crítica de A VIDA SECRETA DE ÚRSULA BAS, de Arantza Portabales, en Galaxia.

QUEN É QUEN ?

Título: A vida secreta de Úrsula Bas

Autora: Arantza Portabales

Editorial: Galaxia

Temos aquí o último romance de Arantza Portabales, de quen aínda lembramos Beleza vermella (2019), discurso policial que homenaxeaba a Ágatha Christie (1980-1976), autora hoxe un tanto esquecida mais que segue sendo moi lida e estimada polo@s amantes do xénero. Do xénero, palabra fundamental nesta nosa crónica libresca. Porque A vida secreta de Úrsula Bas, insírese no mesmo xénero policial. Policial, que non negro. Está na moda rotular os romances policiais como negros, porén isto non deixa de ser unha estratexia de marketing que se mantén despois do éxito de vendas acadado polo anterior enredo protagonizado por Abad e Barroso, inspector e subinspectora que repiten neste novo caso.Agora trátase de esclarecer a desaparición dunha afamada escritora, Úrsula Bas. E non lles contarei moito máis. Só lles direi que, como adoita acontecer neste tipo de discursos, as investigacións parece que non avanzan, e que, canto máis saben Abad e Barroso, iso non lles evita a sensación de que non adiantaron nada. En definitiva trátase da vella estratexia policial na que a quen le se lle transmiten as dúbidas da parella protagonista sobre quen é quen e quen pode acabar sendo culpábel. Sen dúbida, isto é o mellor do romance, a base a partir da cal se establece a sorpresa do remate, porque esa é esixencia xenérica imprescindíbel.

                     Dixemos xénero policial e non  negro. E é unha mágoa que non sexa un enredo negro,  porque de selo estariamos a falar dun romance no que se presta atención preferencial á configuración psicolóxica das personaxes, sobre todo das personaxes que poden ser culpábeis, pois esa é a razón de ser do xénero negro, cousa que aquí non acontece. As personaxes ven e senten, mais a configuración psicolóxica non afonda senón que se mantén no mínimo imprescindíbel. Quen mellor parados saen son precisamente Abad e Barroso, pois esa relación entre un maltartador arrepentido e unha moza que foi nai de moi nova e traballan xuntos, dá moito xogo, no cal se denuncia a dificultade das mulleres para seren consideradas en igualdade de condicións dentro dun estamento policial onde os homes se seguen manifestado “sobreprotectores” no mellor dos casos. Do resto, trátase de personaxes sospeitosas que só no remate evidenciarán algo de fondura psicilóxica.

                     O enredo ten como escenario principal Santiago de Compostela. Non único, pois Cambados, Esteiro (Muros) ou Proendos (Sober), por sinal, tamén están aí. E, cando dicimos escenario, dicimos que son os lugares nos que se desenvolve este novo caso. Escenarios dos que resulta unha mágoa que non se atendera máis e mellor os ambientes que representan. Por sinal, cando se vai tomar unha cervexa ao Airas Nunes, ou ao Atlántico, de Compostela, non se vai só por acalmar a sede, iso podería facerse en calquera outro lugar; o mesmo hai que dicir da Casa de Xantar O Dezaseis. Porén, aquí só son lugares de paso, e un aceno, unha chiscadela  a lectoras e lectores galegos que xa os ocoñecen e se moven neses ambientes. Alén diso, hai un escenario en particular, o soto onde está recluída Úrsula Bas, nunha casa d¨A Uhía (un dos barrios de Esteiro), das que están da beira da praia, resulta un tanto estraño que Úrsula non sentira o ímpeto das ondas do mar de maneira ben clara e decidida, moito máis nos meses en que se desenvolve o enredo.

                     E, se xa en Beleza vermella advertiamos dunha lingua moi mellorábel, aquí temos que volver insistir no mesmo. “Joder”, “de puta madre”, “cojonuda”, “polvo”, por sinal, son castelanismos que, quen non saiba evitalos é mellor que non escriba, iso non é o seu. A iso hai que engadir a onomástica híbrida. Solucións léxicas ou fraseolóxicas como mínimo discutíbeis (ese “orballo lento e fino”, a “bruma”…) ou castelanizantes (“sairse coa súa”, “ a alegría da horta”). E repetimos o que antes dixemos. Porén isto non  é nada comparado co maltrato que se lle dá ao uso do pronome persoal átono. Simplemente non lembramos outro discurso con tantas confusións entre obxecto indirecto e directo (“che”, “lle” por “te” ou “o”/”a”, e non só…). Iso repítse máis de vinte veces nunha novela de 440 páxinas, para que teñan unha idea da frecuencia. Como xa saberán este é un deses romances que se publican á vez en galego e en castelán, haberá tal maltrato lingüístico na versión castelá? As lectoras e lectores galeg@s serán menos cós da versión castelá, mais por moi pouc@s que sexan merecen un mínimo respeto. Que quede claro.

ASDO.: Xosé M. Eyré

3 opiniones sobre “crítica de A VIDA SECRETA DE ÚRSULA BAS, de Arantza Portabales, en Galaxia.

  1. Hoxe rematei de ler o libro. Eu non criticaría á autora por usar joder, polvo, etc. Son castelanismos, si, pero están en cursiva, a autora usaos a mantenta, é consciente diso. Creo que todos os que nos expresamos en galego usamos esas expresións na fala cotián.
    Concordo en que as descripcións dos escenarios é insuficiente e moi mellorable. Por exemplo, no caso de Proendos e no desenlace da historia, paréceme pobre e precipitada, pouco traballada. Cando na páxina 430 escribe que Abad e Barroso “aparcaron á entrada da aldea” está claro que no coñece Proendos. Proendos non é un pequeno pobo castelán de 40 casas, todas xuntas á beira dunha rúa central, unha igrexa e unha praza. Proendos como a maioría las parroquias galegas componse de núcleos diseminados de casas que distan entre eles, as veces, varios km. Se non se posúen datos máis concretos de ubicación é complicado atopar unha casa. Entón, en que entrada aparcaron? A entrada de Francos, de Mer, de Villastrille???? O dito creo que estes aspectos había que traballalos máis.
    Un saúdo

    Gústame

    1. Non toda a xente usa eses castelanismos. Levo moito tempo relexionando sobre a argucia de poñelos en cursiva como estratexia para qu enon os critiquen, eparécme unha estratexia máis de substitución lingüística. Do resto, concordo contigo. Na crítica referinme á Uhía (que en relaidade debería ser O Portiño, porque a Uhía non dá ao mar, non ten praia) porque o coñezo melllor, mais tamén me chocou o de Proendos. Como a crítica é negativa, moi negativa, non quixen cargar demasiado “as tintas”. Daquela, hoxe non dubidaría ne facelo. Grazas polo comentario, Raposo.

      Gústame

Deixa unha resposta a Helena Villar Janeiro Cancelar a resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s