O ATLETA RECORDISTA e A TERRA SEM MALES, o desasosego humanista de José Eduardo Degrazia, na historia do miniconto brasileiro.

                                                       Por Xosé M. Eyré

Benqueridas lectoras e lectores, a literatura non é un sistema xusto. Nunca o foi, non o é e nunca o será. Mentres auténticas boberías non saen dos titulares dos medios de comunicación, auténticas marabillas fican esquecidas baixo o pó do esquezo. O que sucede, por sinal, con Longo voo de paxaro (Fermín Bouza Álvarez) ou coa interesantísima obra de Antón Risco. E, no Brasil, está acontecendo con O atleta recordista, e A terra sem males,de José Eduardo Degrazia, que van ser o motivo central destas liñas, porén estes son  libros de minicontos e, antes de fixar o albo nas súas páxinas é necesario dicir algunhas cousas sobre o miniconto, e, despois, concretamente sobre a historia do miniconto brasileiro.

1.- Sobre o  miniconto

Violeta Rojo, unha das máis importantes estudosas da minificción, no 2016 deu a lume o estudo La minificción ya no es lo que era: una aproximación a la literatura brevísima . Nel expón que a cantidade cada vez meirande de autorías, tornaron esta practica escriturística nun bosque no cal é complicado atopar as auténticas xoias. De maneira semellante tamén os estudos teóricos sobre os textos brevísimos aumentaron exponencialmente sen verdadeiramente chegar nada novo que non sexa a derivación interna do miniconto desde o conto. Mentres estivo en activo El cuento en red, foi a niña principal fonte de información sobre o estudo das brevidades para escribir o Nin che conto (2009, lembro que pechei, no inicio 2007,  a lectura de fontes bibliográficas), porque chegara un momento en que a moi grande maioría eran estudos sobre a obra deste ou aquel autor ou autora…que me parecía pouco ou nada novo acrecentaban. Desde a desaparicón de El cuento en red, esa fonte inexcusábel creada por Lauro Zavala, no 2016, en aínda xa desde antes, a proliferación de estudos sobre as formas brevísimas, maiormente procedentes de universidades españolas, fixeron do bosque unha auténtica selva de onde se pode extraer, primeiramente a aposta decidida pola nomenclatura como microrrelato. E , en segundo lugar e non menos importante, a antedita derivación interna do microrrelato desde o conto clásico, é dicir: tentativa de incluir dentro corpus teórico crítico clásico esta forma novísima alternativa.

 Francilene Maria Ribeiro Alves Cechimel, que até hoxe elaborou o estudo máis completo sobre o miniconto brasileiro ( a tese O miniconto e a história da minificçao brasileira, 2019) enumera as principais nomenclaturas usadas pola crítica teórica, de xeito que en México se denomina minificción por influencia de Edmundo Valadés e Lauro Zavala, microrrelato en Arxentina e España por influencia de David Lagmanovich e Irene Andrés Suárez e minicuento en Colombia e Venezuela por influencia de Violeta Rojo e Henry González respectivamente. Evidentemente hai máIs países, moitos máis, moitas máis culturas, trátase dunha exemplificación xeneralista. E no respectivo a España, a influencia sería máis ben de Fernando Vals que de Irene Andrés Suárez, posto que Vals, desde hai moito tempo antes teorza sobre o relato, onde inclúe o conto clásico e, por suposto de aí non tardou en chegar a ao microrrelato, por non lembrar que foi a mesma Dolores M. Koch quen no seu estudo inaugural utilizou xa a denominación de microrrelato.

No ámbito de expresión tanto galega como portuguesa ou brasileira, a denominación de miniconto debe, a meu xuízo ser sinal de identidade.

Con respecto á extensión literaria, cada literatura ten unha relación específica con ela. Nos países anglosaxóns é considerada dunha maneira  (microfiction, sudden fiction, flhas fiction, short-short stories), os de expresión castelá teñen outra, os de expresión francesa outra etc…Mais non queremos continuar por aí, resulta tentador, porén non queremos perder o fío.

Na niña opinión é necesario distinguir en primeiro lugar as hiperbrevidades, dentro delas hainas que teñen enredo e epifanía (minicontos ou microcontos), hainas que non teñen enredo mais si  epifanía (microrrelatos), se teñen enredo e non epifanía simplemente son textos moi breves. Ás veces poden presentarse en forma de teatro, na  literatura galega temos exemplos moi claros e importantes de microteatro nos textos presentados e gañadores do concurso de teatro radiofónico do Diario Cultural (unha extensión de arredor de 12 páxinas) e, igualmente, dentro das hiperbrevidades tamén as hai que non son ficccións, acontece isto coa microfilosofía  ou microensaio ( na literatura galega tamén temos bastantes exemplos onde a filosofía ou ensaio se manifesta desde textos moi breves, case sempre inferiores a unha páxina, Xurxo Borrazás, Xavier Seoane ou Martínez Pereiro, por sinal, son autores aos que seduciu esta estratexia comunicativa) e poderiamos seguir…

A razón de que propoñamos as hiperbrevidades como nome para esta práctica escriturística alternativa, é que desa forma non quedan fóra  hiperbreves ou ultrabreves de ningún tipo. Violeta Rojo xa advertía que microficción ou minificción non eran etiquetas que solucionaran o problema (ficaban fora as non ficcións) e o mesmo Fernando Vals advirte que no no microrrelato tamén hai que deixar fóra expresión brevísimas como o chiste ou os aforismos. A meu ver imponse a  consideración das hiperbrevidades como unha práctica escriturística á parte do sistema literario clásico (por iso lle resultan tan doada hibridación e a incorporación de manifestacións novas como o graffitti ou a twuitterliteratura), xa advertira Lagmánovich que era necesario distinguir as ficticias das non ficticias.

No Brasil, a denominación de miniconto (ás veces microconto) non parece ter discusión cando se trata de textos hiperbreves ficticios ou con enredo. Esta denominación xa a podemos considerar tradicional. E é ben que así sexa. Entre outras cousas porque suxire a distinción entre o relato (estructura aberta) e o conto (estructura pechada). E porque desa maneira fica individualizada a orixe textual na cultura brasileira, caracterizándoos de maneira moi clara e contundente.

Tamén no Brasil, é común a queixa de que hai máis creación que estudos teórico-críticos. E non é tampouco tan mal panorama, visto o visto, evítase o bosque teórico. E é moi importante que as autorías teñan tempo para asimilar as achegas teórico-críticas, que, se se cronifican a velocidade incontrolábel, non son para nada beneficiosas e si un estorbo.

Unha cousa máis antes de entrarmos de cheo con José Eduardo Degrazia en O atleta recordista e A terra sem males. A estratexia narrativa. Francilene recolle de David Roas os seguintes trazos característicos:

1. Traços discursivos: narratividade, hiperbrevidade, concisão e intensidade expressiva, fragmentariedade e hibridez genérica;

2. Traços formais (derivados da hiperbrevidade): ausência de complexidade estrutural na trama; mínima caracterização psicológica das personagens (anônimos, personagens tipo); construção essencializada do espaço (escassez de descrições e referências reduzidas); utilização extrema da elipse temporal; diálogos pouco usados, extremamente funcionais e significativos; finais surpreendentes e/ou enigmáticos; importância do título; experimentação linguística;

3. Traços temáticos (não necessariamente juntos em todo miniconto): intertextualidade (diálogo paródico com outros textos); metaficção; ironia, paródia, humor; intenção crítica;

4. Traços pragmáticos: necessário impacto sobre o leitor e exigência de um leitor ativo.

Si, son trazos característicos. como Dolores M. Koch (2000 e 1996),  Francisca Noguerol (1996),  Tomassini e Colombo (1996), Laura Pollastri (1994), Violeta Rojo (1997), Beatriz Espejo (2000), Henry González (1998) , David Lagmánovich (1996) ou Silvia Adela Kohan (1997) fixeran anteriormente. Fundamentalmente céntranse nos recursos utilizados. Mais, desde eles se se quer, hai que extraer a estratexia narrativa, ir máis alá, ir ao que é o que en verdade importa. Estratexia narrativa que, úsense uns recursos ou otros, consiste en que no minniconto obrígase a  quen le a contextualizar debidamente o texto, xa que as autorías prescinden da contextualización para así sorprender no remate de xeito epifánico. Ou recontextualizar. O miniconto non remata coa palabra final, remata na mente de quen le, que despois da debida contextualización (ou recontextualización) dá a forma final ao texto. A epifanía, a principal característica das hiperbrevidades, tan importante nos primeiros estudos, parece ter desparecido dos actuais que emanan de universidades españolas. De feito, no primeiro traballo de Violeta Rojo citado, alúdese a ela, mais sen nomeala. Na nosa opinión, de non haber epifanía non hai hiperbrevidade.

2.- Nota sobre o miniconto brasileiro

Wendell Guiducci (“As origens e a consolidação do miniconto no Brasil” )  deixa claro que a palabra mimiconto aparece por primeira vez nunha plaquete do Grupo Guaxupé (Francisca Vilas Boas, Elías José, Sebastiaão Rezende e Marco António de Oliveira), 20 minicontos, de 1969. Aínda  a falta de estudos sobre eses primeiros minicontos, como denuncia Francilene, parece indiscutíbel que é aí onde debemos situar o inicio, non no Ah É (1994), de Dalton Trevisan, como fixera inicialmente Pedro Gonzaga (2007) Por máis que , anteriormente a Trevisan,  Elías José desde 1968 xa dera á luz minicontos en publicaións periódicas e en 1970 edita A mal-amada, onde hai minicontos. Son momentos en que esta práctica escriturística é novidosa, sorpresiva e recibida con suspicacias. En 1971, en O tempo, Camila, volve presentar minicontos e é o primeiro autor en presentar o miniconto como un novo xénero (Francilene, 87). Péricles Prade, en 1970, lanza, Os milagres do cão Jerónimo, con 15 textos brevísimos, transgredindo o concepto do real e aventúrase no realismo máxico. Marina Colasanti comeza a publicar textos  brevísimos no Jornal do Brasil e no 1975 dá á luz Zooilógico, sen indicación xenérica, despois do Ah É do Dalton e dentro dun ambiente aparentemente máis comprensivo con esta nova expresión literaria.

En consecuencia, os precursores do miniconto brasileiro serán os anteriores a 1969. O Ah É de Dalton Trevisan apareceu como ministórias  e só entra dentro dos minicontos a partir de Padro Gonzaga (2007). Iso non quita para que sexa unha preciosidade, unha rara preciosidade de libro.

En consecuencia, os autores dos anos 70, entre os que se inclúe o José Eduardo Degrazia de O atleta recordista (1996) e A terra sem males (2000), deben ser considerados como a xeración ou grupo de autores que levarán á explosión desta práctica escriturística no século XXI

3.- O atleta recordista (Movimento, 1996)

Édito en 1996, O atleta recordista, na súa contraportada, Luís Augusto Fischer fala dos textos do libro como “minicontos”. E o mesmo fai no prólogo, a instancias do autor José Eduardo Degrazia, segundo comenta. Isto demostra que Degrazia era xa moi consciente do tipo de textos que contiña o libro, en realidade xa publicara minicontos anteriormente na prensa. Isto é importante, toda vez que Dalton Trevisan escribira ministórias e o mesmo prologuista do libro de Degrazia, cualifica os textos como novidades, o que dá idea do valor que no momento ten ser consciente do “xénero” novo.

 Porén trátase dun título que pasou despercibido para a inmensa maioría dos estudosos, a partir do inaugural Pedro Gonzaga, se exceptuamos Ana Sofía Marques Viana Ferreira, que enPensar a multiplicidade na hiperconcição ficcional: o microconto brasileiro contemporáneo (2000-2017)” si presta atención a esta achega de Degrazia, de 1996, como dixemos.

Primeiramente quero referirme ao título. O atleta recordista alude moi claramente á rapidez, a velocidade, tan propias dos minicontos, pois a brevidade expoisitiva implica lectura rápida, o cal non quere dicir que a comprensión vaia ser tan veloz. De feito, no miniconto acontece todo o contrario. A epifanía obriga a que o lector sexa participativo e sexa el quen elabore a versión definitiva do enredo presentado. E non só por iso me deteño especialmente no título, en realidade Degrazia demostra ser un auténtico especialista á hora de titular. Certamente, non en todos se logra a mesma perfección, mais hai que ter en conta que nas hiperbrevidades, concretamente no miniconto, titular ben é a primeira condición esixible, pois se o título resulta redundante ou excesivamente clarificador…é mellor non titular, como fixera Dalton Trevisan anteriormente. Títulos como “O sangue nosso de cada dia”, “Antes houvesse matado”, “A morte, essa esquecida”, “A arte é longa e a vida breve”, por sinal e sen ler o miniconto correspondente, xa convidan de inicio a pararse e pensar e repensar. Desde o mesmo título atopamos que hai epifanía, o cal non é nada frecuente. Con eles lense otros máis convencionais, porén tamén sucede que o remate da lectura do miniconto nos reenvíe de volta ao título, como en “Notícia de falecimento”, cousa que tampoco é de todo frecuente e nos lembra “As liñas da man” de Cortázar e, sobre todo “Noso pai que estás no ceo” de José Leandro Urbina.

Unha vez que comezamos a lectura, o que dá título ao libro, que é o primeiro, ten reminiscencias claramente borgianas (“Borges e mais eu”), porén axiña comprobamos como a estratexia narrativa de Degrazia non é precisamente a máis común na minicontística. Se no miniconto o habitual é prescindir da contextualización, o autor de Porto Alegre na breve extensión do minconto é capaz de crear atmosferas, ambientes nos que decorre o enredo. En tan pouco espazo, lograr iso resulta especialmente destacable e, na nosa opinión, ben puido ser a causa de padecer esquezo. Non é procedemento habitual, e o que non é común ou non se entende ben compra moitas papeletas (cédulas) para gañar o concurso do esquecemento, do silencio, o cal resulta sempre moi  inxusto, mais na literatura todos sabemos que a xustiza poucas veces existe, mentres autorías mediocres están diario nos mass media e son eloxiados sen moita razón de ser, outras con máis valor específicamente literario permanecen en segundo plano ou, sinxelamente, no esquezo.

Ademais, Degrazia nestes textos non é moi partidario de algún dos recursos máis típicos dos minicontos de expresión castelá,  tales como a elipse, a mínima caracterización psicolóxica (que no autor de Porto Alegre frecuentemente non é tan mínima), a parodia ou a narración explícita dun enredo…

Porén volvamos ao que acabamos de comentar, a creación de atmosferas, é especialmente visíbel nos minicontos que se insiren no chamado “xénero negro”, o noir. E non son poucos. “Perimetral “, I e II, xa nos inician, así como “O homen que matava motoqueiros”, seguíndose despois “O sangue nosso de cada día”, “Mata-pai”, “Un encontró inesperado”, “Em juízo”, “Por causa de troco”, “Matar por amor”, “A despedida de Franz”, “Brincadeira de mau gosto”, “O jogo final”, “Antes houvese matado”, “O atirador de facas”,  “O prazer do senhor Fred” e “Os mortos não terán sepultura”, dunha ou doutra maneira. Si. Mentres outras autorías de romances do xénero negro precisan páxinas e máis páxinas para crear a atmosfera ou ambiente adecuado, Degrazia conségueo no trascurso de unhas simples liñas.

A hibridación é un recurso moi habitual, mais os minicontos de Degrazia non os consideramos híbridos, senón a expresión máis breve do xénero negro. Xénero negro que non goza na minicontística internacional de moita presenza, senón todo o contrario e é aínda cuestión a estudar. Tamén é certo que moitos destes minicontos áchanse un seguido de outro, de xeito que se benefician da atmosfera xa creada no anterior. Mais non sempre é así, os últimos tres, por sinal, non establecen contiguidade entre eles nin cos demais que os anteceden e seguen.

Pola súa parte “O filho será doutor” transita entre o realismo e o xénero negro, tour de forcé do conto clásico: contar unha cousa para sorprender cun remate inagardado.

Desde o meu punto de vista , estes minicontos negros caracterizan moito o  volumen, mais tamén hai tempo e espazo para outras temáticas. A arte, a literatura e a sabedoría : “A arte é longa e a vida breve”, “Un livro de poemas intraduzíveis”, “A literatura renasce das cinzas”, “A obra final” e  “ O sábio”, establecen continuidade entre si e son unha temática que ocupa un lugar central en O atleta recordista. Entre a variedade temática tamen hai lugar para a crítica social (“ O dinheiro não tras a felcidade”, “A grande depressão”, “Un edifício cresce” ou “Terra vazia”, por sinal), o enredo fantástico, marabilloso, máxico ou sobrenatural (vid. “Um homem de repeito”), ou o autocoñecemento, o canibalismo ou a rebelión. E tamén o mundo do día a día, do cotián. Ana Sofia Marques Viana Ferreira  acha nestes minicontos de Degrazia unha expresión cronística ou híbrida entre o conto e a crónica, nós vémolos máis como exemplos (maiormente) de xénero negro na literatura brevísima. Non estraña que Ana Sofía os vexa como crónicas, a fin de contas as crónicas de acontecementos inseríbeis no xénero negro é ben habitual nos mass media. Porén,  a estrutura, e o afán transgresor de escribir contos de lectura a velocidade récord, son o que nos anima a consideralos minicontos de xénero negro.

Chegados  a este punto é necesario comentar que as hiperbrevidades precisan, logo da súa exposición, unha zona de reflexión que habitualmente se materializa en que cada miniconto ocupa unha páxina, evitándose así a lectura mecánica, a lectura que leva a deglutir un tras do outro sen dar tempo á reflexión.

O libro remata cunhas “Colagens” (que me lembran as “calcomanías” de Miro Villar, polo título), que Ana Sofía liga coas Notícias en três linhas de Félix Féneón, ben acertadamente. Estas “colagens” son minicontos brevísmos, contos ultracurtos segundo Lauro Zavala ( entre unha e duascentas palabras, “El cuento ultracorto bajo el microscopio”), mais preséntanse un a seguir o outro, de xeito que non existe zona de reflexión. O miniconto levado á súa expresión máis radical. Como quen le xa chegou aquí afeito a que despois da lectura debe entrar en reflexión sobre o lido, non afecta demasiado en forma negativa e, por outa parte, contribúe a individualizar este tipo de minicontos (que continuarán noutras publicacións).

É hora de falar sobre o conxunto de minicontos que componen o libro. O prologuista. Luís Augusto Fischer, comeza citando como referente principal a Franz Kafka. Certamente o espírito de desasosego kafkiano está presente sempre, sexan minicontos dunha temática ou doutra. Desasosego. Xa vimos que a creación de ambientes é unha das características máis importantes de O atleta recordista. E ese ambiente xeral de desasosegó que preside o volume, debe tamén ser considerado da mesma forma. Nótese que dicimos desasosegó e escollemos esa denominación e  non outra como homenaxe a Feranando Pessoa por razóns obvias.

Dentro deste desasosego, o ser humano case sempre se acha nalgunha situación de soidade, ou ben chega a ela, e desde ela a imprevisíbeis consecuencias. Só, desprotexido, vulnerábel…

E aquí temos outra palabra clave: imprevisíbel. O miniconto debe ser sempre imprevisíbel, esa é a súa principal virtude e é por ela que os minicontos necesitan relecturas constantemente. Nisto, José Eduado Degrazia demostra unha pericia, unha extraordinaria habilidade, que o levará a ser, hoxe por hoxe, un dos nomes clásicos da minicontística brasileira.

Finalmente, non podemos deixar no esquezo o feito de que en O atleta recordista, xunta algúns textos que xa levaban anos escritos, ben antes do Ah É de Dalton Trevisan que nun principio se tivo como inaugural por Pedro Gonzaga. Segundo me confesou o propio Degrazia xa nos anos 70 deu  a luz minicontos principlamente no Correio do Povo. Hai constancia diso en setembro de 1974, marzo de 1975, 1979 ou agosto de 1976, e non son todos. En todo caso, 20 anos antes, do que vimos de comentar, aspecto a ter moi en conta.

4.- A terra sem males (Movimento, 2000)

Precisión inicial. Nestes tempos de desconfianza , porque o novidoso sempre é sosopeitoso e aínda non había teoría crítica no Brasil que amparase o miniconto, convén valorizar moito a xente valente que presta o seu nome e as súas palabras para presentar estes libros, sexa como prologuistas ou como autorías dos textos que figuran nas orellas ou na contraportada. Para facelo é neceario posuír moita sensibilidade, capacidade de ananálise, grande cultura, disposición cara á aceptación do novo, e coraxe suficiente como para prestar o seu nome. Tamén nestes tempos, e aínda despois, é frecuente que meses textos de presentación apareza a palabra síntese. Parece lóxico, porque o sintético é breve. Porén hai que ter moita precaución con esta palabra: á síntese chégase mediante o uso do resumo e o resumo pretende dar conta exacta do contido de algo con máis extensión. E a exactitude non é precisamente algo que caracterice os minicontos, pois son textos que achan acomodo  nas marxes nebulosas do difuso, do inconcreto, xa que desde esa incerteza lles proporciona lugar adecuado para sorprender, para o nock out sen  o cal serían simples textos moi breves. Nock out, ese golpe final que sacode a quen le e obriga á reflexión epifánica, termo tamén moi habitual e, neste caso, absolutamente pertinente.

Tamén a metáfora é outro concepto moi habitual. E comprensíbel, pois nela prodúcese un desprazamento de significado, dise unha cousa querendo que se entenda outra, efecto  moi parecido ao que sucede no miniconto. Porén, na metáfota clásica, ese desprazamento está implícito no primeiro termo. E iso non é exactamente o que sucede no miniconto, que ofrece lecturas moito máis abertas na súa interpretación.

Comecemos. A terra sem males. Lean. A terra sem males. Volvan ler. A terra sem males. Déixense atrapar pola forza hipnótica desta utopía. A terra sem males. Déixense atrapar, é bon para vostedes. Soñarán despertos, iso ten un valor incalculábel. As utopías son sempre necesarias porque nos ensinan os camiños que é preciso percorrer a fin de lograr unha humanidade máis xusta. Neste caso, máis que utopía débese falar de eutopía. Xa antes advertín da mestría de José Eduardo Degrazia á hora de titular. Este é outro exclente exemplo. Temos aquí un título dunha forza suxestiva descomunal, que convida á ensoñación e á reflexión unidas, e xa de inicio, antes de abrir o volumen. Poderían escribirse artigos, libros ou teses sobre el. Deberían. Infortunadamente non é esa a nosa misión, debemos continuar e dar noticia do seu contido.

Xa lles anticipo que Moacyr Scliar, que presenta o libro desde as orellas, remite máis outra vez a Franz Kafka. Totalmente comprensíbel. Aínda que estes minicontos fican lonxe do xénero negro que caracterizaba na súa maioría os textos de O atleta recordista, o miniconto sempre produce desasosego, xa que ese clima lector resulta de grandísima utilidade á hora de avalnazarse sobre quen le, axitar a súa intelixencia e sensibilidade e propoñerlle epifanías que dean forma final ao texto lido. Porén, os minicontos de A terra sem males son ben diferentes do anterior libro comentado. Aquí, por sinal, o libro xa comeza con minicontos moi poéticos, eu diría que son auténtica poesía en prosa. Iso pode levarnos a pensar que estamos lonxe do desasosego, polo menos tal e como se manifestaba antes. Xa lles dixen que o desasoego debe presidir a lectura de todo minconto, de toda expresión brevísima porque esa mesma brevidade xa o produce. Pouco importa a porta titular, tamén tan poética, eutópica. Ou si. Importa moito, porque desmecaniza a lectura indicando coordenadas pouco habituais para efectuala.

Os tres primeiros minicontos, tan poéticos, tan lindamente poéticos, deixan lugar a outro que tematiza  a Torre de Babel, ese mito que en realidade representa unha vinganza divina máis que torpeza humana. Neste caso, Degrazia úsao para defender a multiplicidade de autorías e, sobre todo, de lecturas. Urxentemente de lecturas, nun país como Brasil, onde os ínidices lectores non son moi optimistas, acumular libros que non se len é unha xigante bobería. Máis adiante será tempo doutros mitos. Narciso e Fausto non tardarán en chegar. Se ben o primeiro é unha reinterpretación, recurso moi habitual no miniconto, onde Marco Denevi e as súas Falsificaciones (1966, 1969) son o auténtico e principal referente, no segundo caso, máis que que reiterpretación, que tamén a ten, na niña opinión interesa o clima de rebeldía, a atmosfera de rebeldía que transmite. Aquí si hai parodia.

E con isto volvemos, máis outra vez, a iso que tanto caracteriza os minicontos de Degrazia: a creación de atmosferas, de ambientes de clima lector. Isto  é tan importane que hai minicontos onde constitúe a principal finalidade, envolver a quen ler nunha determinada atmosfera semántica e que desde aí reflexione, ás veces desde a ironía, ou o humor (tamén presente no anterior libro, nalgunha ocasión), á veces desde unha inxenuidade que non ten nada de simpleza, ás veces sobre o amor e a tenrura, ás veces botando man da música, ás veces outra volta no xénero negro, sobre lectura, a loucura, a beleza, a pobreza, sobre o cotián do día a día, a crítica sociopolítica, sobre a relixión, os indíxenas, a inmigración , os masacres e, en definitiva e en conxunto, sobre o difícil que é vivir, sobre o compromiso que é vivir, sobre a soidade e a intemperie vital.

Todo isto debe entenderse expresado desde un humanismo convencido, militante, que deixa unha imaxe de autor que  cre no  poder de autocoñecemento que a literatura fai posíbel, no poder de autocoñecemento que tamén a escrita fai posíbel, e finalmente e non menos importante, nas posibilidades de que o discurso literario nos permita coñecer mellor aos demais, o cal implica transixencia e boa disposición para aceptar o diferente. Dito isto tamén non pode quedar no esquezo, que, desde o humanismo, se chega facilmente á denuncia da atrocidade (individual, cotiá, puntual, ou colectiva, ou planificada). Todo desde unha expresión literaria que se caracteriza pola excelencia, pola pericia narrativa, onde o miniconto non é unha aventura pasaxeira dotada de máis ou menos xenialidade. A diferenza de Dalton Trevisan, que chega ao minioconto querendo facer hai kais en prosa, José Eduardo Degrazia cre no miniconto como unha nova forma de expresión literaria. Desde o conto, desde a narrativa. Non é unha casualidade, é depuración literaria e bon coñecemento da actualidade literaria sudamericana.

O miniconto é precisamente a expresión literaria máis difícil. Non hai lugar para medianías. Ou se logra a excelencia  ou se fracasa irremediabelmente.

Ademais de todo isto, o libro remata con outras “colagens”. A terceira entrega. Non comentaremos nada novo sobre elas ademais do dito.

5.- O anteriormente exposto quere caracterizar os inicios na arte do miniconto de José Eduardo Degrazia, quen posteriormente demostrará en sucesivos títulos toda a mestría que é quen de lograr. Existe un terceiro libro de minicontos, A orelha do bugre (1998). Aquí pode consultarse o que di Eduardo Jablonski  sobre este libro, a tamosfera tráxica interesa especialmente.

6.- Á vista do anteriormente exposto, e como conclusión, se tomamos o Grupo de Guaxupé como referente inaugural ao ser a primeira vez que os textos son cualificados como mincontos, en 1969, as autorías anteriores que tamén escribiron textos brevísimos susceptíbeis de seren minicontos habería que denominalos “precedentes” ou  “antecedentes”.

                Se, con Marcelo Spalding (2008) cremos que Os cen menores contos brasileiros do século (2004, organizada por Marcelino Freire) actuaron como dinamizador indispensábel do minconto no Brasil, como xa sucedera, por sinal, en México.

                Entón atopamos unha serie de nomes de autorías que comezan nos `90 e serán importantes  na posterior explosión do miniconto despois de 2004, caso  de João Gilberto Noll, Luiz Arraes, Carlos Herculano, Fernando Bonassi ou Luiz Ruffato,…Uns terán máis continuidade que otros, porén todos comezan baixo o parugas da loita pola consolidación da nova práctica escritural do miniconto que levaron a cabo xentes como Marina Colasanti, o mesmísimo Dalton Trevisan e, sobre todo, José Eduardo Degrazia. Dalton Trevisan chega ao miniconto desde o hai kai, como é sabido, trátase dun autor de recoñecido prestixio, e é a autoría máis veterana (nace en 1925). Marina Colasanti (1937), segundo lemos en Ana Sofía Marques Viana Ferreira utiliza fundamentalmente o recurso da parodia nos seus libros de minicontos. E é José Euardo Degrazia quen máis cre na potencialidade do miniconto como evolución do conto, proba do cal é o feito de que xa nestes primeiros títulos ousa coa difícil tarefa (e tan difícil que só por iso merece un lugar na historia do miniconto) de crear atmosferas, ambientes, climas…que até se atreven co xénero negro (habituado a moitísima máis extensión) nuns minicontos nos que, persoalmente, non vemos omnipresente  a compoñente paródica como directriz e si a tentativa (lograda, e tanto) de crear textos moi arriscados desde o principio puro da narratividade. Co tempo, Degrazia, demostrará ser un dos nomes capitais no miniconto brasileiro. El é o máis novo dos tres (1951), trátase dun autor entrando xa na madurez e consciente do que está acontecendo no resto de América Latina. O máis novo e tamén o que máis se esforza na difusión do miniconto, non pode quedar no esquezo que entre 1996 e 2000 publica tres libros de minicontos, os dous que centran este artigo e A orelha do bugre. E iso significa algo, moito. Dalton Trevisan, autor de enorme prestixio, só publicará, conceptuados como ministórias, o Ah! É e 234; Outros autores que tamén comezan nesta década sono xa citado Péricles Prade, con Os milagres do cão Jerónimo, 1990, ou Adrino Aragão, con Inquitações de um feto, 1996, que só agora están sendo recoñecidos como minicontistas (Francilene). Pólita Gonçalves, deixa Pérolas no decote, 1998 e Maria Lúcia Simões Contos contidos en 1996. Quen de verdade cre no miniconto como tal, é José Eduardo Degrazia, e esta convicción debe ser recoñecida e valorizada

Ana Sofia alude a este período como tempo entre fronteras. A min ocórreseme o rótulo “Autorías de Ligazón entre dous séculos” porque dese xeito non só  atendemos o aspecto temporario senón tamén ao traballo de consolidación dunha practica escritural nova, traballo de consolidación que, por motivos obvios ampara baixo o seu paraugas nomes moi  importantes na explosión xenérica que se producirá no século XXI. E tamén ao labor, que como exemplo na crenza nunha práctica escritural nova e aínda non teorizada, teñen para as auorías que comezan e levarán á explosión no século XXI. Parce evidente que sen a valentía do seu decicido convencemento no presente e futuro do miniconto, a historia tería sido outra.

Agora, máis necesario que estudos teóricos sobre a orixe do miniconto, é necesario trazar as coordenadas en que se manifesta a tradición minicontística brasileira. Para o cal se fai imprescindíbel revisar ou revisitar todos os  títulos de minicontos éditos, que ningún fique no esquezo, xa non só por razón de xustiza literaria, tamén porque o seu contributo pode e  debe axudar a configurar ou reconfigurar a tradición do miniconto brasileiro.

Non se trata de ningún xénero importado, como temos lido. O único importado é a teoría crítica, non queda máis remedio, pois foi nas literaturas sudamericanas de expresión castelá onde primeiro se estudou. Porén, cada cultura debe ter as súas propias especifidades, como é natural e veu acontecendo desde sempre.

Outro nome  que pasou moi desapercibido é o de Evandro Affonso Ferreira e o seu Grogotó, tamén de 2000, mais iso xa será materia de outro artigo.

Convocar un congreso ou similar sobre a micronarrativa (ou miniconto, específicamente, o nome é o de menos) que reúna a estudosos e estudosas con autoras e autores (non como sucedeu en Portugal, onde se quixo facer algo similar ( en 2011, a Universidade do Minho celebrou “Mutações do conto nas sociedades urbanas contemporâneas: exuberância e minimalismo”, pero sin participación autorial) pode ser unha boa idea. Este tipo de actos promove o coñecimento de pesquisadores e  peaquisadoras con autores e autoras, e o trato entre eles acostuma dar moi bos froitos, ademais de asegurar a difusión dos traballos teórico críticos entre as autorías.

BIBLIOGRAFÍA SOBRE O MINICONTO NON INDEXADA, EXPOSTA SEGUNDO ORDE DE APARICIÓN

Violeta ROJO: “La minificción ya no es lo que era: una aproximación a la literatura brevísima”, 2016

Francilene Maria RIBEIRO ALVES CECHIMEL : O miniconto e a história da minificçao brasileira, 2019

Dolores M. KOCH: “El micro-relato en México: Torri, Arreola, Monterroso y Avilés Fabila”,  1981

Fernando VALS: Narrativas de la posmodernidad, del cuento al microrrelato. Actas del XIX Congreso de Literatura Española Contemporánea. 2008

Dolores M. KOCH:  “Micro-relato y posmodernidad: textos nuevos para un final de milenio”, Revista Interamericana de Bibliografía,  volume XLVI 1-4, Washington, 1996                                     

“Diez recursos para lograr la brevedad en el micro-relato.”. El Cuento en red.                  2020

Francisca NOGUEROL : “Micro-relato y posmodernidad: textos nuevos para un final de milenio”, Revista Internamericana de Bibliografía, XLVI, 1-4,Washington. 1996

Graciela TOMASSINI & Stella Maris COLOMBO: “La minificción como clase textual transgenérica.” Revista Interamericana de Bibliografía, Volume XLVI, números 1-4, Washington. 1996.

Laura POLLASTRI: Una escritura de lo intersticial: las formas breves en la narrativa hispanoamericana contemporánea”, en El puente de las palabras: Homenaje a David Lagmanovich, Washington. Organización de los Estados Americanos. 1994.

Violeta ROJO: Breve manual para reconocer minicuentos. Universidad Autónoma Metropolitana. México. 1997.

Beatriz ESPEJO: “El minicuento y sus misterios”, www. cuentoenred.org. Accesible en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=1273625. 2000

Henry GONZÁLEZ: “El minicuento en la narrativa de Macedonio Fernández” www. cuentoenred. org.  1998.    Accesible en https://revistas.pedagogica.edu.co/index.php/RF/article/view/5834/4818

David LAGMÁNOVICH: “Hacia una teoría del microrrelato hispanoamericano”, en Revista Interamericana de Bibliografía, volume XLVI, números 1-4, Washington. 1996

Silvia Adela KOHAN: ):  Corregir relatos, Grafein ediciones, Barcelona. 1997.

Márcio Almeida: “As origens e a consolidação do miniconto no Brasil”. Accesible en https://tribunademinas.com.br/noticias/cultura/15-09-2019/as-origens-e-a-forca-do-miniconto-no-brasil.html

Ana Sofía MARQUES VIANA FERREIRA: “Pensar a multiplicidade na hiperconcição ficcional: o microconto brasileiro contemporáneo (2000-2017” Universidade de Brasília. 2020

Lauro ZAVALA: “El cuento ultracorto bajo el microscopio”, en el cuento en red, 2002. Accesible en https://revistadeliteratura.revistas.csic.es/index.php/revistadeliteratura/article/view/183/193

Chantaada (Galiza), 27 setembro 2021

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s