a poesía descoñecida de Cunqueiro

PARA CANDO CUNQUEIRO ENTEIRO?

Título: Cunquieo XL

Autor: Älvaro Cunqueiro / Edición, selecta e limiar de Xosé-Henrique Costas

Editorial: Servizo de Publicaións da Universidade de Vigo

Comecemos por aclarar que, ao ser crítico de novidades, a crítica histórica é para min un devezo incumpríbel a causa da tiranía do tempo. Porén hoxe fago unha excepción, porque vou escribir a raíz dunha publicación nova, aínda que esta sexa relativa a un autor histórico como Álvaro Cunqueiro, que nos presenta a posibilidade de acceder a unha parte da súa poesía só coñecida e recoñecida como tal por un número reducido de estudosos. Polo tanto, tamén é novidade. Mais, sigan lendo, porque hai moito que aclarar.

                     Por exemplo, esta é unha edición non venal para a conmemoración do 40 cabodano do pasamento do inmortal Álvaro Cunqueiro. Non o procuren nas librarías. Tampouco son moitos os exemplares tirados.

                     Sabido é, e aínda no ven valorizado, na miña opinión, o esforzo tradutor de Álvaro Cunquiero, que comunicou á poesía galega o melloriño que se viña lendo na poesía universal.. Xosé-Henrique Costas menciona Abu Sinnah, Anna Akhmátova, Guillaume de Appolinaire, Gabriel Aresti, Charles Bodelaire. Hilaire Belloc. William Blake, Alain Bosquet, Blaise Cendrars, Adelaide Crapsey,Leonard Cohen, Gregpry Corso, Hart Crane, Eddward Cummings, Elily Dickinson, Hilda Doolittle, T.S. Eliot, Paul Eluard, Salvador Espriu, Lawrence Ferlinghetti, Lars Forsell, Sojo Enio, Vladimir Holan, Friederich Hölderlin, Ted Hughes, Ivar Isak, Max Jakob, Konstantin Kavafis, Jack Kerouac, Nizar Qabbani, Jules Laforgue, Li Po, Harry Martinson , Rod Mackuen, Henri Michaux, Chao Ming Wen, Frederic Mistral, John Montague, Sean O´Cassey, Costis Palmas, Brian Patten, Cesare Pavese, Charles Peguy, Ezra Pound, Antonia Pozzi, Salvatore Quasimodo, Raimond Queneau, Rainer Mª Rilke, Nelly Sachs, Carl Sandburg, Yorgos Seferis, Mª Luísa Spaziani, Jules Supervielle, Dylan Thomas, Giuseppe Ungaretti, Paul Valery, Paul Verlaine, William carlos Williams, William Yeats…e escolmas poéticas hindú, acadia, finesa, navaja, pigmea, viquinga, xaponesa, hebrea “ou das latitides máis insospeitadas” (12)

                     A presente selecta está feita a partir das “traducións” de poetas absolutamente descoñecidos. Tan descoñecidos teñen que ser que seguramente só eran familiares ao caletre do propio Álvaro Cunqueiro. É dicir, estamos a falar de heterónimos de Álvaro Cunqueiro. Non son o único que o pensa, estou seguro. Xa Xesús González Gómez deu noticia de apócrifos cunquieriáns en Os poetas inventados por Cunqueiro.

                     Deste xeito, estariamos a falar dun corpus poético novo, un corpus poético nacido do inmenso poder fabulador de Álvaro Cunqueiro. E quero insistir neste poder fabulador en dous sentidos. Primeiro porque é o autor mindoniense quen inventa eses autores (dos cales ás veces tamén ofrecía datos bio-bibliográficos) e eses poemas. En segundo lugar porque neses poemas tamén se pode comprobar o espírito fabulador, si, sentro do propio poema.Álvaro Cunqueiro sempre foi un espírito literario anovador moi comprometido cunha transgresión xenérica que o mantiña en contínuo estado de experimentación. Iso é perceptíbel xa desde Mar ao norde (1932), moi perceptíbel. En Poemas do si e non (1933), seguindo a Xosé ramón Pena, achégase ao surrealismo, porén dúas edicóns tan seguidas dannos para pensar que a redacción dos osu poemarios tivo que coincidir temporalmente. É dicir, durante un tempo experimentou poeticamente a partir de dúas tendencias poéticas de actualidade. Experimentaba a partir de, por iso sempre foi un poeta fronteirizo. Isto confírmao, tamén do 1933, Cantiga nova que se chama riveira, título neotrobadorista que afonda no que viñamos dicindo, e xa non serían dúas experimentacións senón tres.. Os posteriores títulos poéticos (Dona de corpo delagado, 1950, e Herba de aquí e acolá, 1980), na súa variedade, non desmenten este afán experimentalista.

                     Isto referido á poesía. Pasa igual na prosa e tamén no teatro. Permítannos non abundar.

                     Porén é nestes poemas apócrifos, nestes poetas heteronímicos, onde Álvaro Cunqueiro mellor podía deixar voar ese afán experimentalista, totalmente ceibe. E, estes poemas, dan unha imaxe da poesía de Cunquiro moi moderna, tremendamente moderna, ademais de contaren cunha calidade poética moi salientábel, como é lóxico, pois non ía traducir medianías. Nunha primeira lectura desde Cunquiro XL xa detectamos continuidade temática co resto da súa obra, por sinal, no recurso á itinerancia. Que existan eses poetas, aos que eu denomino heterónimos, está por demostrar. Mentres iso sexa así, e cónstame quen realizou procuras ben fondas e eu mesmo tamén o tentei con algúns, e sexa posíbel establecer continuidades temáticas…debemos pensar que é o propio Cunqueiro, a través doutros heterónimos (AL -Álvaro Labrada, seguramente-, MMS, CX e algúns sen autoría), quen é o verdadeiro autor. Falei da continuidade temática, que existe, e dei un exemplo, mais tampouco é imprescindíbel, a meu xuízo. O que si non podo deixar de indicar, de repetir, é que este, método fabulatorio de Cunqueiro, permitíalle unha grande liberdade de experimentación formal, habendo mesmo algún poema onde a estrutura narrativa resulta indelébel (como o segundo, o de Phyllis Mac Calvert, “O cabalo no seu escano” (18)). Dixen algún e debería dicir moitos, porque a hibridación xenérica (prosa-verso) case sempre está presente. Por iso insistimos en que o seu grande poder fabulatorio tamén é posíbel certificalo nestes poemas. Poder fabulatorio, tantas veces atribuído unicamente á prosa.

                     Alén disto, tamén é necesario editar dunha vez o corpus poético traducido de poetas reais e existentes. Só así  poderemos ter unha imaxe que se achegue á realidade do poeta que é Álvaro Cunqueiro. Unha imaxe xusta. Xa abondou con Manuel Antonio e o seu coñecemento parcial durante décadas, que non pase o mesmo con Cunqueiro, don Álvaro.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s