sobre A VELOCIDADE CRÍTICA, de Ramón Caride, en Embora.

LER PARA CRER

Título: A velocidade crítica

Autor: Ramón Caride

Editorial: Edicións Embora

A xente ten un problema de visíón, e, polo tanto un problema de percepción da realidade que a rodea, xusto cando a súa contorna expandiu límites agrandando horizontes até xeografías e culturas que hai décadas parecían non máis que exotismo. Non se trata dun problema de presbicia. Ou si. Ver, na función ocular, non se advirten problemas. Onde está o problema é que só ve parte da realidade, porque é o que lle amosan, porque é o que lle ensinan a ver, ou sinxelamente porque lle é o máis cómodo. Por iso precisa de quen lle forneza unha perspectiva cabal, e sen omisión interesiras, da realidade na que vive. De aí o título destas liñas librescas. Ramón Caride ofrécenos, máis outra vez, un título que nos axuda a conformar unha imaxe,un panorama do mundo que nos envolve, máis xusto. E crítico. Neste caso culmina a triloxía encetada con Terra queimada, contiinuado coas Historias (in)certas e culminado con esta A velocidade crítica que publica Embora, 35 relatos breves, a inmensa maioría non chegan ás tres páxinas completas, que non poden garantir exhaustividade, porque é imposíbel, mais si nos ensinan dúas cousas. Que é necesario o pensamento crítico, imprescindíbel, e que este se debe manifestar de xeito contínuo e veloz, tal e como se nos presenta a relaidade. Alén diso, Ramón Caride non necesita efectistas xogos estruturais, para sorpender, nin adobíos estilísticos para que a forza comunicativa sexa sempre intensa e tensa. Pura mestría narrativa. Porque cando hai algo importante que contar, nada do anterior é imprescindíbel nin necesdario, abonda con contalo. Un dos relatos, “Imaxes  e avoitres”, exemplifica moi ben canto acabamos de dicir, neste caso bota man da fotografía para facernos conscientes da necesidade de ver a realidade sen orelleiras que nos mediaticen a percepción.

                     Xa o dixera Cortázar e Ramón Caride recolle: a literatura debe tratar do insólito, porén que hai máis insólito que a realidade? (engadimos: cando non se nos permitiu/ofreceu a pisibilidade de contemplala en toda a súa extensión). E volvemos ao título destas liñas. Ler para crer. E non crer antes de ler. Pois a lectura permite e estimula o sentido crítico, que a vertixe en que se nos ofrecen as noticas do exterior (a nós) imposibilita e terxiversa. Nos 35 relatos deste volume tócanse temáticas que  van desde aspectos científicos, artísticos ou mesmo da realidae cotía, sen esquecer cousas tan evidentes como o fluxo migratorio (sobre o que pairan inxustizas políticas enormes), o acoso escolar ou a reivindicación da muller como ser intelixente, moito máis inteixente do que algúns queren crer aínda que fique en segundo plano. A faciana humanística presente en toda a obra do autor, nin debe ser esquecida nin entendida desde ningún tipo de restricións.. Pura mestría narrativa.

                     Desde o punto de vista teórico-crítico os textos de Ramón Caride achegan unha relación, entre a realidade e a ficción, de liñas difusas, de liñas que se superpoñen e se complementan. Desde este punto de vista cómpre valorizar o que entendemos como reivindicación realismo sen fronteiras. Que nos achamos dentro dos lindes realistas é innegábel. Porén é tanto o que vemos como o que non nos deixan ver, e a única oportunidade para sermos verdadeiramente libres époder acceder ao coñecemento da realidade sen ninguún tipo de fronteiras ou orelleiras interedadas.

                     Ramón Caride, xa coa anterior triloxía ( Exogamia, Endogamia, Singamia) deixou para a historia unha triloxía que só admite comparanza coa final de Álvaro Cunqueiro. Salvas sexan as distancias, o impacto en quen le a Caride Ogando é similar ao de cando liamos a Cunqueiro. Se Cunqueiro nos amosaba personaxes, caracteres, insólitos dentro do que era a realidade humana que nos fora transmitida e tiñamos como referente, neste realismo crítico de Caride obsérvase unha función similar, cunha importante puntualización: estamos no século XXI e a realidade que nos afecta é moito máis ampla e diversa, tamén máis confusa e meditizada.

                     Por se alguén boataba de menos recursos como o humor ou a ironía, que saiba que tampouco faltan. Mais, o importante é que este monllo de relatos non rematen como o primeiro deles, como chamadas perdidas.

                     Por iso, lean e crean. A literatura, cando falamos de literatura da boa, da imprescindíbel, sempre ensancha as fronteiras cognitivas de quen le, senón é puro pasatempo prescindíbel e momentáneo, casual. Ramón Caride leva moito tempo, moitas décadas, reglándonos literatura sen artificios pirotécnicos, pois xa o dixemos, cando hai algo importante que comunicar está demais calquera forma que distraia a lectura. O seu nome non é dos máis mediáticos, mais, para quen estea ao tanto da evolución da literatura galega actual, o seu nome é imprescindíbel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s