a propósito de A ORDE DOS OBXECTOS, de Mario Losada, en Euseino?

EMERXENCIA E SIGNIFICADO DAS COUSAS

Título: A orde dos obxectos

Autor: Mario Losada

Editorial. Euseino?

A filosofía é o eido das dúbidas, das preguntas (ás veces sen resposta), da inquietación ou desacougo que produce trotar de entender o mundo, desde as cousas máis básicas ás máis complexas. Pretender entender a filosofía como abstraccións ou teorías que só son aplicábeis dentro das marxes dos seus construtos argumentais…significa roubar, expoliar, despoxala da súa finalidade primeira, que non é outra que a de explicar o mundo e as realidades que nel se achan.

                     Un bo exemplo é este A orde dos obxectos que Mario Losada nos convida a ler. Trátase de explicar como xorden os obxectos, as cousas, e as relacións que poden establecer entre si e coa mente pensante. Dito isto de modo moi resumido, abonda para que lles propoña e efectuaren unha análise do acontecer socio-político-económico a raíz da pandemia covid-19…a partir desta lectura. Como foron xurdindo as noticias, as (inter)relacións que se poden establecer entre elas e a emerxencia dunha “nova normalidade” que vén signifcar a perpetuación dunha sociedade precarizada, con menos dereitos humanos, con menos dereitos para quen traballa, lavado de cara do pensamento e prácticas fascistas…e consolidación dunhas estruturas económicas que tenden ao monopolio e na cal os poderes fácticos gañan máis (en tempos de escaseza) sen que iso sexa interpretado polos media como deslealdade coa dignidade humana.

                     Proben. Especulen. Particularmente, a min, ocupoume ben tempo. Chegarán ou non a conclusión(s), mais iso, en certa maneira é o de menos, polo medio está o proceso, no cal, vostedes coma min, empregaron con utilidade toda a forza do seu racicinio. Que non é pouco, pois todos (todos os poderes) pretenden indisimuladamente que pensemos o menos posíbel, para iso están eles, que nos dan todo pensado e sen aparente forma de contestación pola nosa parte.

                     Lean e pensen. Sexan rebeldes.

                     Aparentemente, a percepción da realidade, a percepción das cousas, a súa emerxencia é algo no cal, por habitual e mecánico, non adoitamos reparar pois parece incuestionábel. E non é así. Leva sendo materia sobre a que pensar desde a Grecia clásica, por sinal. Materia imprescindíbel, pois todo@s vivimos rodeados de obxectos, obxectos que ás veces son imprescindíbeis para a nosa existencia -e entre eses obxectos tamen están os abstractos, o universo das ideas.

                     Intimamente realcionado con isto está a OOO (2007, no seo da Goldsmiths University), ontoloxía orientada aos obxectos, que ten a Bruno Latour como antecedente (non único, tamén Alain Badiou, por sinal), e nace desde o realismo especulativo, emerxido da Goldsmiths nas voces de Ray Brassier, Ian Hamilton Grant, Graham Harman e Quentin Meillassoux.

                     Particularmente aconsello acompañar a lectura desta A orde dos obxectos,  con Corpo-circuítos (Abraham Rubín) e Filosofía da individuación (Miguel Penas).

                     A orde dos obxectos de Mario Losada ten como centro o ideario filosófico de A.N. Whitehead (1861.1947), cuestionando precisamente o realismo especulativo (orixe da OOO), de xeito que representa unha actualización no pensamento filosófico que fixa o seu albo na realidade e o modo de percepción dela De xeito que na radical temporalidade do real é preciso introducir o devir como concepto de orde (10). Precisamente no primeiro capítulo exmina a relación das cousas, dos obxectos, tendo a orde como concepto desde o cal entender, a sucesión, a cadea temporaria, os instantes, nos que se manifestan. De Hume a Whitehead, sen esquecer o punto de vista moderno de Descartes. Posteriormente, no segundo capítulo chégase a que o devir e o proceso sobrepóñense aos conceptos de identidade e permanencia. Sería un craso erro pensar nas cousas, nos obxectos como entes intemporais non suxeitos á dinámica que explica precisamente iso, a evolución das cousas. Inmersos nesa dinámica temporal podemos caer no falso estatismo á hora de sentir o mundo, sentir que ten que ser derivado á vez desde a causalidade e substancia. Para, no cuarto capítulo examinar o concepto de orde, os modos de ordenar a realidade fronte ao abismo do caos. E aínda hai un capítulo final ou conclusivo, do que non lles vou comentar cousa aínda que pareza que sería o lóxico, déixoos coa reflexión que pecha o libro: “…cada momento da existencia paga unha ración de esquecemento e soidade, pois todo queda, si, mais mergullado noutro que non o conserva tal e como era” (105)

ASDO.: Xosé M. Eyré

Unha opinión sobre “a propósito de A ORDE DOS OBXECTOS, de Mario Losada, en Euseino?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s