crítica de DICIONARIO IRREAL PARA UN PAÍS IMPOSIBLE, de Xavier Seoane, en Xerais

 A CABEZA NON PARA…

Título: Dicionario irreal par aun país imposible                         

Autor: Xavier Seoane

Editorial: Xerais

Quizá o título destas liñas poida parecer un tanto prosaico, porén dalgunha maneira cómpre describir a intensa actividade intelectual de Xavier Seoane, sempre unha actividade na procura da beleza xa sexa en forma poética (contei 18 títulos) ou narrativa; e dentro da narrativa velaí están os títulos de ensaio e, o que máis nos interesa, os aforismos…por iso de que os aforismos combinan a reflexión e a beleza verbal- a este respecto lembremos os Aforismos do riso futurista escritos con Francisco Pillado, ou a máis recente A póla branca, haikus que tamén convidan á reflexión pois dela e da contemplación nacen. A este respecto é de considerar que Xavier Seoane sempre tivo como unha das súas angueiras intelectuais o devir social, cultural e mesmo político da Galiza. E de aí nace este Dicionario irreal para un país imposíbel, como unha forma de dar cabida nun único título ás preocupacións autoriais, manifestándose estas en prosas que xunguen a expresión didáctica propia dos dicionarios (despois comentaremos máis) coa creación tanto en prosa como en forma poética, que dos dous casos se poden atopar exemplos, exemplos manifestados desde a pericia escritural a que Xavier Seoane nos ten habituados, de xeito que o libro resulta unha auténtica miscelánea (que pouco se usa hoxe esta palabra) non só do saber senón tamén no relativo ás formas literarias.

                     Ben, volvamos sobre o didactismo. Non cabe dúbida de que calquera dicionario persegue iso, ensinar. Porén este é un dicionario “irreal” porque en realidade non se trata do que comunmente se entende por tal, senón unha forma, unha estrutura editorial que lle permite dar cabida non só ao relativo ao “pensamento” ou reflexión senón que tamén lle permite ao autor introducir diversas formas escriturais ( como xa vimos)  de maneira que se ofrece unha ollada panorámica sobre a cultura, sobre a sociedade, sobre a Historia…con todo o que iso ten de político. Neste “pensamento” ou reflexión, hai moita ironía, hai moito humor, retranca e mesmo sátira e xogos verbais, o cal proporciona unha lectura que tamén xungue o desenfado coa distancia analítica que proporcionan as figuras antes mentadas. Cousa curiosa é que esa distancia analítica representa en realidade unha comprensión fonda do concepto pertinente, e permite un achegamento lectoral máis efectivo, fondo e á vez divertido que promove a reflexión de quen le.

                     As “entradas”, os conceptos de que se ocupa Xavier Seoane son de natureza moi diversa, e van desde a denuncia (por sinal, véxanse os conceptos “feísmo” ou o da romaría dos Caneiros) á reivindicadión (por sinal, véxase o relativo a Seminario de Estudos Galegos ou o futbolista Fran) pasando pola análise de tópicos (non podía faltar o dos galegos e as esclaeiras, por sinal), como de feitos históricos (por sinal, os naufraxios na Costa da Morte), escritores e creadores plásticos (Celso Emilio, presente en varias entradas, por sinal, Laxeiro ou Urbano Lugrís…) e onde non faltan reflexións sobre sobre aspectos da nosa Historia e cultura que presentan déficits ou son mellorábeis.

                     A concepción do libro como dicionario permite unha lectura que non ten porque ser contínua, que pode adiarse en calquera momento e ser retomada sen perder nada do contido, e que tamén pode ser aleatoria ao permitir ler entradas de diferentes letras sen que teñan que ser consecutivas…o comezar por onde nos praza. Isto ademais de poder dar entrada a forma literariaa diversas, como xa vimos.

                     Fermosamente ilustrado por Ramón Trigo, este Dicionario irreal para un país imposíbel non só constitúe unha moi agradábel lectura desde o punto de vista literario, senón que tamén é unha boa ocasión para reflexionarmos sobre nós mem@s, sobre o pasado, sobre o presente e sobre o porvir, cousa que sempre é tan necesaria, que sempre é tan imprescindíbel. Xavier Seoane, auténtico mestre humanista ao que nada lle é alleo nin do mundo das ideas nin do mundo do pensamento, déixanos outro título que non debe faltar en calquera biblioteca que se prece do noso IMPAÍS, que driría Xavier Alcalá.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s