PONDAL, PROTAGONISTA

Título: Fillos do sol

Autor: Cándido Pazó

Editorial: Galaxia

A maxia do teatro é tal que aínda sabendo que o contido vai resular previsíbel…nada enloda a ilusión coa que encetas e rematas unha nova obra. E máis se é teatro para ler, pois obriga a traballar á imaxinación. E máis se o autor é Cándido Pazó. Non imos descubrir agora a importancia que Candido Pazó ten nos nosos escenarios. Abonda con recoñecela e dicir que sempre presenta propostas altamente gratificantes. E este tamén é o caso.

                     Se houbo un tempo en que Eduardo Pondal gozou da máxima estima como poeta, hoxe, por razóns estritamente extra-literarias, parece que a súa estrela se apagase e, se non demonizado, si foi apartado da primeira liña poética por determinada xente, ou, polo menos recluído nun espazo de silencio. Si, Eduardo Pondal foi un home do seu tempo, foi un home do século XIX, con mentalidade do seculo XIX e esixirlle que actuara con outro ideario é inxusto e tamén insensato. Desde este puto de vista, a reivindicación da fiugra poética de Eduardo Pondal parécenos moi ao xeito. Non cabe dúbida de que foi un grandísimo poeta e agachar a súa poesía resulta tan inxusto como insensato, repetimos.. A beleza non se pode proscribir, cando iso pase estaremos máis mortos. E, se foi cultor poético de primeiro nivel, esixirlle que o seu comportamento vital fose o dun adiantado social, debe ser moi ponderado ou boa parte d@s escriotres e escritoras, de ideario máis que sospeitoso, quedarían fóra da literatura por razóns extra-literarias..

                     Aquí, Cándido Pazó preséntanos o poeta perfeccionista, obsesivamente perfeccionista, con don Eduardo, mentres outro Eduardo novo dialoga con el. No que é unha sorte de confrontación entre o poeta novo e o xa ancián que se resiste a  dar por finalizada a redacción de Os Eoas. Autores formalistas houbo moitos máis (iso non quere dicir que sexa a opción máis frecuente), véñeneme á cabeza Dylan Thomas, Juan Ramón Jiménez ou mesmo Octavio Paz… E todos se caracterizan polo mesmo, pola obsesión en escribir e reescribir textos até que consideran que deron coa versión definitiva, a que xe non pode ser puída literariamente máis. Cómpre, para iso, posuír un espirito especial, absolutamente especial. Gonzalo Navaza ben pode testemuñalo, por sinal, demostrando que o formalismo non é algo pasado senón que segue praticándose hoxe en día.

                     Os Eoas, onde se dá conta da descuberta de América por parte de Cristovo Colón, non é a obra máis popular de Pondal aínda que si  a máis ambiciosa. A pregunta e esta: que fai un poeta galego, prócer do iberismo e da liberación nacional, escribindo sobre unha xesta castelá? Pódense dar moitas respostas. Neste intre, a que nos pasa pola cabeza é esta: imaxinen o que pensarían os casteláns ao saber que a súa magna descuberta está cantada nunha lingua diferente e aínda por riba en galego, coa minusvalorización que padecía ( e aínda padece) a nosa lingua.

                     Cömpre dicir que hai dúas personaxes máis. Unha que ten escenas, Rosa, moza de servir, que testemuña a popularidade a grande afecto que se tiña por Pondal no momento; e a dona do establecemento hostaleiro onde se hospedan, que só é unha personaxe referencial. Porén é a interacción entre o Pondal novo e o Pondal xa ancián o que realmente interesa. E xa digo, non é, polo menos na miña opinión, que vaiamos descubrir nada novo. Nin se pretende, fóra da  compoñente humana que toda peza teatral trae á luz, e do obesivo perfeccionismo estético, do formalismo, que caracterizou a Pondal.

                     Esta peza, que rescata Galaxia, foi estreada en 2017, no Pazo de Cultura de Carballo e escrita desde a suxestión do Festival Internacional Outono de Teatro e a Fundación Eduardo Pondal.

                     E, a pregunta, xorde inevitablemente: quen reclúe no silencio a obra de Eduardo Pondal, que farán cando toca cantar o Himno Galego?

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s