crítica de ONDE AS RÚAS NON TEÑEN NOME, de Xurxo Ayán, en Positivas

ETIOPÍA, ETIOPÍA…

Título: Onde as rúas non teñen nome

Autor: Xurxo Ayán

Editorial: Positivas

Sempre existen razóns poderosísimas para abrir un libro, de ficción ou non ficción, tanto ten. Tanto ten porque cando lemos non ficción o contido é para quen le tan novo como se fora de pura ficción. Digo isto para animar a quen só le ficción a que bote man, por sinal, a este libro de Xurxo Ayán. Porque é un libro que nos achega á realidade da vida na Eiopía de 2006. Etiopía, Etiopía, ese país  tan descoñecido para nós, galeg@s da fin do mundo que pouco ou pouquísimo coñecemos dese país africano. Se cadra, a moita xente só lle soará do arquifamoso retrouso d´Os Resentidos no tema “Fai un sol de carallo” (tamén coñecido como “Galicia Caníbal”) de 1986, onde se dicía “Etiopía ten fame”. Ou diso ou dalgunha reportaxe televisioneira, fiábel só até certo punto entre outras cousas pola parcialidade que supón estar suxeitos a unha minutaxe establecida. Pois ben, este libro de Xurxo Ayán achéganos unha perspectiva de Etiopía avalada polo prestixio profesional do autor, persoa, ademais que parte dunha base cultural enorme na que se amalgaman lecturas literarias ou históricas coa cultura popular de quen viviu na aldea mais non lle é alleo todo o que se move a redor dos novos medios de comunicación, desde a tv. até internet, desde Zara até o fútbol…nunha síntese rápida.

            Nunha síntese rápida porque é importante deixar claro que o autor merece unha fiabilidade moi grande, a anos luz d@ reporteir@ que cumpre unha encarga máis, sen outro particular.

            Este libro de Xurxo Ayán xa atrae desde o seu mesmo título. Un título precioso que describe marabillosamente a maioría dos lugares que percorreu en Eiopía. E digo “libro” porque non resulta doado adscribilo a un xénera concreto. Quizá fique máis comodamente entre os “libros de viaxes”, porque relata, conta, unha viaxe a Etiopía no ano 2006, e esa é a súa finalidade principal, pois así está concibido, como unha viaxe de ida e volta. Porén, o libro tamén ten as súas cousas de diario persoal, de diario de campaña e de etnoloxía comparativa, resultando un texto de enorme atractivo, escrito á marxe das convencións xenéricas, moi persoal, e tamén por iso interesante. Hai que lamentar, iso si, que tardara tanto en ver a luz. Desde aquel 2006 da viaxe, a hoxe, van 15 anos. É máis, cando polo que parece comezou a ter visos de saír á luz, o autor escribiu un limiar desde unha distancia temporal de trece anos.

            Fóra diso, Onde as rúas non teñen nome xa resulta un título singular desde o momento en que o autor non dubida en comparar a realidade das etnias etíopes que atopa co que foi/(e ás veces aínda é) a realidade rural galega. A fin de contas, mudará a cor da pel mais non somos tan distintos. Por iso falaba antes de etnoloxía comparada. Por iso e porque, á hora de describir a realidade etíope, non lle queda máis remedio que ofrecer datos que fornecen esa consideración; por sinal, a influencia chinesa en África, ou o feito de que as etnias etíopes consideren as cousas feitas de plástico como artículos de luxo. Porque si, a viaxe de Xurxo Ayán ( e os seus compañeiros e compañeiras expedicionari@s), para @s gaelg@s de hoxe representa unha viaxe no tempo, co retrato dunhas xentes que, comparando con nós, viven aínda hoxe segundo parámetros para nós moi afastados no tempo. Nótese que non quero dicir nada desa realidade retratada, que, por moi “atrasada” que nos pareza (por sinal, polos apeiros de traballo que utilizan) non deixa de ser unha vida qua garda bastante máis harmonía co medio vital cá nosa rutina de rurbanos ou urbanitas. Tamén hai que recoñecer que é unha vida dura. Etiopía é un país grande, cunha grande diferenza entre as xentes que viven nas cidades e as que viven no rural, onde tamén hai deiferenzas entre zonas onde a terra é rica (o planalto) e outras onde a aridez marca por completo a vida.

            Alén diso, Xurxo Ayán, non dubida en incluír referencias políticas, é imposíbel falar de África sen elas, porque África é como é porque así a deixaron os colonizadores europeos…e porque así a teñen os intereses xeopolíticos actuais. Algún poema, da súa autoría, que merece ser lido con coidado, ou outro (satírico) de Florencio Delgado Gurriarán sobre Franco que vira a luz en Nueva Galicia (1938). E, sen querer afondar máis no contido do libro, mais para dar unha idea de como este é en boa parte misceláneo, tamén se inclúe unha desmitificación da batalla de Little BIg Horn, a famosa batalla onde os do xeneral Custer foron derrotados polos indios.

            Como se di no limiar, e na información editorial, a lectura desta experiencia viaxeira permítenos coñecer os OUTROS, uns outros para nós moi afastados que, porén, nos permitirán tamén coñecernos mellor a nós mesmos.

            Unha lectura impagábel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s