crítica de DFW NAS PROFUNDIDADES DA TRISTEZA INFINITA e AS CANCIÓNS QUE LLES CANTABAN AOS NENOS, de Raúl Dans, en Laiovento.

DÚAS PROPOSTAS DRAMÁTICAS DE EXCEPCIONAL CALIDADE

Títulos : DFW nas profundidades da tristeza infinita & As cancións que lles cantaban aos cativos

Autor: Raúl Dans

Editorial: Laiovento

Se ter nas mans unha  peza dramática de Raúl Dans é unha regalía, ter dúas xa nin lles conto.

Porque Raúl Dans non é un autor dramático calquera, senón un dos mellores autores da nosa historia teatral. E non é primeira vez que dicimos isto, isto que a súa traxectoria avala e confirma. Por iso, antes de entrar en fariña, queremos deixar unhas palabras ponderando e parabenizando a colección teatral de Laiovento. Non só era unha unha necesidade e urxencia, pois a edición teatral está baixo mínimos, senón que para @s amantes do teatro se converte nunha referencia imprescindíbel. Hai que recoñecelo e valorizalo.

                     Das dúas pezas dramáticas que compoñen este volume, permítanme que comece pola primeira, non por seguir algún tipo de orde ou preferencia, senón porque da segunda xa no seu momento escribimos… o que aprobeitaremos para actualizar un texto de moi difícil acceso, senón imposíbel..

                     DFW nass profundidades da tristeza infinita é unha proposta teatral absolutamente arriscada e que racha calquera convencionalismo no eido da dramaturxia.. En casos coma este, dicir que se trata dun texto híbrido é frecuente, mais, neste caso polo menos, inexacto. Explicámonos. Non hai dúbida de que o texto é teatro, teatro pouco convencional, nada convencional O mesmo autor é consciente e reflexiona sobre iso. Certamente existe unha apropiación de recursos narrativos, mais é unha apropiación dramática sen ningún tipo de dúbidas, inclusive nas ocasións máis arriscadas, esa é unha das razóns polas cales desconfiamos do  “hibridismo”. E, contraiamente á apropiación, tamén existe unha “desapropiación” (perdón polo palabro, mais define moi ben a situación), trátase da “desapropiación” da autoría. Quen é o verdadeiro autor desta obra? Non imos desvelar máis nada desta cuestión, mais non podemo deixar de dicir que esa pregunta conleva unha reflexión sobre a arte teatral e literaria, sobre a concepción dos enredos. Que non é nova nin a primeira (xustamente hai 100 anos da inesquecíbel proposta de Pirandello) nin será a derradeira, alén de que a forma en que se fai esa reflexión tamén singulariza este título de Raúl Dans, mais para iso teñen que seguir lendo.

                     Escribir teatro dentro do teatro sempre é un reto, un desafío, pouco frecuente e moi atraente e esixente. Desde o punto de vista da posta en escena require un nivel interpretativo, expresivo, e evocador, maiúsculo, pois a personaxes teñen que referirse a unha acción que non está en escena, por iso falamos de teatro dentro do teatro. Non resulta nada sinxelo, a nivel interpretativo, trasladar actos que non están en escena. Desde o punto de visto de quen le, resulta máis doado, e á vez extraordinarimente atraente porque durante a lectura un/unha é consciente desa dificultade. Porén, Raúl Dans resolveu con extraodinaria pericia este reto, incluíndo, combinando acción que está en escena e acción que non está en escena. Alén diso, e por continuar cos retos que esta concepción teatral a-convencional afronta, aínda hai outro que tamén merece comentario, referímonos á case ausencia de acoutamentos (case ausencia por que, xa conta o remate, algún hai, mais só algún), de xeito que son as propias personaxes as que indican a maneira de actuar unhas das outras.

                     É dicir, falamos dunha concepción teatral nada común, moi arriscada, resolta cunha pericia dramática abraiante, non se nos ocorre cualificación máis acaída e xusta.

                     Agora é ocasión de contramos algo sobre o contido. DFW son as iniciais de David Foster Wallace. Quen foi David Foster Wallace? Pois é, aínda é, un dos autores máis interesantes da nova narrativa (a narrativa actual) estadounidense. Unha personaxe peculiar, que sempre abalou entrre problemas psicolóxicos que o mergullaban nunha tristeza infinita, até que decidiu suicidarse, até que se enforcou. Os problemas psicolóxicos, que aínda son tabú social malia seren unha enfermidade máis, tamén se van abrindo camiño na expresión literaria. Xa temos comentado na narrativa. Agora é o momento do teatro. Ao seu carón, outro autor (un chisco máis novo) que tamén aparece na obra é Jonathan Frazem. Os encontro e parlamentos entre ambos axudan a afondar no problema da creación literaria, que xa a proposta de Raúl Dans traslada a quen le, de primieras e ao longo de toda a obra. A este respecto, no texto teatral de que falamos suxírese, até certo punto insistentemente, a comparanza co acto sexual, no que se refire a acadar a éxtase (no sexo como na propia creación literaria) e despois caer no baleiro. Este é outro motivo usado con extraordinaria pericia (xa ven, outra vez a mesma palabra) por Raúl Dans, pois o autor deixa a suxestión no ar para quen quen le/ve reflexione.

                     Outra peza dramática excepcional de Raúl Dans. Gózena, disfrútena, en toda a súa intensidade, en toda a súa complexidade (que nas liñas anteriores tentamos reflectir apresuradamente), en toda a súa magnitude.

                     E, vaiamos co segundo título, As cancións que lles cantaban aos cativos, Premio SGAE de Teatro na súa XXIV edición. Presntada na súa tradución ao castelán, xa na Revista Galega de Teatro se publicou a versión orixinal, e dela escribos o que a continuación recuperaremos, pois desaparecida Blogaliza xa é moi difícil ( se posíbel) atopar dito texto. Só engadir que esta se considera a versión defintiva e orixinal. Só engadir que oxalá na narrativa eistise unha conciencia e proceder similares aos de Raúl Dans. Agora si. Copio a crítica que no seu momoento fixen de AS cancións que lles cantaban aos cativos.

“Nun contexto onde a novela é o xénero protagonista, o resto sobreviven como poden. Entre eles a dramaturxia, que xa ten problemas á hora de darse a coñecer, e non por falta de calidade senón por culpa dunha pésima educación lectora promulgada non só desde as instancias oportunas senón tamén e sobre todo desde os medios de comunicación. Un dos métodos empregados é o da autotradución, para gañar fóra un prestixio que “obrigue” a publicar a versión orixinal. Como no caso que nos ocupa, malia Raúl Dans ser un autor de consolidada traxectoria e prestixio como para que isto non fixera falta. As cancións que lles cantaban aos cativos, na súa versión en castelán, recibiu o XXIV Premio SGAE de Teatro Enrique Jardiel Poncela, así que asistimos á lectura da versión orixinal. A versión orixinal dun drama tráxico. O autor atrévese nada menos que co difícil, co espiñento tema de ETA, incómodo e esvaradío.

                     Catro personaxes lle son necesarios ao autor de Unha corrente salvaxe para conducirnos ao drama de procurar un lugar no mundo. Porque iso é o que fan Miguel, Brais, Amaia e Rosalía. Procuran o seu lugar no mundo e atópano na traxedia, ela é a que une dúas familias que de non ser por tal non terían contacto ningún. Procúrano ou simplemente deixan que este chegue. Quen lle ía dicir a Rosalía que o seu ía estar ao lado de Jon, activista de ETA e asasinado polos GAL? Porque Miguel e Rosalía acaban atopándoo, o que sucede é que non lles dura nada, coma se un fatuum os condenara a estar sos, a perder o seu lugar no mundo, a enfrontar o mundo desde a soidade. Amaia e Brais ( ela filla de Rosalía e el fillo de Miguel) aínda están a tempo, mais a situación xerada entre ambas familias tampouco é que lles axude precisamente. Cabe mencionar aquí a habilidade do autor para dotar as personaxes de carga dramática que, pouco a  pouco, vai desenvolvendo até acabar en traxedia. Iso acontece aquí. Rosalía, de novo en liberdade despois de vingar o asasinato de Jon, envía unha carta a Miguel, afectado porque no acto de vinganza tamén hai un dano colateral, a muller de Miguel e nai de Brais.

                     Resulta absolutamente inxusto que o teatro sexa o xénero menos favorecido á hora de ler, porque é o que mellor transmite e modula a tensión do enredo. Cousa da que nos temos queixado innúmeras veces e que hoxe tampouco podemos deixar pasar. Desde a primeira páxina sentimos o drama da droga instalado na vida de Amaia, e aínda descoñecemos todo o que ha de lle vir enriba, noutra dirección temática. Mentres, pouco a pouco, imos asistindo a como Brais tampouco está libre del, ese fatuum que nos fai nadar contra corrente toda a vida. Trátase de vidas rotas, vidas que nalgún momento escacharon polo aire e agora imos saber o por que. En realidade, estas vidas rotas son moi do teatro de Raúl Dans, sempre na procura da densidade dramática, que remata atopando nesas personaxes á procura do seu lugar na vida, un lugar que non ten porque ser un onde, que tamén pode ser un con quen. Aquí tamén. Amaia e Brais aínda son novos, é lóxico que procuren o seu lugar no mundo, porén non saben que este ha estar condicionado por algo que fixo Rosalía, que lle afecta directamente a Miguel e tamén a eles individualmente, cada un polo seu lado son tocados polas zarpas impiedosas da traxedia.

                     O rexistro lingüístico de cada personaxe está moi coidado, de maneira que as personaxes resultan moi críbeis. E tamén é de salientar o tino co que Raúl Dans conduce un tema nada doado como é o de ETA, un tema con moitas feridas abertas, como o propio texto de As cancións que lles cantaban aos cativos demostra. Máxime nunha peza non climática como é esta. Porque o autor, o que fai e envolver a traxedia no drama, malia todo iso non é posíbel ler a obra sen rematar sentindo o  desacougo que as personaxes transmiten. Un desacougo que elas levan consigo e tamén está reflectido no escenario partido, cun xogo contínuo de luz sobre unhas persoaxes que pouco despois rematan na sombra, á vez que lle dan entrada a outras. Unha escenografía simple mais moi efectiva, onde importan sobre todo as personaxes e o decorado non é máis que un auxiliar complementar e prescindíbel.

                     O enredo transcorre na primavera do movemento 15-M en Vigo e Santiago de Compostela, ademais da que é propia de Eukadi, que nos chega na voz de Rosalía e que nos leva aos anos 80 do pasado século. Deste xeito, o enredo descomponse en dous fíos que avanzan até se entrelazar, no que é o cumio do drama, alí onde o drama se volve traxedia.”

                     Agora que leron as dúas críticas fíxense nun motivo que as une e que  queremos salientar. Nas dúas existe “a procura dun lugar no mundo”, iso que, con plena consciencia ou con plena inconsciencia, temos que facer tod@s polo simple feito de vivir.

                     Se un título dramático de Raúl Dans é unha festa, imaxinen dous…

ASDO.: Xosé M. Eyré

Unha opinión sobre “crítica de DFW NAS PROFUNDIDADES DA TRISTEZA INFINITA e AS CANCIÓNS QUE LLES CANTABAN AOS NENOS, de Raúl Dans, en Laiovento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s