crítica de A CARTEIRA, de Santiago Lopo, en Xerais

HOMENAXE ÁS CARTEIRAS E CARTEIROS

Título:A carteira

Autor: Santiago Lopo

Editorial: Xerais

Se fixeramos unha listaxe das profesións mellor valorizadas pola xente, a bon seguro que estre elas había de estar a das carteiras e carteiros, sobre todo no rural, onde mesmo chegan a ter familiaridade coas persoas ás que lles levan corrspondencia, paquetes etc. Aínda que hoxe o tipo de misivas mudou moito, aínda que hoxe se entregan maioritariamente envíos comerciais, facturas, extractos bancarios e cousas polo estilo…a figura do carteiro ou carteira segue a ser unha presenza agardada con expectación e ansia. Parabéns, pois a esta homenaxe a carteiras e carteiros, que non adoitan ser protagonistas de ficcións literarias nas nosas letras, ás veces aparecen como personaxes secundarias, mais como protagonistas… Parabéns a Santiago Lopo por non deixar caer no esquezo unha das ocupacións laborais máis importantes e decisivas para as nosas vidas. E, con todo, tan en perigo, pois, como se denuncia no romance, o servizo de Correos, década tras década, non cesa de minguar, habendo cada vez menos profesionais para atender cada vez meirande territorio. E que fique ben clara esta denuncia, consecuencia dunha deixadez política e mala xestión que nos trouxo a onde estamos. Ben clara e ben alta. A fin de contas, o primeiro salario que percibiu quen isto escribe, tamén correspondeu á substutución do carteiro que por quel entón, ano ´80, lle correspondía á miña parroquia.

                     Do contido do romance, do enredo que o nutre, case nada lles direi. Só que o protagoniza unha carteira substituta, unha carteira urbana. É desde os seus ollos que descubrimos os diversos escenarios polos que transita e que poderían corresponder a calquera urbe galega. E as diversas personaxes coas que se relaciona e mesmo chega a amigar, ademais dos pormenores relativos á súa función profesional. É doado de imaxinar. O que si lles quero dicir antes de nada, é que o romance está contado en capítulos breves, ou moi breves, de xeito que a lectura resulta moi áxil, téñase en conta que estamos a falar dun título que case chega ás 300 páxinas, e a axilidade na lectura é algo que se agradece moito. Tamén lles quero comentar que as angueiras e dificultades que a carteira ten que ir solventando mentres realiza o seu traballo, son moi verosímiles e dan boa idea das penalidades que estas e estes profeionais sofren cada día. Numeracións “caprichosas”, enderezos equivocados ou persoas que non queren recibir determinada correspondencia… velaí algunha da problemática que día tras día teñen quen enfrontar e solucionar o máis rápido posíbel

                     Alén diso, entremesturados coas incidencias do traballo, aparecen capítulos nos que se dá conta dos soños que ten a carteira protagonista. Estes soños están moi ben inseridos no enredo, de xeito que cando comezamos a lectura dun capítulo que é un soño, case nunca nos decatamos diso, de maneira que ao rematar a súa lectura ficamos sorprendid@s. Na miña opinión, isto é o mellor do romance, pois o enredo, por moito que queremos salientar a súa capacidade denuncia, non achega moita novidade ao agardábel.

                     Porén, o que menos nos gustou é o triste recurso de botar man do castelán para plasmar a diglosia. Triste recurso, porque é o máis doado; e porque en quen traballa coa expresión, como é un escritor, agárdase algo distinto e máis creativo que este hiper-realismo fácil e simple, que, por outro lado, tampouco é tan complicado evitar, de xeito que, por riba, resulta totalmente supérfluo ademais de dar unha imaxe diglósica da lingua vehicular do discurso. E, se ese era un obxectivo autorial….

ASDO.: Xosé M. Eyré

Unha opinión sobre “crítica de A CARTEIRA, de Santiago Lopo, en Xerais

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s