crítica de NON TE AMOLA!, de Xela Arias, en Galaxia.

XELA, ETERNA XELA…

Tíulo: Non te amola!

Autota: Xela Arias

Editorial: Galaxia

Vostedes xa saben o coidadoso que adoito ser cando se trata de edicóns póstumas. E asegúrlles que esta vez tampouco deixei de selo. A aínda que me gustaría que a publicación contase cun limiar onde se nos explicara cando Xela Arias escribiu esta obra, digo ben alto e ben claro que non se trata dunha publicación oportunista (por estarmos no ano de Xela Arias, calquera cousa inédita é un tesouro editorial) senón oportuna, necesaria e imprescindíbel. Oportuna. Necesaria. Imprescindíbel. Oportuna porque, cando mellor que no ano das Letras Galegas Xela Arias para dar a coñecer esta non tan pequena xoia? Necesaria porque nos amosa unha Xela Arias narradora, narradora moi competente, que vén engadir a faciana narrativa á poética xa coñecida. Imprescindíbel porque se trata dunha non tan pequena xoia; de primeiras semella un texto breve, certamente non é longo, mais tampouco é tan breve, entre outras cousas -que logo veremos- tamén porque a competencia narradora de Xela nos conduce a unha lectura moi atenta, na cal cada palabra, cada frase, cada oración, cada parágrafo, cada capítulo…é lido cun horizonte de expectativas tremendamente alto, que sorprende pola proximidade que acada coa persoa que le, que se instala en nós e non somos capaces senón de agarimar esa lectura, emocionada e emocionante.

                     Non quero pecar de esaxero, e non creo que o faga, se digo que este é un discurso á altura doutros textos icónicos e clásicos onde se nos presenta a vida través dos ollos infantís, neste caso dunha cativa, que resultan narradores. Xa lles digo que formalmente non se trata de ningún texto anovador, no sentido habitual desa etiqueta. En boa parte pode ser considerado como un diario vital, un diario que dá conta da evolución dunha rapaza que ten que enfrontar o paso da vida. Mais non é un diario, se callar tamén podería ser un documento de vida, nos mesmos termos antes mentados. E quizais poida parecer que, manter a mesma personaxe narradora co paso do tempo, co paso dos anos, semelle un tanto artificioso. Porén, non é para tanto, en primeiro lugar porque se trata dunha etapa da vida onde as mudanzas no punto de vista non adoitan ser grandes; e, en seundo lugar, pola xa mentada competencia narradora que exhibe Xela Arias.

                     A Xela que atopamos aquí, é unha narradora rebelde, inconformista, crítica, decidida. Si. Mais tamén é unha unha narradora cariñosa, co corazón aberto á sentimentalidade (que non sentimentalismo) pois descobre vida e dá noticia de afectos. Unha narradora inconformista mais tamén unha naradora que se fai querer desde a inocencia propia dese tempo vital, desde esa primeira ollada tenra, tenra mais crítica, non se esquenza que se o libro comeza con nove anos e de xeito experimental (“Agora na primavera fixen nove anos. Son moitos para non procurar nada de proveito na vida, así que vou escribir un libro”) tamén remata cunha conclusión clarísima (“Porque cando as cousas están mal hai que cambialas. E neste mundo é claro que non todo vai perfecto.”).

                     Confeso que mesntres lía o Non te amola! de Xela Arias, na miña mente non deixaba de rebulir O pequeno príncipe de Antoine de Sait-Exupéry. Son obras moi distintas, abofé, mais a capacidade narrativa para chegar, para tocar as cordas do corazón de que le…é a mesma. Resulta imposíbel ler o texto de Xela sen nos deixar de sentir emocionados, conmovidos, pola visión, polo punto de vista emocionado e emocionante mais tamén crítico e inconformista mais tamén femimista (reclama a maioría de idade das mozas a unha idade máis temperá que a dos mozos, pois fisica e mentalmente medran antes) que nos leva da man a través da lectura.

                     Pouco máis se pode pedir dunha lectura destas características: que emocione e abra os ollos de quen le. Sendo por iso unha lectura intemporal, unha lectura para calquera idade, pois sempre ha ser unha lectura de proveito.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s