unha lectura de OS PAXAROS E OUTROS POEMAS, de Daniel Salgado

ENTRE A LEVIDADE DO PERENNE E A EROSIÓN DO TEMPO

Título:Os paxaros e outros poemas

Autor: Daniel Salgado

Editorial: Xerais

Esta é unha desas veces nas que o título destas liñas me queda pequeno. A simple vista consiste nun grupo de poemas “protagonizados” por paxaros, e outro grupo de poemas varios encabezados por unha “Oración” que dea sentido unívoco ao poemario. Mais a poesía de Daniel Salgado é tan rica en contidos sempre, en reflexións sempre oportunas, sempre hai algo máis detrás dos poemas de Daniel Salgado…ese é un feito innegábel, de xeito que o ocasional non existe. Se retomamos esa “Oración” inicial, primeiro comprobamos que non existe sentido relixioso; e segundamente que se trata dunha reflexión/constatación de que  a xustiza segue a ser un desideratum mentres a humildade da materia sobrevive ao paso do tempo. Polo medio fica a reivindicación do poeta corenao Ko Un (aquí poen ler alguns poemas seus traducidos ao castelán) centrada sobre todo na contundencia da súa reflexividade sobre a vida e a costatación de que seguimos atónitos perante a fuxidía realidade. “Oración” que, en realidade, é un aviso.

                     Os peomas agrupados baixo o título de “Os paxaros” non son moitos, O merlo vai asociado á ética, mais non a calquera ética, trátase da ética da aceptación e a necesidade de interrompela (como esixencia para que de verdade exista progreso na humanidade). O pardal vai asociado á historia, constancia do peteirar fronte a unha aparente ausencia de acontecementos, ten unha parte de reflexión literaria que conecta a Marcial con Cabanillas (ou metaliteraria, a utilidade da poesía), mais remata coa “desfeita” e inutilidade da intuición, á vez que reivindica o espírito do republicanismo fechando o poema coa alusión ao almanaque republicano. Como vemos, as súas son sempre alusións sutís, resultan imprescindíbeis para a comprensión do poema, mais son sempre sutís as evocacións de nomes importantes no pensamento do autor. Segue outro poema dedicado aos “corvos”, inevitábel pensar en Pondal, mais “non seremos libres / mentres haxa quen padeza”  (e detrás sentimos a Audre Lorde) dá a verdadeira dimensión do poema, dun poema onde as preguntas deveñen vexetación miúda. Esta comuñón do pensamento coa natureza, ou relación, é un eixo que non pode pasar desapercibido. E remata coa lavandeira, á que é asociada a dúbida, a vacilación, mais tamén a liberdade do movemento imprevisíbel, a necesidade da revolta nunha rexión onde ocorre todo fóra de todo goberno. Non son moitos os poemas, mais o caudal reflexivo é enorme, detrás da sutileza, detrás da da forza simbólico-formal, da conciencia da soidade na loita imprescindíbel mentres o paso do tempo segue inexorábel.

                     Son bastante máis numerosos os “Outros poemas”. Segue habendo paxaros, xa, por sinal, no primeiro poema desta serie onde a insurección volve adiarse, contexto no cal a natureza se impón, porque ela si evoluiona, si muda. Segue unha reivindicación de Joe Orton (1933-1967), o “escandalizador” da conservadora sociedade británica, esa icona da “liberdade vital”, nun poema de fondo contido social, de fonda reflexión social no que se constata (outra volta) que os reinos da dominación son vastos e que as razóns da liberdade colapsan pois ninguén é libre no territorio da usura.Segue outro poema onde é a camelia a que desata a reflexión, unha reflexión na que nos volvemos sentir en territorio da hostilidade.O poema dedicado á illa italiana de Procida parece devolvernos algunha esperanza, algo de esperanza, porén é unha excepción neste devalar reflexivo que non será comunicada, que desorienta (curiosamente) aínda sendo un alustro que nunca é mentira. De súpeto, nun espazo burgués por excelencia, de súpeto estala violencia das cousas ao contemplar a ruína dunha fábrica, esa violencia imparábel, incontíbel, libre ela, á marxe dos designios dos humanos, nun poema que reivindica Walcott e que remata mentando ao “escuro” Heráclito. No seguinte será o fotoxornalista Jacob Riis o homenaxeado, o fotógrafo que retratou a miseria de Nova York, unha realidade atroz da que só foxen os paxaros. Volvendo acá, este é un mundo onde lama é a ciencia do estrago/ o que decide sobre a paisaxe, un mundo incapaz de comprender o que significa un tomate, ese misterio; un mundo onde a clase obreira desintégrase. E, se antes foi o tomate, agora será a castaña, en defintiva: o mundo natural que non sabemos comprender e que parece que saiba máis el de nós ca nós del. E despois as cerdeiras, e non é consolo que os xustos sempre ceden, máis ben é denuncia (con algo de resiganción melancólica?) Un alto. Lembremos as constantes, o eixo do poemario: a presenza da natureza (agora chegan as pombas, as mimosas), a constatación (outra volta) de vivirmos nun mundo inxusto, inxusto para a clase obreira (que pouco se fala dela ultimamente!), a necesidade de organización dos oprimidos e a súa dolorosa ausencia. Ao que hai que sumar a denuncia e condena do racismo (Bessie Smith, James Baldwin) que desencadean a raiba do sometido e tamén denucian a insignificancia dos abaixados. Outro dos homenaxeados é William Morris, o polifacético William Morris, socialista, orgulloso e decidido, quen deixou dito “a ditadura da propiedade é o inimigo”. E tamén hai lugar para a música, Roland-Manuel e Erik Satie, non se esqueza que neste mundo avulso o poeta persegue a beleza e a beleza perségueo a el, e dentro desa beleza está, incondionalmente, a ética, por iso non é de estrañar que tamén sexa lembrado René Char, como poeta e como membro da resitencia francesa. O músico inglés Cornelius Cardew tamén será lembrado.

                     Sobre as nosas cabezas os ollos do mundo, por exemplo a partir do Pantocrator de Vilar de Donas. Ningún de nós chega acomprender / a lóxica desta arquitectura / nin a crónica da derrota das nacións. / Arredor arden graves os séculos. Neste contexto tampouco estraña e é de agradecer que o seguinte poema trate do dorrotismo e a dialéctica, neste contexo e nun mundo que volve cara á antureza, á ignorancia que temos do medio natural (non lle sabemos o nome ás herbas); xorde outro nome importante (Georg Liukács) a homenaxear; despois será o activista John Reed, reflexión a partir dunha laranxa, a advertencia sobre os poetas preguiceiros, e unha coda onde se deixa claro que as enfermidades da alma non curan á intemperie, neste inferno moral ao que sucumbe a época…cando escribe sobre a moral, despois virá a liberdade e rematará coa linguaxe.

                     Nin as flores máis brancas impiden a dura realidade./ Nin o significado se nos revela en cada abrocho.

                     Impagábel reflexión de convencida poética social, nun mundo onde precisamente a xustiza social parece que xa ficou esquecida, encadrada nun marco natural que reaxe contra a poesía preguiceira e ocultadora.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s