidade de análise ve reducido o seu ámbito de proxección…toda vez que a realidade se tornou tan variada e confusa que calquera especulación sobre ela ten que ser, como mínimo, tomada con moita prudencia e mesmo certa desconfianza.

                     Ben. Isto é así deica que entran en escena as Aldaolado. Ou, neste caso, María Lado.

                     Porque a poesía de María Lado neste Gramo Stendhal caracterízase primeiramente por ser moi  asequíbel a calquera que colla o poemario entre as mans. O coloquialismo que impregna a lingua utilizada, así o anuncia e así o demostra. Para escribir poesía non é imprescindíbel crear textos de difícil lectura.

                     Perecisamente por iso da decodifación, escuros e, seica, trascendentes. Non, precisamente esta poesía de María Lado vén demostrar presisamente o contrario. Trátase dun tipo de poesía que non só é necesario, senón imprescindíbel. Lava a cara da poesía e devólvenos un discurso que, desde o coloquialismo (ben medido, ollo, porque sempre é utilizado con mesura e oportunidade) logra textos nos cales o ton confidencial, desde o inicio, acompaña a lectura como dándonos a man, sen chegar nunca a un nivel de desenfado tal que minusvalorice ou banalice os temas a tratar extraéndoos dun clima superficial. Porque eses temas non dixan de ser, serios, ben serios. Velaí, por sinal sexa dito, a infancia invocada (non exactamente como paraíso perdido) senón como presenza que non se ve e está aí, formando parte de nós. Velaí a revisitación da casa (ese tema tan presente ultimamente) e os mobles antigos. Velaí a mocidade e o medo á morte, ou a frustración vital . Velaí o medo ao futuro, desde un presente problemático. Velaí o desengano, a culpa, o arrrepentimento, o sexo como agarradeira á vida. Velaí a condición efémera da poesía. Velaí a poesía como pregunta.  Ou a soidade. Como adiantamos, dito sexa por sinal.

                     Porque é unha poesía escrita desde o coloquialismo, con algo de desenfado (com dixemos, ben mesurado), mais non deixa de ser poesía que trata temas serios. Trata temas serios e non polo dito teñen que ser menos fondos no seu tratamento. Todo o contrario. Agradécese esta tipo de poesía porque hai que ter en conta que o exceso de introspección (propio da poesía “seria”) pode levar precisamente a desatender o que fica na tona e que por iso, por estar tan visíbel, non reparamos nel.

                     Velaí que a min me guste chamarlle a esta poesía, para que está tan ben dotada María Lado, poesía de proximidade, pois sen renunciar a tratar temas altos e graves, nos conduce por unha lectura poética de man amiga, de voz confidente, unha lectura de convite, coma se detrás da chsicadela de ollos nos prometera acceso a un mundo curioso e interesante, sen por iso deixar de ser dramático cando cómpre. Sen dúbida, unha proposta poética máis que interesante. Unha forma de democratizar o acceso á poesía, na medida de beleza que é quen de nos achegar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s