crítica de COMO A RODA DO MUÍÑO, de Suso Lista, en Edicións Embora

ENTRE ESPERPENTO E REALIDADE OU A DISTOPÍA DO REAL

Título: Como a roda do muíño

Autor: Suso Lista

Editorial: Edicións Embora

O esperpento constitúe unha estratexia narrativa moi complexa e completa, pois ten que ver tanto coa plasmación no texto (aspecto formal) como coa propia concepción do narrado (contido), e á vez sitúase entre a deformación grotesca “humorística” e a máis seria das advertencias sobre a realidade; provocará riso (amargo, doloroso, tamén xenial) mais esa é unha provocación feita como necesidade reflexiva e produto dela. Isto é o primeiro que quero dicir.

                     O segundo: que ler sempre te habitúa a atopar discursos realmente estraños, diferentes;e, aínda que un estea ben acostumado a iso…sempre hai lugar para a sorpresa.

                     Como aquí sucede, con esta novela de Suso Lista, que, unha vez rematada a trriloxóa de realtos curtos (Salseiros, Xeixos, Charamuscas), toma prestada unha personaxe de Charamuscas e a trae desdde Suíza á Galiza seguindo o Camiño de Santiago. Unha personaxe especialmente pedante, totalmente incapaz de atopar compaña que ature a súa verborrea, a non ser un burro, que se converte no seu compañeiro de viaxe, co a cal fala o que quere, co cal conversa e polo cal se sente comprendido. Porén, esta pedantería do protagonista agacha sempre xuízos, opinións, moi cabais, moi a ter en conta. E hai nela o que nos días de hoxe ben poderiamos chamar un “exceso de retórica” que é como para deterse a pensar, deterse a pensar no que se perdeu tanto formalmente como conceptualmente. Unha reflexión necesaria e imprescindíbel posto que o protagonista non é a única personaxe dotada de facultades retóricas, nin moito menos, e, neste punto, cabe salientar que, dentro desa retórica común, as personaxes están ben diferenciadas, configuradas cada unha na súa especifidade retórica, co seu propio rexistro, co seu propio idiolecto, aínda que teñan que compartir cousas comúns á tan mentada retórica.

                     Hai aquí, o seu de esperpento, as personaxes, mesmo as animais, viven nunha realidade alternativa, tan literaria como reflexo do mundo actual, ese mundo rural e mariñeiro que imos perdendo, que está sen estar estando. Iso si, sen  nunca deixar de ser ficción, a interpretación realista a partir do texto esperpéntico é iso, interpretación a partir de. E tamén ten o seu quiñón de surrealismo nestas “aventuras e desventuras” dun suízo que retorna á terra dos seus pais, e que contrasta o que coñece “de oídas” co que vai atopando polo camiño, co seu saber cultural e co que vive unha vez chegado á Galiza.

                     Quen se anime a ler esta novela de Suso Lista, pode estar segur@ de que vai ler un discurso que non se parece a case nada do que teña lido anteriormente. Si, hai veces que lembra “algo”, a picaresca. Si, hai veces que lembra “algo” esa parella inmortal, Alonso Quijano-Sancho Panza, coas súas diferenzas evidentes. Si, hai veces que se parece a….mais ningún parecido ou sospeita de parecido resulta realmente importante e decisivo, pois a novela de Suso Lista só se parece a si mesma, definitivamente.

                     Iso si, cómpre advertilo, esta non é unha novela para ler con présas (cousa nunca aconsellábel), esta é unha novela na que hai que disfrutar desa retórica “pedante”, do exceso verbal ( e pensar se en realidade esa pedantería retórica non é preferíbel á rapidez, ao vértigo comunicacional actual, onde xa se substitúen palabras por representacións gráficas). Require unha lectura sosegada, que acompañe as personaxes e que permita ser acompñad@s delas. Por sinal, non deixa de ser “curioso” que unha personaxe chegada de Suíza coñeza aspectos relativos á historia da Galiza que moit@s galeg@s pasan por alto. E como é unha novela moi crítica coa realidade actual, tampouco queremos deixar de comentar a “musealización turística” que aparece no discurso…como un futuro que xa case non é futuro senón que xa está aquí. Punto de vista desde o cal a novela se pode considerar unha distopía, moi crítica, e que leva en si tamén algo de eutopía que as personaxes, dobre todo a protagonista, encarnan.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s