TRES LIBROS PARA MENIÑ@S

TRES LIBROS PARA MENIÑ@S

Títulos: Soños & Na busca de Antón & Como se di?

Autorías: Pere Tobaruela & Ana López Quintela & Lawrence Schimel

Ilustran: Víctor Boullón & Ana López Quintela & Thiago Lopes

Edita: Alvarellos

Foi  onte, mais quedan lonxe os tempos de “a letra con sangue entra”. Eu mesmo aprendín o silabario e as contas no mármore do mesado da cociña. Porén, hoxe, até se escriben libros para meniños que aínda non saben ler, e, se cómpre, plastificados para que non se deterioren coa auga do baño, por sinal. Adoitan ser enredos simples que prendan na atención d@s meniñ@s, mais iso non quere dicir que estean exentos da “beleza da palabra”, nin moito menos, todo o contrario. Un bo exemplo son estes tres títulos que Alvarelos presenta na colección “Verdemar” e dos cales vou dar conta.

                     O primeiro, Soños, é unha colección de palíndromos da autoría de Pere Tobaruela, e ilustrados por Vïctor Boullon. Dos tres títulos este é o único que esixe d@s meni@s que xa saiban ler, por que os palíndromos teñen a súa graza precisamente en que son conxuntos verbais que se len igual de dereita a esquerda e de esquerda a dereita. De xeito que o palíndromo é a figura (deixémolo niso, non entremos por carreiros que nos devíen o camiño) literaria máis difícil de conseguir. Certamente, adoitan ser frases simples, mais iso non implica que cada unha sexa un achádego letresco ben importante pola complexidade que implica. Si, esixe que @ meniñ@ saiba xa algo ler, mais os palíndromos resultan unha estratexia ben divertida para que @s meniñ@s xoguen coas palabras, e iso non ten prezo.

                     O segundo, Na busca de Antón, de Ana López Quintela, presenta o mundo da diversidade sexual como un xogo. Todos os textos, en cada páxina un, están en certa maneira preñados de poesía, e rematan expoñendo preguntas nas cales se inquire se Antón usará panatalón ou saia, por sinal. O resultado é unha descontraída e divertida maneira de ir amosando unha realidade que, cando sexa grande, pode entrañar todo un mundo de dificultades se esa persoa chega a ter probelmas de “disforia de xénero”. Mais non só, porque tamén é unha descontraída e divertida maneira de ensinar a meniñ@s que esa “disforia de xénero” é algo que hai que comprender e respectar e mesmo apoiar nas decisións que se adopten. Eis, logo, un título dotado dunha utilidade social ben importante.

                     E o terceiro, Como se di?, da autoría do xa recoñecido Lawrence Schimel, consiste nunha serie de textos aos cales @ meniñ@ debe responder con “grazas” ou “por favor”. Neste caso, o autor atopou unha ben divertida maneira de axudar na educación d@s meniñ@s. Insisto no de “divertida”, pois é moi importante que a educación e formación d@s meniñ@s responda a eses parámetros. De xeito que aprendan a amar a lingua desde os aspectos lúdicos que esta comporta, e que vaian sabendo que, independentemente da idade que teñan, a lingua sempre estará aí para que xoguen con ela. Que non só xogamos cando nen@s, desventurada é a vida de quen perdeu o xeito se seguir xogando sendo adult@.

                     E, finalmente non podemos deixar de salientar as preciosas imaxes que ilustran os textos. No caso de Ana Löpez Quintela, ela mesma tamén é autora das ilustracións, máis simples que as outras dúas, porén non por iso menso belas. As de Víctor Boullón e Thiago Lopes inavden a páxina, ocúpana, e dentro dela (ou ao lado) figura o texto, nunha estratexia moi fértil neste tipo de publicacións. En todos os casos, ilsutracións ben fermosas.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s