crítica de O PESO DO CEREBRO, de Xesús Constela, en Xerais.

O VALOR DUNHA IDEA

                     Título: O peso do cerebro

                     Autor: Xesús Constela

                     Editorial: Xerais

O valor dunha idea pódese adiviñar, pódese presentir, mesmo se pode acreditar nel unha vez que apareceu polas nosas mentes. Porén, realmente non se sabe o valor dunha idea até que esta se pon en desenvolvemento, até que se leve á práctica. Como neste caso.

                     Xesús Constela matinou en cal pode ser o peso cerebro, feito verificábel, mais tamén na necesidade de reordenarmos o cerebro, de facer unha avaliación das ideas que temos dentro del, amorealas segundo categorías (boas, malas, peores, regulares) e necesidades (urxente, para longo prazo, para medio prazo), e non só iso, senón que fixo diso o motor dunha novela. Si, xa cómpre ousadía para atreverse con semellante reto, e ademais fíxoo de tal maneira que obriga a quen le a contínuas reflexións. Mais volvamos ao inicio, e o inicio é un home, Honorio, un home de idade avanzada, que, de súpeto foxe da casa e da vixilancia da sobriña, vestido con pixama, cun abrigo vermello da sobriña, e calzando zapatillas de andar pola casa. Aí, e durante a novela toda, suxíresenos que meditemos nos coidados que as persoas maiores precisan, nas súas necesidades e entre elas o feito de que  poidan gozar de certa autonomía. Imposíbel non lembrar as Zapatillas rotas de Xavier Quiroga, polo protagonismo da terceira idade. Porén, aquí non hai claros acenos á comedia, ou non tantos coma na novela de Xavier Quiroga. Imposíbel tamén non lembrar a Cara a Times Square de Camilo Gonsar, pois tamén hai un periplo cidadán un tanto azarístico, mais son novelas moi diferentes. E imposíbel tamén non lembrar o esperpento, e aquí si que faremos ben en mantelo sempre presente.

                     A este don Honorio, xúntaselle un cativo que leva unha robaliza como mascota (atada), a estatua dun persoeiro que cobra vida, un nazareno, un par de rondallistas, un parvo de solemnidade… E entre todos conforman un grupo a andar polas rúas da cidade barco. Un grupo certamente pintoresco, no cal as personaxes están moi ben individualizadas desde o punto de vista lingüístico, cada unha posúe un idiolecto propio que as fai inconfundíbeis. E isto resulta ampliábel á sobriña e o seu mozo (Aquí, máis que polo tipo lingua que usan, polos pensamentos que expresan) e tamén aos avós (doutor Herrea e a súa muller). Acerto innegábel de Xesús Constela.

                     Durante toda a lectura resulta moi difícil non pensar na distopía, ou até que punto non estamos lendo unha distopía, ou en cales son os vínculos que entrelazan unha lectura realista da novela con outra distópica. Posibelmente non cheguemos a ningunha conclusión, ou si, mais o importante é xustamente o proceso, o feito de que meditemos sobre iso, sen deixar de ter presente o que antes comentamos sobre o coidado dos maiores. Deste xeito a novela instálase nun interregno, nunha confluencia de estratexias narrativas e mesmo estilístcas, onde iso adquire unha importancia capital.

                     Na novela, a pé de páxina, dúas mulleres rexoubeiras comentan o que lles sucede a estas personaxes, mais ben comentan as relacións que se establecen no grupo, o comportamento duns con outros a partir das manifestacións lingüísticas. A modo de voyeur, resulta complexo non relacionar esta estratexia narrativa en dous planos coa filmografía de Hitchkock, que sempre xogou tamén con este concepto. Como se ve, outra confluencia máis. Despois chegará o momento en que estas rexoubeiras en segundo plano, a pé de páxina, cheguen a ocupar o protagonismo enteiro e ocupen xa toda a páxina.

                     A todo isto, hai unha personaxe máis na comitiva da que aínda non falamos, un vello petrucio de principios do século XX. Esta personaxe está directamente tomada do parrafeo Mal de moitos, de Eugenio Charlón Arias e así se recoñece na novela. Xesús Constela non fixo como outros que plaxiaron O catecismo do labrego, pois non recoñeceron a procedencia da páxina inserida. E hai que dicir que Constela tíñao moito máis doado, pois este parrafeo non é tan coñecido para quen le e podería pasar desapercibido.

                     Do que pensan as personaxes da comitiva, centro da novela, observarán que non lles comentei nada. En realidade, iso ten unha importancia ben relativa, aínda que o clasismo social é ben patente, porque o que realmente importa na novela é o mundo de reflexións que provoca, tanto temáticas como relativas á peculiar estratexia narrativa en que se manifesta a novela. E é de aí, do entrecruzamento entre a temática relativa aos coidados a maiores, da importancia das lembranzas neste contexto, do clasismo asumido ou da prepotencia clasista, do valor do silencio, do trato que tamén lles deparamos aos cativos…o entrecruzamento de todo isto coas diferentes confluencias de tácticas narrativas que antes debullamos, aí é onde radica o verdeiro valor da novela. Niso e no rico mundo de reflexións que, con moi pouca cousa, nos provoca. Por sinal. a disolución da esencia humana no caos posmoderno. quiáé desde aí desde onde mellor se pode entender a novela, o discurso, o tipo de personaxes, a súa idiodincrasia…mesmo a forma da propia novela.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s