crítica de O GRUPO, de Tito Pérez, en Medulia

QUE MALOS FOMOS!

Título: O grupo

Autor: Tito Pérez

Editorial: Medulia

A adolescencia como época vital problemática, é un deses tópicos que nunca deixan de estar de actualidade porque nunca deixan de ser veraces e os conflitos vívense con especial intensidade. Porén é na época inmediatamente anterior – tida moitaa veces como un “paraíso”, se cadra o único verdadeiro- cando a maldade se presenta como algo moito máis cruel. A crueldade exercida sobre nós na nenez nin sequera ten sempre unha xustificación, unha explicación; pode que quen nos magoe o faga por simple capricho, porque acha pracer magoando os demais, mesmo porque así se sente superior aos demais, etc.. Poucas manifestacións da crueldade son máis duras que as deste tipo.

                     Pasados os anos, inclusive acontece ás veces que estes episodios sexan lembrados pol@s protagonistas como anécdotas “sen importancia”, “total, eramos cativ@s”, e desta forma se lle reste importancia. Outra maneira máis de ser cruel. Porque si son importantes para quen os padeceu, madía leva!

                     Despois dos Vinte fragmentos de mocidade voraz (Tosoutos, 2016), este é o novo escenario que nos propón Tito Pérez (A Coruña 1983) para que reflexionemos. Do mesmo xeito que nos relatos anteriores, o enredo é presentado dentro do realismo, supraxénero que está a se redefinir moi activamente nestes momentos de pandemia. Tamén como en O latexar do barrio (Do Peirao, 2018), o escenario volve ser A Coruña. Mais agora xa non se trata de relatos, esta é a súa primeira novela, aínda que o fragmentarismo segue estando presente, pois esta está estruturada sobre fragmentos nunca moi extensos que constitúen os cinco caspítulos ou partes en que divide o enredo

                     E como primeira tentativa novelística que é, debe ser xulgada, unha vez que xa demostrou a súa capacidade na extensión breve. De todas maneiras, e para alén do xa dito, tamén hai que engadir que, como novela que é (antes chamáballe novela curta, como en castelán, agora adoptei a nomenclatura lusófona) pouco pasa das 130 páxinas. O xusto para que a mellor lectura se faga en poucas sesións, entre outras cousas porque do contrario o simbolismo que por veces emprega podería caer en esquezo. E é necesario que non sexa así. Non se trata dun simbolismo “forte”, senón de insinuacións para que quen le o estableza, redimensionando de certa maneira a lectura, porque a fai máis rica e porque o autor pretende que se reflexione sobre o que relata, non quere que a novela sexa tida como un pasatempo intrascendente. Cre na literatura como lugar de reflexión. Xa o é para quen escribe. E debe selo tamén para quen le.

                     Comprenderán que non amiude no enredo. Tan só indicarlles que a parte correspondente á nenez está iniciada e finalizada nun prólogo e epílogo onde os protagonistas xa son adultos, a xeito de marco. Desta maneira, o que podería ser tido como título para  destinatari@ LIX debido á temática…debe ser entendido como discurso para adult@s. Aínda que as dúas lecturas son posíbeis, nós preferimos esta última porque é a máis rica, a máis complexa, a que achega máia cousas no proceso de reflexión suxerido. Para alén, este argumento tamén explica que o simbolismo sexa como dixemos.

                     Para finalizar, non pode ser obviado que a novela precisaría dunha corrección moito máis intensa antes da publicación, pois son moitas as grallas que o texto contén, xa non só no uso do pronome persoal átono, ou na acentuación incorrecta (onde di “bolas”, por sinal), senón tamén na presenza de pausas gráficas que interrompen o grupo sintáctico (“levantar, as celllas”).Ao que hai que sumar a onomástica non sempre galega.

ASD.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s