crítica de ALGÚNS CONTOS COMPLETOS, de Domingo Villar, en Galaxia.

UNHA POUSA NO CAMIÑO

Tíulo: Algúns contos completos

Autor: Domingo Villar

Editorial: Galaxia

De cando en vez, facer unha pousa no camiño axuda a reflexionar e, se callar a efectuar reflexións que axuden na convicción do itinerario ou na redifinición deste, porque a escrita é unha contínua viaxe. Son moitas as autorías que reclamaron a andaina, Rousseau, Kant, Hegel, Sartre, Fowles, Nietzche, Adorno, Heidegger, Witgenstein, ou os Peripatéticos e Murakami, Kerouac, Zane Grey e entre e nós Xerado Agrafoxo, Miguel Anxo Murado, Xavier Queipo, ou mesmísimo don Ramón Otero Pedrayo, por sinal e entre moitos maís, foron garndes defensores e practicantes da andaina como método para axudar a pensar. Certamente, este non é caso, esta non é a andaina de Domingo Villar, a andaina a que nos referimos é a que establecen os sucesivos títulos que van tecendo unha obra literara. Domingo Villar é coñecido autor de novela policial, e agora, con Algúns contos completos achega unha nova faciana ao prisma da súa produción literaria mudando de temática e tamén de xénero, xa só por iso esta é unha obra que debe atraer a moitas lectoras e lectores.

                     Unha lacada de ar fresco, unha pousa no camiño, despois de rematar a triloxía de Leo Caldas, como di a información editorial ( a saber se continuará ou non !), estes textos que ás veces o mesmo autor chama contos e outras relatos, reúne discursos que ao longo dos anos foi creando para seren lidos en reunión sociais ou mesmo publicados. Dúas cousas a ter moi en conta: a indefinición convencida que vai do relato ao conto, e o feito de seren concebidos para a oralidade. No primeiro caso (hoxe téndese a incluír o relato como outra forma do conto) temos que dicir que, se ben estes textos obedecen a estruturas pechadas, non hai unha conexión moi evidente entre o inicio e ramate, porén o remate sempre climático deixa esa sensación de estrutura conclusiva. E despois, o feito de seren textos concebidos para seren que toman vida na oralidade, tampouco é para deixar pasar por alto, toda vez que hoxe non  é moi frecuente, aínda que existen autorías que consideran fundamental a dimensión oral do que escriben.

                     Alén diso, os dez textos veñen belamente ilustrados por Carlos Baonza, de maneira que o que temos diante é tamén un libro obxecto, toda vez que non son catro ilustracións senón que acompañan o texto continuamente, propiciando que en moitos casos o texto da páxina sexa reducido e a ilustración ocupen a meirande parte do espazo. Iso disficulta un tanto a conisderación da extensión da escrita, mais, en todo caso non son discursos longos (o  derradeiro é máis grande) posto que a lectura resulta moi áxil e dinámica.

                     De primeiras tamén sorprende a compoñente fantástica ou marabillosa presente nos textos, porque é algo novo. Despois,a medida que vaiamos lendo, esa compoñente deixa de ser tan clara e diáfana, sen por iso desaparecer e estando sempre no  horizonte de expectativas lector. Por demais, querer ofrecer unha panorámica temática uniformizadora, fóra do xa comentado, non é tarefa nada doada. Hai algunha atmosfera que nos lembra a novela negra, como o jazz, por sinal, mais só é iso, lembranza, porque nunca abandonan as coordenadas xa expostas. Cabe dicir, tamén, que, nesta distancia curta, Domingo Villar ofrece algúns textos tan ben argallados que quedarán na mente de quen le moito máis decididamente que as súas novelas. Como, por sinal, é ocaso do “Comodoro Ledesma”

                     Sendo en moitos casos textos de celebración da amizade (tamén resulta “curioso” que non estean adicados ningún deles), o humor e desenfado adoitan estar presentes e mesmo seren fundamentais para o desenlace. Desde o punto de vista lingüístico percíbese certa evolución positiva, aínda segue sendo que algo no que mellorar. E outra volta recunca nunha onomástica híbrida, non galega, que non deixa de constituír un ataque frontal á lingüística nosa. Como frecuentemente os textos literarios adoitan ser fonte de estudo léxico, esta actitude (non só de Domigo Villar) deixará unha imaxe de descomposicón cultural, de decadencia cultural síntoma tanto da situación sociolingüística como tamén do desprazamento que o castelán leva efectuando da literatura galega desde hai séculos e séculos…até que por fin despareza esta ameaza á “unidade nacional”, porque de facto así son percibidas as culturas en lingua non castelá, malia as palabras ocas que de cando en vez tentan afirmar o contrario, os feitos son elocuentes.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s