crítica de INSTRUCIÓNS PARA MATAR UN OSO, de Suso Bahamonde, en Belagua.

OS RELATOS DE SUSO BAHAMONDE

Título: Instrucións para matar un oso

Autor: Suso Bahamonde

Editorial: Belagua

O primeiro é indicar, por se houber posibilidade de equívoco, que non se trata do noso cantor, exiliado e fiando en 2000, aquel era Suso Vaamonde. Este Suso Bahamonde vén sendo coñecido e recoñecido como un dos poetas que impulsaron o Batallón Literario Costa da Morte. Esta é polo tanto a súa estrea na narrativa “ quen sabe se a derradeira” ( se di na orella). En todo caso representa unha boa mostra da actividade cultural e literaria que se desenvolve na Costa da Morte, e unha ocasión única para nos achegar á produción en prosa dun poeta. E se alguén ambicionase ver restos ou presencias da poesía nestes nove relatos, a non ser algunha coincidencia temática, a non ser algunha concomitancia no punto de vista, xa anunciamos que non, que non hai nada máis alá.

                     Os nove relatos preséntannos unhas personaxes desesperanzadas, habitantes dunha sociedade determinista que condiciona as súas poisbilidades de manifestación vital, e por iso son seres atrapados, a deambular por un tempo e por un espazo que son variábeis, que poden mudar relato a relato -o único que non varía é a condición indicada. Nada novo baixo o sol, pode pensarse, tamén erradamente porque nestas personaxes (tópicas se se quixer) sempre aniñan características propias, inalienábeis, individualizadoras. E no mesmo título de Suso Bahamonde atopamos exeplificación ao caso. Por sinal, no é o mesmo a personaxe de Anyra Keller, aparentemente triunfadora mais que fai da súa frustración vital actos de tipo altruísta, que o protagonista anónimo do relato que segue ao de Anyra, que é un relato, moi breve e intenso, da historia dunha vida coma calquera outra, e que se suicida ao decatarse (interpreta quen le) precisamente do anódino do seu existir. Son dous casos, diferentes, moi diferentes, mais sempre desde ese sentimento de perda vital.

                     Como é de agardar os relatos son moi diversos xa en canto á factura, atopándoos moi breves (como o xa sinalado) e outros de meirande extensión, mesmo tamén seriados, como que dá título ao  libro. Tamén os hai  onde a presenza onírica parece dominar o relato, mais hai que advertir que o onirismo tampouco é ningunha solución á perda vital. Como sempre nestes casos, quen lea escollerá aqueles que meirande impacto lle produciron, porque o certo é que ningún deles deixa indiferente. Desde a óptica crítica sempre se adoitan salientar aqueles que esixen unha meirande elaboración, aqueles que conteñen unha estratexia narrativa máis complexa. Porén, que  posúan unha narratividade máis complexa, só indica que o narrador é hábil á hora de crear estruturas complexas, e quizá o efecto producido por estes relatos ( que tendemos a considerar “máis difíciles” de elaborar, e non sempre é certo) sexa meirande xustamente por iso, porén nada disto quere dicir que os relatos máis curtos, máis simples (en aprencia, porque non é a lonxitude narrativa signo de dificultade maior, tantas veces resulta ao contrario) produzan un efecto menor en quen le.

                     Desde aquí, nós, que saudamos esta irrupción dun poeta na narrativa, quixeramos que esta non sexa a derradeira vez, como se di na orella o libro. Primeiro porque este título de presentación só é un pequeno indicativo do que pode dar de si este novo narrador. E en segundo lugar porque o paso da poesía á narrativa adoita premiarnos con narradoras e narradores moi competentes, de tremendo atractivo lector e que saben atopar voces narrativas propias..

                     Non perdan, pois, esta ocsión de achegarse á primeira experiencia narrativa dun poeta, de Suso Bahamonde.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s