crítica de O AXOLOTE E OUTROS CONTOS DE BESTAS E AUGA, de Lara Dopazo Ruibal

BEIREANDO, BEIREANDO

Título: O Axolote e outros contos de bestas e auga

Autora: Lara Dopazo Ruibal

Editorial: Galaxia

Nun tempo no cal as distopías volven agromar con forza ente nós, como unha forma de advertencia de que o futuro xa está aquí, resulta curiosa a chegada a autoficción. A este respecto, Berta Dávila propón un camiño integrador na súa última novela, Illa Decepción. E hoxe, con O Axolote, damos conta doutra tentativa interxenérica que ten que ver co concepto de humanidade, sempre desde unha estratexia narrativa fronteiriza que ten na estrañización o fulcro director e nos achega a un tipo de escrita que poucas veces se atopa descrita entre as distopías mais que, sen dúbida, tamén é unha forma de distopía: o bestiario. Ben, todo isto hai que dicilo con cautela. Primeiramente porque non todos os relatos son susceptíbeis de ser considerados bestiarios. E en segundo lugar porque tampouco se trata de bestiarios ao uso, senón de achegamentos fronteirizos ao bestiario. Ese tipo de cautela cos bestiarios tamén a hai que observar coa consideración distópica: non cabe dúbida de que a autora nos quere presentar nos seus relatos un non lugar diferente ao que habitamos (xeografica e temporalmente), ás veces recorrendo a xeografías distantes da nosa, ás veces recorrendo a xeografías distantes temporal e humanamente da nosa…como é o caso do mundo rural, practicamente desaparecido para moit@s galg@s, xa desparecido completamente para moitas xeracións urbanitas…mais que non deixa de estar aí, facendo parte de nós.

                     Agora volvamos aos bestiarios, non concebidos como animalias ameazantes e mosntruosas senón como formas de vida diferentes e alternativas, no cal tamén hai que ver unha sorte de actualización do conto tradicional que tantas veces ten os animais como protagonistas. É importante sinalar isto, este achegamento e actualización, que tamén se fai desde unha óptica narrativa fronteiriza, mais que tamén está aí e non debe ser esquecido.

                     E agora comentemos que estamos a falar do actual Premio Illa Nova de Narrativa 2020, autoría de Lara Dopazo Ruibal, que considerou oportuno engadir un dos relatos, “Baleas”, ao texto premiado, e que non choca para nada no macrotexto que comentamos, polo que a súa inclusión é moi natural, e que xa fora premiado no Certame de Relato Curto de Curtis no 2014. Macrotexto, repetimos, porque se trata dun libro de relatos no que a nós nos interesa comentar desde a perspectiva que ofrecen as distintas historias relatadas como un conxunto onde todas interactúan.

                     Retomando o rego que viñamos abrindo cómpre salientar tamén o humanismo, ou a preocupación polo destino humano, que preside os relatos. Porque, finalmente, trátase de achegar o concepto de “human@” desde unha estratexia narrativa estrañizante que emprega as fronteiras antes expostas para lograr o efecto que sinalamos. E esa estrañización, realmente o recurso narrativo central, está conseguida de xeito absolutamente notábel, sendo un dos puntos que máis atraen da lectura. Ao que hai que engadir o feito de que, en cada relato, a autora sabe dosificar moi ben a intriga ou dispoñer esta de xeito que cada relato ten remate climático, sorpresivo, que, sobre a estrañización en que viñamos lendo, peta na conciencia lectora reclamando atención reflexiva a cerca do que se leu e da súa finalidade. Tamén neste ascpecto, na creación de tensión narrativa e posterior explosión final, a autora se mostra moi hábil, de xeito que este non é un conxunto de relatos “raros” sen máis, senón que se nota, é moi perceptíbel, o coidado, o mimo con que se escribiu cada historia. Dicimos que se nota, e moito. Polo que temos diante un título que, presentando historias distópicas-neobestiarios aos que non son alleosos contos tradiconais-estrañizantes ( na información editorial fálase de “prodixios e arrepíos”), o certo é que a autora consegue que se lea con moito agarimo cada relato, aspecto que queremos salientar moito porque non é algo habitual nin nos bestiarios (neobestiarios) nin nas distopías, nas estrañizacións… aínda que si nos relatos tradicionais de temática animal que puideran estar de fondo, aló no fondo…

                     Beireando, beirando xéneros, a autora consegue ofrecernos unha lectura cativante, un macrotexto que se singulariza moito no acutal panorama narrativo e que dá que pensar. Da que pensar tanto na hábil técnica narrativa, beireanto tanto xénero, como no contido reflexivo e humanístico proposto.

                     Velaí teñen unha desas lecturas que deixan pegada.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s