crítica de ESTADO INTERMEDIO, de Rexina Vega, en Galaxia

O TÚNEL E A MEMORIA

Título: Estado intermedio

Autora: Rexina Vega

Editorial: Galaxia

A última novela de Rexina Vega ten un título extraordinariamente claro respecto ao contido da trama; é o que vén sendo un título ideal ou  o que máis e mellor se aproxima ao que se contará despois. Sen pretender dar moitos datos sobre a trama, non pode deixar de dicirse que esta presenta un morto (que é un pai) nese estado anterior a  acceder ao máis alá. Ao alén que haxa despois de que finalizara o tempo de vida dunha persoa. E, paralelamente, a filla que pretende desfacerse de todo canto lle lembre o sei pai, co cal tivo unha relación traumática en vida e que, curiosamente, esa relación traumática non rematará nin desfacéndose das cousas materiais que lle quedaron en herdanza. Na nosa cultura occidental, ese estado do pai antes de ingresar no Alén ven sendo representado por un túnel ao final do cal existe unha luz; ou, polo menos é a máis común porque, evidentemente, ninguén volveu do Alén para dicirnos como é a cousa.

                     En si, a novela é un exercicio de memoria que enlaza a vida do pai coa vida da filla. Un exercicio de memoria traumática, pois a vida do pai non deixou nunca de selo ou de estar inserida no trauma. De xeito que, nin cando era mozo e apuraba os goces da vida desaparece esa situación traumática pois atopámonos en pleno franquismo e nun contexto social que fai contrastar a boa vida, a vida luxosa do madrileño barrio de Salamanca coa máis dura das pobrezas, coas vidas máis vulnerábeis a causa das carencias para levar unha vida digna, como é o que acontece no tamén madrileño Pozo do Tío Raimundo. Despois, o pai terá un vivir marcado sempre polo conflito entre o que el desexaría e a realidade que lle toca vivir, que o levará por unha costa abaixo, que o levará vivir nunha contínua degradación, sen exercer nunca de pai, ou do que se agrada que sexa un pai. Unha degradación vital inxustificábel, covarde e lesiva para oa demais. Nese estado se atopan os dous, o pai e a filla facendo balance, a avaliación final. No caso do pai, é ese estado intermedio do que vimos falando; mais tamén o será no caso da filla, esa é a sorpresa que nos agrada no remate e da que, evidentemente, non queremos desvelar máis.

                     Polo medio, na reconstrución da vida do pai repásanse momentos históricos do medio e tardofranquismo. E tamén dos primeiros anos despois da morte do ditador. Do contraste traumático entre a vida desafogada e luxosa coa pobreza, xa falamos, agora queremos salientar o conflito obreiro vivido en Vigo, aquela folga xeral do ano 1972, pola súa importancia histórica, que marcará tamén un punto de inflexión na vida do pai, facendo que esta se degrade moralmente aínda moito máis. Lembran aquela canción, “Libertad sin ira”, que trataba de propoñernos unha vida nova na que non houbera conflito coas esgazaduras vitais (e igual é moito eufemismo) da ditadura? Pois non, non é posíbel vivir sen que  haxa conflito, sen que haxa trauma, así aparece a vida nesta nova novela de Rexina Vega, unha novela  (xa que falamos de música) moi atenta ás cancións que foron marcando o paso do tempo, igual que as formas de vestir, poñamos por sinal.

                     A novela está maioritariamente contada en capítulos breves, que confiren dinamismo á lectura, mais tamén son moitas as enumeracións (un recurso moi usado), de xeito que o mesmo contar da novela reflicte a dialéctica, o impase en que se atopan as personaxes. Porén, nada disto é a auténtica novidade que presenta Rexina Vega na novela,  pois esta consiste na “introdución” de conceptos budistas á hora de entender o tránsito entre a vida e o Alén. Dese xeito a novela cóntase en dúas partes: “Chikhai. Estado transitorio no momento da morte”e “Chonyd. Estado transitorio da realidade. Esa, a cocepción filosófica budista do paso ao outro mundo, é a auténtica novidade, non querendo dicir isto que non haxa referencias á relixiosidade católica que nos foi imposta.

                     Para rematar, diremos que, e isto sempre nos acontece cando lemos a Rexina Vega, non nos abandona a sensación de que a proposta narrativa mereceía unha máis demorada exposición.

ASDO.: Xosé M Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s