crítica de O BAILE DOS ESTORNIÑOS, de Xabier Quiroga, en Xerais

PARA UNHA HISTORIA DA INFAMIA

Título: O baile dos estorniños

Autor: Xabier Quiroga

Editorial: Xerais

Dicíase que despois de Auschwichtz xa non sería posíbel escribir literatura. Claro que se puido, era unha maniera de indicar a magnitude da traxedia, da infamia que alí se vivira.

                     Tamén lembro, hai décadas xa, aquela expresión: outro romance da Guerra Civil?

                     Pois nunca serán poucos. Nin, moito menos, abondos.

                     Porén, aínda que a represión posterior ao Golpe de Estado franquista ten unha incidencia decisiva no enredo, este novo romance da Xabier Quiroga non é unicamente outro romance tematizando a represión franquista. Éo. Si. Porén é moito máis.

                     Hoxe están na moda temas como os abusos a menores cometidos membros da Igrexa “Católica”. Tamén está na moda o dos  “nenos roubados” para satisfacer núcleos familiares estériles e, de paso, facer negocio. E este novo romance de Xabier Quiroga tamén trata o tema. Porén non é só un romance sobre os “nenos roubados” durante a ditadura franquista. Éo. Porén é moito máis.

                     É moito máis porque, a fin de contas é unha terríbel historia da infamia. Ou un anaco, un moi doloroso anaco, desa Historia da Infamia que nunca se dará por conclusa…visto que @s human@s reinventamos cada día novas formas de proxectar a tarxedia, a infamia, n@s demais…iso por se as “técnicas” herdadas non foran suficientes.

                     Quero dicir con isto que aínda que vostedes leran xa moitos romances sobre a represión franquista, nin nunca terán unha panorámica completa das infamias vividas na ditadura do “frío xeneral procedente do noroeste”. Absolutamente. Nunca.

                     Mais, entremos en materia. Resumir as case 800 páxinas para que teñan unha idea do contido, non é tarfa doada e, desde logo, tampouco imos recontar o enredo. Direilles só que comeza en 1935 e que, aínda que semelle rematar en 1950, chega deica hoxe. Porque, o que comeza, 1935, sendo un enredo histórico, co Pazo de Tor, como epicentro, xa ben entrado o romance engade (non é nada novo, tampouco, se se lembra o inicio) o contributo detectivesco coa entrada do Reina a pesquisar para que “un afamado escritor” escriba un romance, o que están vostedes lendo. Deste xeito xúntanse dúas liñas narrativas. A histórica, que viña dando conta da vida no Pazo de Tor como centro, mais que tamén é a vida  en terras d´O Saviñao ou Fereira de Pantón. E esta narrativa histórica está literariamente tan ben construída que envolve a quen le totalmente e, cando entra en acción a parte detectiesca do Reina, iso sorprendenos a lectura de xeito que agora xa son dúas liñas destinadas a confluír desde o inicio: a narrativa histórica e a detectivesca. Certo é que os avatares da detectivesca representan un pausar na histórica (xa se sabe, nestes casos as pesquisas adoitan ir a modo), mais ese pausar, aínda que estean ben imbricadas, tamén é unha maneira de convidar  a quen le para a reflexión sobre o lido.

                     É de salientar, primeiramente, a grande e variada galería de personaxes, que vai desde o señor de Tor e a súa filla Mariluz, aos serventes e serventas do pazo, personaxes da vida rural de entón…a combatentes na Guerra Civil, como o que será xenro do señor de Tor e marido de Mariluz, o Gobernador Militar de Lugo, Basilio Carrera, e ideólogo e responsábel da represión contra os “fuxidos”, o mesmo Miguel Mullera (covarde marido de Mariluz, vido de fóra da Galiza e que non entende o “dialecto”, servil amigo do Gobernador), a mocidade da época, cun Carlos mullereiro impenitente aínda casado mais tamén personaxes femininas (desde a propia herdeira, a “señorita” Mariluz, a bela e inocente Eva, ás prostitutas do “Morriña”ou a misteriosa Lola que axuda ao Reina) sen esquecer o cruel e infame falanxista Luciano, ou o notario de Monforte, ademais do propio Reina e do “afamado escritor”…

                     Toda unha galería de personaxes, moi ben configuradas, que constitúen unha boa mostra social, aspecto moi coidado polo autor. E tamén ocasión para que este romancista ”de raza” exhiba un dos aspectos narrativos en que a súa escrita é especialmente rica: os diálogos. Con tanta e variada personaxe, os diálogos de cada personaxe están moi traballados, moi logrados no seus respectivos “idiolectos”…evidentemente dependentes no só da súa condición social senón tamén da propia configuración psicolóxica -lea, quen quixer, “a súa peculiar forma de pensar”. E isto lévanos a falar da lingua. Sempre Xabier Quiroga, desde aquel primixenio (de hai case 20 anos) Atuado na braña, foi autor que se distinguiu polo uso literario dunha lingua rica como pucas autorías poden presumir, e aquí temos unha mostra máis. Afortunadamente contamos con escritores que cando escriben non pensan na tradución, senón en usar a  lingua en toda a súa potencialidade, Quiroga é destes. Cantas veces apareceu nas súas lecturas recentes o verbo “barnar”, por sinal? Só teño un comentario que facerlle ao respecto: o abuso de “quefacer, quefaceres”, adapatción do castelán admitida polla RAG, admitida mais non deixa de ser adatación do castelán totalmente innecesaria pois temos palabras abondas para ese significado. Un significado abstracto que casa moi pouco coa precisión léxica que é divisa do autor..

                     Hai que dicir tamén que aquí temos “outra forma máis” a incidir na renovación do realismo, seguindo esa nova directriz de “atopar o seu lugar na Historia, e tamén no enredo”. Non só Xabier Quiroga bota man de personaxes reais (o Reina, por sinal, que hai máis) sen que iso proceda dunha fonda documentación histórica, senón que a mestura con ficción pura. Non lle queremos chamar ao produto final “híbrido”, non se trata de hibridar senón dun achegamento á “realidade” que non desbota a priori nada, nin inserir a realidade na ficción nin inserir na ficción a realidade. Quen quixer ver no “afamado escritor” un trasunto, até certo punto, do propio autor, pode, Queiroa e Quiroga veñen sendo un para o outro. Alén diso dedica o romance ao seu avó Carlos e o seu pai Luís, dúas personaxes protagonistas.

                     Porque ninguén de nós vive fóra da Historia. Nunca. E dunha ou doutra maneira partcipamos nela. Ou como espectadores pasivos ou como protagonistas conscientes, por sinal escribindo romances como este.

                     E remato xusto como comeza a novela:

Calquera semellanza coa realidade non é adrede nin maliciosa, aínda que, se acaso por certa, manque”

                     Déixense envolver nas densa atmosfera narrativa creada por Xabier Quiroga. Prestarálles. Gozarán da literatura sen perder de vista a crúa realidade da infamia a que pode chegar a humanidade, e , sinaladamente, o fascismo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s